A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP Apóstolo Santiago, en Santiago de Compostela, reafirmou a súa intención de continuar co proceso para modificar a denominación do centro a ‘CEIP da Almáciga’ e anunciou o inicio dunha rolda de contactos cos concelleiros non adscritos para tratar de desbloquear a situación actual.
A decisión foi ratificada o pasado 18 de marzo nunha asemblea da comunidade educativa, celebrada tras o pleno municipal no que a proposta non saíu adiante. Segundo trasladou a asociación, neste encontro analizáronse os acontecementos recentes e concluíuse que o resultado da votación, lonxe de frear a iniciativa, “reforza a súa unidade e determinación” para lograr que se respecte a vontade expresada polo centro.
A ANPA sostén que a proposta de cambio de nome responde a un proceso “extenso e rigoroso” desenvolvido ao longo de dous cursos escolares, iniciado en 2019 por unha anterior directiva. Segundo explican, esta iniciativa contou coa implicación da comunidade educativa e do barrio, culminando coa aprobación por unanimidade no Consello Escolar, órgano máximo de representación dos centros públicos.
Neste contexto, a asociación defende “a lexitimidade dun proceso democrático transparente e participativo” e avanzou que solicitará unha primeira reunión co grupo dos concelleiros non adscritos para “coñecer as súas motivacións” e trasladarlles a “posición unánime” da comunidade educativa.
Cómpre lembrar que o pleno municipal de Santiago celebrado o pasado 26 de febreiro rexeitou informar favorablemente o cambio de denominación do centro. A proposta contou co apoio de BNG, Compostela Aberta e PSdeG, pero non prosperou debido aos votos en contra do PP e á abstención dos edís non adscritos, antigos membros do grupo socialista.

