InicioPOLÍTICAO PSdeG reclama mobilizar vivenda baleira e ampliar o parque público ante...

O PSdeG reclama mobilizar vivenda baleira e ampliar o parque público ante a solicitude de declarar Santiago mercado residencial tensionado

A concelleira socialista Marta Abal sinala que o encarecemento do alugueiro supera o 40% desde 2019 e defende medidas urxentes para aumentar a oferta de vivenda accesible na cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou reforzar as políticas públicas de vivenda e actuar sobre o parque de vivendas baleiras tras coñecerse a solicitude do Concello para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado. A concelleira Marta Abal explicou que esta declaración debe entenderse como un instrumento para impulsar medidas públicas e non como un obxectivo en si mesmo.

Segundo indicou a edil nunha comparecencia ante os medios, o expediente elaborado polo Concello xustifica a solicitude no incremento acumulado do prezo do alugueiro entre 2019 e 2024, que supera o 40%, unha subida que excede en máis de vinte puntos o límite establecido pola lei. Estes datos proceden do Observatorio da Vivenda de Galicia, aínda que tamén se corroboran con outras fontes estatísticas.

Abal subliñou que esta evolución evidencia que “en Santiago temos un problema serio no mercado de alugueiro”, marcado polo aumento dos prezos e pola dificultade de atopar vivenda a prezos accesibles.

Entre os indicadores que evidencian esta situación, o PSdeG destacou o incremento do número de persoas inscritas no rexistro único de demandantes de vivenda da Xunta de Galicia. Segundo os datos expostos pola concelleira, o número de solicitantes pasou de 726 persoas a 1.749, o que supón un incremento aproximado do 140%.

Para Abal, esta evolución confirma unha tendencia que se repite tamén noutras cidades, pero que en Santiago se ve agravada pola escaseza de vivenda pública e protexida.

Neste sentido, lembrou que o parque de vivenda protexida da cidade sitúase arredor do 1,48% do total, con 581 vivendas, unha cifra que queda moi por debaixo tanto da media estatal como da europea. Segundo explicou, para alcanzar a media española do 3,3% sería necesario contar con 1.873 vivendas protexidas, mentres que para achegarse ao 8% europeo serían precisas 4.540.

MOBILIZAR VIVENDA BALEIRA

A concelleira socialista defendeu que, ante a urxencia da situación, é necesario aplicar medidas a curto e a longo prazo. Entre as primeiras, situou a mobilización do parque de vivendas desocupadas existente na cidade.

Segundo os datos incluídos no expediente municipal, procedentes do INE de 2021, en Santiago existirían 6.198 vivendas baleiras, ás que se engaden 1.481 con baixo consumo e 5.475 con uso esporádico.

Abal sinalou que estes datos indican a existencia dun stock potencial de inmobles que podería incorporarse ao mercado do alugueiro e reclamou a creación dun programa municipal de mobilización de vivenda baleira, inspirado no modelo Bizigune do País Vasco e similar ao que está a desenvolver o Concello de Lugo.

En paralelo, o PSdeG insistiu na necesidade de reforzar a colaboración entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia para incrementar o parque público de vivenda.

Abal lembrou que, segundo os anuncios realizados pola administración autonómica, está prevista a construción de 60 vivendas públicas na cidade, as primeiras en máis de dúas décadas. Con todo, considerou que esta cifra resulta insuficiente para responder ás necesidades actuais.

A concelleira tamén sinalou que a Xunta podería declarar de oficio zonas de mercado residencial tensionado nos territorios que cumpran os requisitos establecidos pola lei, xa que dispón dos datos necesarios para facelo.

Finalmente, o grupo socialista indicou que analizará con máis detalle o expediente municipal, especialmente as medidas correctoras previstas, ao considerar que estas serán determinantes para afrontar a situación do mercado da vivenda na cidade.

ÚLTIMAS

A USC designa como novo xerente a Juan Díaz Villoslada

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) oficializou o nomeamento de Juan Díaz Villoslada...

O Concello de Santiago defende a súa actuación no muro de Bonaval e confirma o inicio inmediato dos estudos técnicos

O Concello de Santiago respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular sobre a falta...

O Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da pista e critica a falta de coordinación da Xunta

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que a actual caída...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo...

O Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da pista e critica a falta de coordinación da Xunta

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que a actual caída...

O PSOE de Santiago reclama información sobre a paralización das obras na rúa García Lorca

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago, a través da concelleira Marta Abal,...

A alcaldesa de Santiago reclama á Xunta máis diálogo e apoio institucional á cidade

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, manifestou a súa crítica á actuación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here