InicioMOV. SOCIAISUnha paciente oncolóxica denuncia trabas burocráticas no CHUS que retrasan unha proba...

Unha paciente oncolóxica denuncia trabas burocráticas no CHUS que retrasan unha proba clave para a súa reconstrución mamaria

A Asociación de Pacientes do CHUS alerta dunha vulneración de dereitos e reclama unha resposta inmediata da área sanitaria Compostela-Barbanza

Publicado o

Xornal de Compostela

Unha paciente oncolóxica do Hospital Clínico Universitario de Santiago denunciou un percorrido administrativo que cualifica de “carreira de obstáculos” para acceder a unha proba diagnóstica necesaria dentro do seu proceso de reconstrución mamaria, nun caso que a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS considera representativo de fallos estruturais no sistema sanitario.

Segundo o testemuño de O.R.R., tras ser sometida a unha mastectomía o 20 de febreiro de 2025 por un carcinoma invasivo, iniciou un proceso para valorar unha reconstrución mediante técnica DIEP. A paciente solicitou unha segunda opinión médica, que lle foi concedida o 23 de febreiro de 2026, e acudiu o 3 de marzo ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde recibiu indicación para realizar unha anxio-TAC de veas perforantes abdominais.

A partir dese momento, segundo relata, comezaron as dificultades para tramitar a proba na súa área sanitaria de referencia, en Santiago. “A partir deste momento comeza unha carreira de obstáculos burocrática impropia dun servizo público de saúde”, afirma no seu testemuño.

A paciente describe un percorrido por distintos servizos do CHUS —Radioloxía, Cardioloxía e Admisión— sen que ningún deles asumise a xestión da proba nin identificase con claridade o procedemento solicitado. Incluso, segundo sinala, chegou a recibir recomendacións informais sobre como actuar no caso de perda da documentación. “Indicáronme que a proba non se realizaba nese servizo e que debería solicitala noutro”, explica.

Tras varios días de xestións e consultas, a paciente recibiu finalmente unha cita a través do sistema do SERGAS. Porén, a proba asignada non se correspondía coa prescrita: tratábase dun TC de arterias coronarias, en lugar da anxio-TAC necesaria para avaliar a reconstrución mamaria. “A día de hoxe, non teño a certeza de que a proba programada sexa realmente a que necesito”, advirte.

A situación, segundo indica, está a provocar un impacto emocional significativo nun momento de especial vulnerabilidade: “Toda esta situación estame a xerar ansiedade, incerteza, nervios e decaemento”.

Desde a Asociación de Pacientes do CHUS consideran que este caso evidencia unha falla de coordinación interna e unha transferencia de responsabilidades entre servizos que recae directamente sobre os pacientes. Ademais, alertan de que a asignación dunha proba incorrecta podería supoñer un risco para a saúde ao tratarse dun procedemento non prescrito.

A entidade tamén subliña unha posible vulneración da normativa vixente. O artigo 14.1 do Decreto 54/2015 establece que as probas complementarias vinculadas a unha segunda opinión médica deben realizarse con carácter preferente nun prazo máximo de 15 días naturais. No caso descrito, a paciente acumula xa unha demora superior a ese límite sen data confirmada para a realización da proba correcta.

A asociación reclama que a xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza e a Subdirección de Humanización e Atención ao Cidadán interveñan para resolver o caso e adopten medidas que eviten a repetición de situacións semellantes. Segundo sinalan, “os problemas organizativos están a trasladarse aos pacientes, afectando directamente aos seus procesos de recuperación e aos seus dereitos recoñecidos”.

ÚLTIMAS

“A luz de Santiago non ilumina, suxire”: Borja Dicha pon en valor o potencial fotográfico da cidade

A comunidade Fotowalk Galicia reuniu o pasado domingo 22 de marzo en Santiago de...

A Confederación Española de Policía denuncia a situación dos policías nacionais de Santiago tras o incendio da comisaría e reclama unha nova sede

A Confederación Española de Policía denunciou a situación na que, segundo sinala, está a desenvolver...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ impulsa en abril actividades na Libraría Couceiro para visibilizar o dano cerebral

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou...

O Consorcio de Santiago inicia a restauración do hórreo da Finca de Vista Alegre para garantir a súa conservación

O Consorcio de Santiago está a desenvolver as obras de restauración do hórreo situado...

A Confederación Española de Policía denuncia a situación dos policías nacionais de Santiago tras o incendio da comisaría e reclama unha nova sede

A Confederación Española de Policía denunciou a situación na que, segundo sinala, está a desenvolver...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ impulsa en abril actividades na Libraría Couceiro para visibilizar o dano cerebral

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou...

Arredor dun milleiro de persoas maniféstase en Compostela en defensa dos dereitos trans e reclaman cambios legais e sociais

Compostela acolleu este domingo unha manifestación en defensa dos dereitos do colectivo trans, que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here