InicioMOV. SOCIAISAs vítimas do tren Alvia lembran o accidente 11 anos despois: "É...

As vítimas do tren Alvia lembran o accidente 11 anos despois: “É demasiado tarde para pedirnos perdón”

O presidente da Asociación Plataforma Víctimas Alvia 04155 asegura que este caso é un exemplo de como o Estado ás veces pode ir contra a cidadanía cando teñen intereses por diante

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Hoxe Xornal de Compostela fala con Jesús Dominguez, presidente da Asociación Plataforma Víctimas Alvia 04155, unha entidade que engloba ás vítimas do terrible accidente que o pasado 24 de xullo de 2013 acabou coa vida de 80 persoas e deixou un total de 144 feridas na curva da Grandeira, en Angrois. Un accidente que se producía no serán da véspera do Apóstolo e que fixo que os viaxeiros que ían a bordo dese tren que conectaba Madrid con Ferrol fosen esquecidos polas autoridades, a política e a xustiza durante máis dunha década.

Gustaríanos en primeiro lugar coñecerte, Jesús. De onde es, cara onde ías nese tren e como lembras o 24 de xullo de hai 11 anos?

Son de Madrid e viña a Galicia de vacacións coas miñas sobriñas para pasar uns días en Portosín, pois teño familia por aquí. Antes de chegar a Santiago notamos que algo ía mal, o tren descarrilou e despois… Todos imaxinamos o que vimos alí… Moito hospital e moitas operacións… Afortunadamente, tanto eu coma a miña moza, como as miñas sobriñas, aínda que feridos, e algúns máis graves que outros, puidemos contalo. Por desgraza, houbo 80 persoas que quedaron alí nas vías.

Arquivo – Pancarta situada na ponte da Vía da Prata, baixo a que tivo lugar o accidente do tren Alvia entre Madrid e Ferrol – Europa Press

Os pasaxeiros eran conscientes do problema de velocidade cando estaban no tren?

Non. Moitas testemuñas aseguran que si e nisto confúndense. O tren ía a 200 quilómetros por hora, que é a velocidade á que ten marcada que ten que ir. O único que pasou é que non se comezou a frear a tempo. Un tren non é un coche. Hai que comezar a frear case tres ou catro quilómetros antes para chegar á velocidade. No momento en que o tren entrou na curva, cando freou o maquinista ao saír do túnel, había xa un sinal a uns 400 metros. Pero un tren ten unha inercia na que se necesita moita máis distancia.

Como se crea esta a Asociación Plataforma Víctimas Alvia 04155?

Estaba no hospital cando se ideou. Estiven tres meses no hospital e lembro que miña irmá asistira a unha reunión informativa para asesorar a familias. E alí xuntáronse varias persoas que foron as que despois foron da Xunta Directiva… Eu aínda non estaba. E alí decidiuse que era unha boa idea asociarse. E a miña irmá e os que estaban alí decidiron creala. Creouse sobre setembro ou outubro dese mesmo ano.

A partir de aí incorporeime cando estiven un pouco máis recuperado do hospital e da rehabilitación. Outra persoa que estaba de presidente tivo que deixalo por temas persoais e fomos xuntándonos varias familias. Cada vez uníase máis xente. As vítimas foron chegando, pois nós faciamos actos, incluso houbo xente que se incorporou hai ao mellor un ano. Tamén hai xente que non quere saber nada. É un tema moi doloroso e moi complicado. Como nós xa faciamos concentracións a xente xa se ía poñendo en contacto e quería saber máis.

Arquivo – Imaxe dunha das últimas concentracións da asociación – Asociación Plataforma Víctimas Alvia 04155

Hoxe en día, tras máis dunha década deste accidente, aínda non existe unha sentenza xudicial do ocorrido. Hai xa máis dun ano que se produciu o último xuizo. Que pasou desde entón?

Seguimos cun recurso que está agora no Tribunal Constitucional, porque aínda non se fixo a investigación como a reclama Europa. Todos estes membros están obrigados a facer unha investigación independente, pero no noso caso en dita investigación formaba parte o equipo directivo: o director de seguridade de Adif, que está imputado, e o director de seguridade de Renfe. Nesta investigación sinalábase ao maquinista, Francisco Garzón, e non analizaba as causas do accidente por parte de Renfe e Adif, ou sexa, as cousas que estaban mal feitas da súa parte.

Europa pediu varias veces que se repita, pero ningún goberno quixo facela. Nós recorremos e estamos xa no Constitucional e se é necesario iremos a Estrasburgo. Esta parte non ten que ver nada co xuizo penal, é un tema da investigación independente.

O que ocorreu no xuizo é, sen razón aparente, que o fiscal Mario Piñeiro retirou a acusación de Adif. E a semana pasada coñecimos que o Fiscal Xeral do Estado, Álvaro Ortiz, foi nomeado como Fiscal do Tribunal Supremo. Ao final, todo o mundo que tivo algo que ver neste accidente resulta premiado.

Aquí a labor do Estado é unicamente protexer a Alta Velocidade e os intereses de Adif e de Fomento. Nós temos en contra á Fiscalía e á Avogacía do Estado. A xuíza supostamente é independente e esperemos que dicte unha sentenza que sexa, dentro do que cabe, algo xusta.

Arquivo – O exdirector de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, xunto do seu avogado durante o xuízo que tivo lugar na Cidade da Cultura – Europa Press

Existe unha idea de cando pode chegar esa sentenza ou non se dixo nada?

Suponse que ía saír esta primavera ou este verán, pero parece que se está atrasando.

Crees que o sucedido en Angrois puido facer que Renfe e Adif abran os ollos ante posibles accidentes similares no futuro? Aprendéuse algo ou cometeranse os mesmos erros?

A miña opinión persoal cos feitos é que eu creo que Renfe e Adif non aprenderon nada, pero pero penso tamén que a nosa loita e as nosas denuncias en Europa foron claras.

Isto supuxo un informe demoledor. Europa dixo que había que facer outra investigación independente e a España abriuselle un procedemento de infracción por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria. Eu creo que a Renfe e Adif os mortos danlles igual, pero a presión que se fixo foi o que lles fixo cambiar e mellorar os sistemas de seguridade e cumprir a normativa.

Que esperas para o futuro da asociación que presides?

Unha sentenza que deixe clara a verdade. Xustiza e reparación. E respecto á investigación independente, alí seguiremos loitando. A xente está cansa, son moitos anos e hai moita xente que vai fallar. É normal e xógase moito co desgaste que temos xa de moitos anos.

Como poden pedir perdón ás vítimas?

É demasiado tarde para pedir perdón. Son feitos. Ao presidente de Renfe, Julio Gómez-Pomar, tras 80 mortos e máis de 140 feridos, fixérono Secretario de Infraestruturas. Ao que era o Secretario de Infraestruturas, Rafael Catalá, fixérono Ministro de Xustiza… Xa houbo demasiado dano, demasiada dor…

Eu creo que xa polo menos a sociedade o coñece e quedan retratados. Creo que este é un caso claro de como o Estado ás veces pode ir contra a cidadanía cando teñen intereses por diante. Intereses como a Alta Velocidade, os negocios, os contratos… Iso era o máis importante, o prestixio da Alta Velocidade Española. Os mortos dan exactamente igual.

ACTOS ESTE 24 DE XULLO

As vítimas e familiares do accidente concentraranse este mércores en Santiago, demandando responsabilidades e xustiza tras case un ano do final do xuízo que concluíu o 27 de xullo de 2023.

Ás 11:30, os afectados reuniranse ante a estación de trens de Santiago e marcharon ata a Praza do Obradoiro. Pola tarde, ás 18:30 celebrarase unha misa na Colexiata de Sar e posteriormente, un acto de homenaxe na mesma curva da Grandeira ás 19:30.

Mañá, xoves 25 de xullo, a Plataforma Vítimas Alvia 04155 organizará un encontro familiar no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello, en Rois.

Cartel da Plataforma Vítimas Alvia 04155 polos actos do XI aniversario do accidente de Angrois, en Santiago.. PLATAFORMA VÍTIMAS ALVIA 04155

ÚLTIMAS

A SD Compostela vence ao Bergantiños cun contundente 0-4 e ascende na clasificación

A SD Compostela reafirma o seu bo momento na liga tras derrotar por un...

A orixe da cuncha de vieira no Camiño: a lenda do Cabaleiro das Cunchas

O Camiño de Santiago está cheo de historias e lendas que alimentan o seu...

Cobre San Rafael asegura tras un estudo de monitorización a “alta calidade” das augas do Ulla

A última monitorización das augas do río Ulla, realizada pola OPP 89 Parquistas de...

O Ateneo de Santiago analizará este luns o impacto dos parques eólicos no medio rural

O Ateneo de Santiago celebrará este luns, 11 de novembro, ás 19.30 horas, unha...

O BNG denuncia a bandalización da súa campaña contra a manipulación da CRTVG

O BNG emitiu un comunicado este venres a través da rede social X en...

A ANPA do CEIP das Fontiñas reclama a reposición de profesorado especialista tras os recortes da Xunta

A ANPA Fontela do CEIP das Fontiñas de Santiago de Compostela difundiu un vídeo...

As traballadoras de Beatriz Seijo S.L. suspenden a folga e solicitan mediación no Consello Galego de Relacións Laborais

As traballadoras de Beatriz Seijo S.L. decidiron suspender temporalmente a folga indefinida que mantiñan...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here