A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) anunciou este venres a convocatoria dunha manifestación, o próximo 1 de maio ás 19.30 horas en Santiago —con saída desde a Praza Roxa—, “contra a guerra imperialista e o aumento dos discursos reaccionarios”. A organización fixo un chamamento á “mocidade traballadora galega” a mobilizarse no Día Internacional dos Traballadores para denunciar “o aumento das agresións imperialistas a nivel internacional, o rearmamento da UE e o crecente militarismo dos estados europeos”.
A CMS iniciou este mes de marzo unha campaña de denuncia desta situación, con 16 actos en diferentes barrios e campus universitarios de Galicia. Con estas mobilizacións queren poñer fin á “idea estendida” de que a mocidade está cada vez máis próxima aos discursos da extrema dereita e o fascismo. Nese sentido, convidaron a “demostrar nas rúas” que existe unha mocidade disposta a facer fronte a eses discursos e a “organizarse politicamente en clave socialista”.

