InicioMOV. SOCIAISCompostela acollerá o 29 de marzo unha manifestación nacional pola visibilidade trans

Compostela acollerá o 29 de marzo unha manifestación nacional pola visibilidade trans

O acto, convocado por Arelas e apoiado por máis de setenta entidades sociais, partirá da praza 8 de Marzo e rematará no Obradoiro

Publicado o

Xornal de Compostela

A cidade de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo 29 de marzo unha manifestación nacional pola visibilidade trans, convocada pola asociación ‘Arelas. Familias de Infancia e Mocidade Trans de Galicia‘. A mobilización está prevista para as 12:00, con saída dende a praza 8 de Marzo e percorrido ata a praza do Obradoiro, onde se dará lectura a un manifesto colectivo.

Segundo explican dende a organización nas súas redes sociais, a convocatoria busca reivindicar a defensa dos dereitos das persoas trans e chamar á mobilización social fronte aos discursos e políticas que consideran regresivas. No chamamento á participación sinalan que, tras anos de mobilización, existe o risco de que a sociedade dea por consolidados determinados avances. Por iso sosteñen que “os dereitos se defenden tamén nas rúas, e que non imos deixar que nos fagan desaparecer”.

A manifestación conta co apoio dun manifesto asinado ata o momento por máis de setenta organizacións, colectivos sociais, sindicais, políticos e culturais, entre os que figuran entidades como Chrysallis, SOS Racismo Galicia, Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia, a Confederación Intersindical Galega, Compostela Aberta, o Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida ou Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, entre outras.

No texto, as entidades promotoras sinalan que a mobilización pretende visibilizar as realidades diversas das persoas trans e denunciar diferentes formas de discriminación. Entre outras cuestións, o manifesto fai referencia á situación das persoas trans migrantes e racializadas, que segundo os asinantes sofren “unha dobre discriminación”, tanto pola transfobia como polo racismo e polas dificultades burocráticas para ver recoñecida legalmente a súa identidade.

Tamén se reclama o recoñecemento das persoas non binarias, denunciando que continúan sen ter encaixe nas normativas actuais, así como unha maior protección para as infancias trans, xa que consideran que a lexislación estatal de 2023 deixa “nunha lagoa legal” ás persoas menores de doce anos.

O documento aborda igualmente outras cuestións vinculadas ás condicións de vida das persoas trans, como o acceso á sanidade, á educación ou ao emprego, e reivindica máis recursos públicos e medidas específicas para combater a discriminación e o acoso, especialmente nos ámbitos educativo e sanitario.

Entre as demandas recollidas no manifesto inclúense protección legal efectiva para as persoas trans, acceso digno á saúde, á educación e ao emprego, programas de refuxio para persoas perseguidas nos seus países ou campañas educativas contra a desinformación, ademais do recoñecemento legal das persoas non binarias e das menores de doce anos.

Os colectivos impulsores sosteñen que a mobilización busca tamén denunciar o aumento de discursos de odio e determinadas posicións políticas contrarias aos dereitos trans, e reivindican que “os dereitos trans son dereitos humanos”.

A convocatoria permanece aberta á adhesión de novas entidades a través dun formulario público difundido pola organización, mentres que a mobilización do día 29 pretende reunir en Santiago colectivos e persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia para visibilizar estas reivindicacións no espazo público.

ÚLTIMAS

A participación nas eleccións á reitoría da USC supera o 50% no PTXAS e rolda o 49% no profesorado permanente

A Universidade de Santiago de Compostela fixo públicos novos datos de participación na segunda...

O PP cualifica de “brindis ao sol” a declaración de mercado residencial tensionado impulsada polo goberno de Santiago

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, José Antonio Constenla, criticou a política urbanística...

O PSdeG reclama mobilizar vivenda baleira e ampliar o parque público ante a solicitude de declarar Santiago mercado residencial tensionado

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou reforzar as políticas públicas de vivenda e...

A USC abre as urnas virtuais e elixirá hoxe á primeira reitora da súa historia

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir esta mañá, por segunda vez,...

O Teatro Principal acolle a entrega dos premios ‘Mulleres de Compostela 2026’ no marco das actividades do 8M

O Teatro Principal de Santiago acolleu este luns 9 de marzo o acto de...

Medio cento de estudantes maniféstanse en Santiago para reivindicar a igualdade de xénero no marco do 8M

Preto de medio cento de estudantes participaron este venres nunha mobilización polas rúas do...

Galiza por Palestina pide ás candidatas á Reitoría da USC compromisos claros sobre a relación con institucións israelís

A organización Galiza por Palestina fixo público un chamamento ás candidatas que concorren á...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here