InicioMOV. SOCIAISArredor dun milleiro de persoas maniféstase en Compostela en defensa dos dereitos...

Arredor dun milleiro de persoas maniféstase en Compostela en defensa dos dereitos trans e reclaman cambios legais e sociais

A mobilización percorreu o centro histórico ata o Obradoiro, onde se leu un manifesto con demandas en materia de saúde, educación e recoñecemento legal

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Compostela acolleu este domingo unha manifestación en defensa dos dereitos do colectivo trans, que partiu ás 12:00 da Praza 8 de marzo e percorreu distintas rúas do centro urbano ata rematar na Praza do Obradoiro. A mobilización avanzou por Virxe da Cerca, praza de Galicia, rúa da Senra e rúa do Vilar, para concluír descendendo por Fonseca, nunha xornada marcada pola presenza de consignas reivindicativas e pola lectura dun manifesto colectivo.

Durante o percorrido, as persoas participantes corearon lemas como “Aquí está, aquí se ve, o transfeminismo galego en pé”, “As infancias trans existen e resisten”, “Rueda, escoita: o transfeminismo está en loita” ou “Imos queimar a Conferencia Episcopal, por machista e patriarcal“, entre outros, nun contexto de denuncia da transfobia e de reivindicación de dereitos.

Ao comezo da marcha, Alicia Arruti, portavoz da mobilización, explicou a Xornal de Compostela que a convocatoria responde a múltiples motivos, entre eles o incremento de agresións recentes. “Hoxe estamos aquí con motivos máis que de sobra polo aumento de agresións que estamos vendo”, sinalou, facendo referencia a casos ocorridos nas últimas semanas. Tamén destacou a situación de persoas non binarias e migrantes, que, segundo indicou, afrontan “unha dobre discriminación”, así como as dificultades administrativas para o cambio de documentación.

Arruti referiuse tamén á situación en Galicia, onde asegurou que “o Partido Popular de Galicia e a Xunta están ignorando as nosas peticións”, e reclamou a actualización do protocolo educativo conforme á lei estatal aprobada en 2023.

Outras persoas participantes coincidiron en sinalar a necesidade de avanzar en dereitos e recoñecemento social. Unha das testemuñas indicou que a mobilización busca “axudar ao colectivo a mellorar as nosas condicións e que a lei nos protexa máis”. Outra participante apuntou que, malia percibir avances, “ainda queda moito camiño que facer” en ámbitos como o laboral e o social. Tamén se fixo fincapé na importancia da visibilidade e do apoio social, destacando que o colectivo precisa “dar visibilidade, dar apoio, dar amor”.

Xa na Praza do Obradoiro, a organización leu un manifesto no que se subliñou a necesidade de manter a mobilización social para preservar os dereitos conquistados. O texto advertiu contra o risco de retrocesos e defendeu que “os dereitos se defenden tamén nas rúas”.

O documento abordou diferentes realidades dentro do colectivo, como a situación das persoas trans migrantes e racializadas, que “sofren unha dobre discriminación”, ou a falta de recoñecemento legal das persoas non binarias. Tamén denunciou a situación das infancias trans menores de 12 anos, que, segundo indicaron, non están plenamente recoñecidas pola normativa actual.

Entre as demandas recollidas no manifesto figuran a protección legal efectiva, o acceso á sanidade, educación e emprego, a reforma do protocolo educativo en Galicia, a formación en identidade de xénero para profesionais e o recoñecemento legal das persoas non binarias e menores. Ademais, reclamouse a implementación de políticas públicas que garantan dereitos e freen os discursos de odio.

A mobilización contou co apoio de numerosas organizacións sociais, sindicais e políticas, que se adheriron ao manifesto. A xornada concluíu no Obradoiro cun chamamento á continuidade da loita colectiva baixo a premisa de que “os dereitos trans son dereitos humanos”.

ÚLTIMAS

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Concello destinará 1,2 millóns de euros á rehabilitación do Palacete do Espiño para usos públicos

O Concello de Santiago de Compostela investirá preto de 1,2 millóns de euros na...

Santiago acollerá por primeira vez a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas o 22 de novembro

Santiago de Compostela incorporarase este ano á Carreira das Cidades contra o Cancro de...

Santiago realiza un simulacro de accidente con catro feridos e un vehículo incendiado no túnel do Hórreo

O túnel do Hórreo foi escenario este martes, 27 de outubro, dun simulacro de accidente...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here