InicioMOV. SOCIAISAsí é o día a día dos informadores turísticos: un grupo de...

Así é o día a día dos informadores turísticos: un grupo de traballadores que busca sensibilizar aos turistas en Santiago para unha convivencia harmónica

Un grupo de mozos percorren as rúas da cidade cunha misión: fomentar o respecto polo patrimonio e minimizar comportamentos incívicos entre os visitantes

Publicado o

Xornal de Compostela

Hugo Caamaño e Patricia Parafita, dous mozos de 21 anos, comezan cada mañá ás 9:00 o seu traballo percorrendo as rúas de Santiago. Non son policías, senón informadores cunha misión clara: promover unha “convivencia harmónica” entre turistas e residentes. Armados cun chaleco branco, unha tablet e un sonómetro, a súa función principal é sensibilizar aos visitantes sobre un turismo respectuoso, informando e orientando sobre boas prácticas na cidade.

Durante unha demostración este mércores na Praza de Cervantes, os dous informadores compartiron a súa experiencia dos últimos seis días, destacando que a maioría das interaccións cos turistas foron positivas. “A xente coa que falamos adoita ser bastante acolledora”, afirmou Hugo Caamaño, aínda que recoñece que non faltan os “non” por parte dalgúns grupos. Porén, na maior parte dos casos son os informadores os que se achegan aos visitantes e non ao revés. Ademais, os propios traballadores detallaron que en ocasións os confunden con captadores de ONG debido á súa indumentaria: un chaleco branco.

A súa labor consiste en achegarse aos visitantes, realizar unha breve enquisa sobre a súa viaxe e explicarlles a importancia de evitar comportamentos incívicos, como a recente acampada nas escaleiras da Praza de Praterías.

CONCIENCIACIÓN SOBRE A CENTRALIZACIÓN TURÍSTICA

Os informadores tamén buscan reducir a centralización do turismo na zona antiga de Santiago, ofrecendo aos visitantes recomendacións sobre outros lugares menos coñecidos da cidade. A través das súas tablets, convidan aos turistas a escanear un código QR que lles permite descubrir novas rutas e espazos por explorar. “Moitos agradecen estas suxestións, xa que chegan á cidade sen saber que facer máis aló da zona vella”, comentou Patricia Parafita.

Ademais das recomendacións turísticas, Hugo e Patricia tamén utilizan un sonómetro para amosar aos visitantes o nivel de ruído que poden xerar, especialmente en grupos. “A xente sorpréndese ao ver o impacto que teñen e mesmo piden desculpas”, explicou Patricia.

“NON SOMOS POLICÍAS, ESTAMOS A INFORMAR”

A pesar da súa misión, os informadores subliñan que a súa aproximación sempre é amigable e non buscan recriminar comportamentos, senón informar e sensibilizar. “Á fin e ao cabo, non somos policías, non temos ningún tipo de poder. Estamos aquí para informar”, aclarou Hugo Caamaño.

Non obstante, o seu traballo non sempre é fácil. “Cando nos situamos nos tramos finais do Camiño de Santiago, moitos peregrinos están ansiosos por chegar e non queren parar”, indicou Hugo.

Malia as dificultades, outros turistas valoraron positivamente o traballo destes informadores, cualificándoo de “necesario” dada a masificación turística que Galicia está a experimentar.

Este servizo de informadores, que percorren os principais puntos turísticos de Santiago desde o pasado venres, forma parte dunha campaña para fomentar un turismo máis respectuoso e consciente na cidade, promovendo así unha mellor convivencia entre visitantes e veciños.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Medio cento de estudantes maniféstanse en Santiago para reivindicar a igualdade de xénero no marco do 8M

Preto de medio cento de estudantes participaron este venres nunha mobilización polas rúas do...

Galiza por Palestina pide ás candidatas á Reitoría da USC compromisos claros sobre a relación con institucións israelís

A organización Galiza por Palestina fixo público un chamamento ás candidatas que concorren á...

Chafarís e Down Compostela protagonizan en marzo a campaña municipal ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

O Concello de Santiago presentou este mércores as actividades correspondentes ao mes de marzo...