Se a historia política de Galicia é unha gran descoñecida para o gran público, a historia política de Galicia non podía ser menos. Mais trátase este dun descoñecemento desigual, que se amosa nos seus perfiles máis ben como unha operación de esquecemento forzado. Refírome á traxectoria de Coalición Galega (CG) que, pese a seguir representando con máis ou menos forza na memoria popular de moitos como o partido do centro galego por excelencia nos anos 80 e 90 do século pasado, non xoga hoxe ningún tipo de rol nos debates públicos de Galicia. Vaiamos, pois, a este pasado para comprender mellor este fenómeno.
Coalición Galega xurdiu a comezos de 1983 nun momento político moi particular para Galicia e mesmo para España. A UCD, que liderara o goberno de España ata 1982 perdeu dende entón a posibilidade de perpetuar unha forza política estatal centrista que recollese as aspiracións de actores ideoloxicamente diversos, disolvéndose ao ano seguinte. En Galicia gozara dun forte peso político como primeira forza durante eleccións xerais, municipal, pero non así nas autonómicas de 1981, momento no cal Alianza Popular se converterá na lista máis votada.
Ante esta situación, diferentes actores toman a decisión de artellar unha forza política galega dende o centro, que recollería unha parte considerábel dos cadros que proviñan de UCD, pero tamén outros sectores do nacionalismo galego moderado, ao se uniren o Partido Galego Independente, Centristas de Ourense e o Partido Galeguista da man de líderes como o coruñés Pablo González Mariñas, os ourensáns Euloxio Gómez Franqueira e Xosé Henrique Rodríguez Peña ou o ribadense Víctor Moro.
E o interesante ven agora: o novo partido conseguiu éxitos moi notábeis. Eleccións municipais de 1983: máis de 900 concelleiros en toda Galicia —non demasiado lonxe dos 929 do PSdG-PSOE―, un trunfo que chamaría a atención de Miquel Roca e levaría a CG a participar na Operación que levaría o seu nome, en colaboración con Convergencia i Unió. Eleccións autonómicas de 1985: de novo terceira forza, con 11 deputados (e ben por enriba dos 3 e 1 do PSG-EG de Camilo Nogueira e o BNG de Xosé Manoel Beiras, respectivamente!). Nas eleccións xerais de 1986 Coalición Galega consegue un fito considerábel: Senén Bernárdez consegue ser o primeiro deputado nacionalista galego dende as Cortes da Segunda República. Feito equiparábel ao conseguido pola formación nas eleccións europeas de 1989, ao acadar un eurodeputado grazas á coalición co PNV e os independentes canarios, o primeiro en usar o galego no Parlamento Europeo.
Con todo, o ascendente de Coalición Galega viuse seriamente prexudicado polo desembarco de Fraga nas eleccións autonómicas de 1989. Ben é certo que o partido xa sufrira unha importante escisión coa aparición do Partido Nacionalista Galego, que pasaría a ser liderado por González Mariñas, mais non deixara de ser un actor relevante, posto que foi Coalición Galega o partido no que Xosé Luis Barreiro Rivas pasaría a exercer como secretario xeral, talo seu golpe de man fracasado contra o presidente aliancista Xerardo Fernández Albor en 1987.
En calquera caso, “pasou o que pasou”, e don Manuel sería quen de atraer o apoio doutro sector escindido dos coaga, neste caso Centristas de Galicia, diluíndo inda máis a posibilidade dunha Coalición Galega forte. E é que Coalición Galega, navegando con intelixencia tanto nas augas do rexionalismo como nas do nacionalismo galego, conseguira importantes éxitos electorais, pero tampouco foi capaz de sacar partido desta pluralidade no seu seo, apostado os seus líderes por estratexias contraditorias que dificultaron maiores avances.
En calquera caso, Coalición Galega marcou a experiencia de varias xeracións de galegos, como forza política de centro que apostou pola “clivaxe” territorial, reclamando unha voz galega en Madrid e en Europa e poñendo o foco nos intereses específicos da súa sociedade. Considerar hoxe a Coalición Galega o PNV galego sería un equívoco, por canto o PNV sempre foi vasco e proxecto coaga sempre foi galego.
Pero volvamos cun chimpo ao noso presente: por que non se fala abertamente de Coalición Galega? A pregunta quizais se responde en parte analizando quen se beneficiou da súa desaparición de facto no escenario político galego; e a historia é clara ao respecto.