InicioPOLÍTICARaxoi critica "o fondo e a forma" da taxa turística, pero asegura...

Raxoi critica “o fondo e a forma” da taxa turística, pero asegura que traballa para pola en marcha

A portavoz do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, critica que "non ten sentido que unha lei se aprobe cunha emenda do PP a outra lei"

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, insistiu en criticar “o fondo e a forma” da lei autonómica que habilitará a taxa turística, pero asegurou que o consistorio municipal traballa para pola en marcha. A preguntas dos medios este luns en rolda de prensa, Louzao manifestou que o executivo de Goretti Sanmartín é “coherente” e mantén o devandito “desde o primeiro momento”: “Non falamos dun imposto que sexa só para Santiago, a idea é que o poidan pór en marcha todos os concellos que así o decidan”.

Por iso, a portavoz municipal reiterou que “o lóxico” sería que fose a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) a encargada de recadar o imposto. Así, lembrou que na súa proposta inicial, o Concello sinalaba que unha parte fose para “un fondo galego que poña en marcha unha política turística, que ten que ser de país” e, a outra, para que cada concello “decidise en que se investía”. Nesta liña, cualificou de “curiosa” a forma do articulado, xa que, na súa opinión, “non ten sentido que unha lei se pretenda aprobar cunha emenda do PP a outra lei, que nin sequera é a lei do imposto de estancia”. “Iso non ten sentido de ningún tipo”, remarcou.

Neste sentido, sinalou que no seu momento xa insistiran en que a lei “puidese ser debatida no Parlamento”, pero agora, engadiu, “é imposible”, xa que “non ten sentido emendar unha emenda”. “Insistimos en que o lóxico é que se presente unha lei concreta. Se o fan de maneira urxente pode estar en marcha nun ou dous meses e que, por tanto, se poida falar no Parlamento”, manifestou antes de apuntar que “o lóxico” tamén sería que os demais concellos “poidan pronunciarse”. Ademais, criticou tamén “o fondo” do propio articulado no que “aparecen unha serie de deberes aos concellos claramente excesivos”. “Chega a dicir que temos que formar unha comisión para redactar a ordenanza”, reprochou. En todo caso, asegurou que o Concello “seguirá traballando para poder pola en marcha”, pero “denunciando” que non lles parece “nin a forma nin o fondo”.

NEGOCIACIÓNS PRESUPOSTOS

Por outra banda, cuestionada sobre as negociacións co PSOE para os orzamentos do próximo ano, Míriam Louzao apuntou que realizarán unha proposta “ao grupo municipal socialista”, agás se eles “deciden outra cuestión”. “Se deciden que sexan outras persoas, acatarémolo”, sinalou en referencia á agrupación local, debido ao conflito aberto entre a dirección e o grupo municipal. “Estamos a acabar esa proposta e nos próximos días haberá noticias respecto diso. Falaremos co grupo municipal socialista; se o grupo municipal nos traslada outra cuestión, valorarémolo, pero non estamos nesa situación”, resolveu.

ÚLTIMAS

Correlingua 2026 comezará en Santiago o 5 de maio cunha chamada á mobilización pola lingua galega

O Correlingua 2026 dará comezo o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela,...

Mila Castro presenta unha proposición para que o Pleno decida o modelo de xestión da auga en Santiago

A concelleira non adscrita do Concello de Santiago, Milagros Castro, rexistrou unha proposición para...

(VÍDEO) As placas de “seguros mutuos” que ves nas fachadas de Santiago e que case ninguén sabe que significan

Quen pasea polo casco histórico de Santiago de Compostela pode atoparse, se presta algo...

Expertos reunidos en Santiago alertan do aumento dos desprazamentos polo cambio climático

Expertos de distintos ámbitos analizaron este martes en Santiago como o cambio climático está...

Mila Castro presenta unha proposición para que o Pleno decida o modelo de xestión da auga en Santiago

A concelleira non adscrita do Concello de Santiago, Milagros Castro, rexistrou unha proposición para...

O PSdeG critica que o novo contrato de transporte urbano se tramite sen participación veciñal en Santiago

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, cuestionou o proceso de elaboración do...

O PP acusa a Goretti Sanmartín de incumprir o compromiso sobre o modelo de xestión da auga

O portavoz do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu este martes en rolda...