InicioSOCIEDADEExpertos reunidos en Santiago alertan do aumento dos desprazamentos polo cambio climático

Expertos reunidos en Santiago alertan do aumento dos desprazamentos polo cambio climático

Unha xornada da USC advirte de que os ecorefuxiados carecen de recoñecemento legal pese ao incremento das mobilidades humanas ligadas á crise climática

Publicado o

Xornal de Compostela

Expertos de distintos ámbitos analizaron este martes en Santiago como o cambio climático está a influír nas mobilidades humanas e advertiron da necesidade de crear mecanismos de protección para os chamados ecorefuxiados, que na actualidade carecen de recoñecemento legal internacional. O debate tivo lugar na xornada ‘Cambio Climático e Mobilidades Humanas’, celebrada no Instituto de Investigación de Humanidades da Universidade de Santiago (USC) e enmarcada no proxecto Eco-RefugLit, codirixido polos profesores Jorge Sacido e Noemí Pereira. Durante o encontro, os organizadores advertiron de que os desprazamentos forzosos de persoas, presentes ao longo da historia, experimentaron un aumento exponencial neste século, en gran parte ligados aos efectos da crise climática.

UN FENÓMENO GLOBAL EN CRECEMENTO

A técnica de proxectos de ACCEM e experta en atención integral a persoas en situación de trata, Estefanía Eléxpuru Boullosa, presentou datos actualizados do Informe de Tendencias Globais de ACNUR, segundo os cales existen actualmente 117 millóns de persoas desprazadas no mundo. Segundo explicou, a maioría destes movementos prodúcense dentro do propio país ou entre territorios fronteirizos, e reclamou maior transparencia política para poder desenvolver mecanismos eficaces que recoñezan a situación dos ecorefuxiados.

ATA 300 MILLÓNS DE DESPRAZADOS EN 2050

Pola súa banda, o enxeñeiro colombiano Manuel Alberto Cortés Cobos, exiliado do seu país, advertiu de que o número de persoas desprazadas podería alcanzar os 200 millóns no ano 2050, aínda que algúns estudos apuntan a que a cifra podería chegar aos 300 millóns debido aos efectos do cambio climático. Cortés Cobos tamén ofreceu a súa visión sobre a industria petroleira en Colombia, sector no que traballou, e criticou que esta actividade xera beneficios suficientes para mellorar as condicións ambientais e sociais, pero non sempre se destinan a ese fin.

A FALTA DE RECOÑECEMENTO LEGAL

A xurista Begoña Carrera, especializada en protección internacional, denunciou que moitas migracións vinculadas á perda de medios de vida son tratadas unicamente como migracións económicas, sen analizar as causas reais. “Por que perdeu esa persoa os seus medios de vida? Esa reflexión non se fai e denégase a protección sen ningún tipo de contemplación”, lamentou. Carrera advertiu tamén de que as políticas migratorias están a ser cada vez máis restritivas e criticou que o pacto para o cambio climático previsto para 2026 non contemple a figura dos ecorefuxiados, pese a que podería ser unha oportunidade para recoñecelos. Ademais, denunciou que recursos que deberían destinarse á mitigación do cambio climático están a ser dirixidos á industria armamentística.

A EMIGRACIÓN VISTA DENDE A HISTORIA

Durante a xornada, o historiador ambiental Marco Amieiro impartiu a conferencia “The world in a migrant’s cardboard suitcase”, na que analizou os procesos migratorios a través da experiencia de emigración dun familiar. Na súa intervención reflexionou sobre como as migracións reciben diferentes consideracións sociais e legais, pese a que as dificultades ás que se enfrontan as persoas que abandonan o seu fogar —sexan emigrantes ou ecorefuxiados— son similares.

LITERATURA E MOBILIDADE CLIMÁTICA

O encontro forma parte do proxecto Eco-Refugees: Borders and (non-)Human Mobility in Literature in English (Eco-RefugLit), financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e pola Axencia Española de Investigación. A iniciativa busca analizar como a mobilidade humana e non humana provocada polo cambio climático se representa na literatura do século XXI escrita en inglés, co obxectivo de comprender mellor as dimensións culturais, sociais e políticas deste fenómeno global.

ÚLTIMAS

A USC designa como novo xerente a Juan Díaz Villoslada

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) oficializou o nomeamento de Juan Díaz Villoslada...

O Concello de Santiago defende a súa actuación no muro de Bonaval e confirma o inicio inmediato dos estudos técnicos

O Concello de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre a falta...

O Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da pista e critica a falta de coordinación da Xunta

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que a actual caída...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

O Concello de Santiago defende a súa actuación no muro de Bonaval e confirma o inicio inmediato dos estudos técnicos

O Concello de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre a falta...

Verea critica a falta de actuación no muro de Bonaval e cuestiona a xestión do goberno local en Santiago

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, denunciou este martes en rolda...

O Concello de Santiago declara en ruína unha vivenda en Caramoniña e sácaa a poxa pública

O Concello de Santiago acordou a declaración de ruína dunha vivenda situada no número...