A empresa de inserción Arroupa Moda Re-, promovida por Cáritas Diocesana de Santiago, puxo en marcha as obras da súa nova planta de procesado téxtil en Santiago de Compostela. A infraestrutura, que se situará no Polígono do Tambre, suporá un investimento de 5,4 millóns de euros e prevé un impacto estimado de 132 postos de traballo equivalentes a tempo completo no ámbito local, sumando emprego directo, indirecto e inducido.
O acto institucional contou coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; dos conselleiros José González e Anxos Vázquez; do arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto; do presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón; da directora xeral de Moda Re-, Noema Paniagua; do director de Sustentabilidade de Inditex, Fernando de Bunes; e da directora de Cáritas Diocesana de Santiago e CEO de Arroupa, Pilar Farjas.
A nova nave ocupará unha parcela industrial de 4.471 metros cadrados, cunha superficie construída total de 4.900 metros cadrados. O deseño contempla a integración de todas as fases do proceso de xestión da roupa usada: recepción, almacenaxe, selección, clasificación, preparación para reutilización ou reciclaxe, expedición, así como espazos destinados á formación e á xestión.
A ampliación permitirá incrementar a capacidade de tratamento dende as actuais case 2.000 toneladas anuais ata unha media de 5.000 toneladas, con posibilidade de alcanzar as 10.000 toneladas.
No plano laboral, a entidade pasará de 37 a 62 empregos directos, coa creación de 25 novos itinerarios de inserción sociolaboral. Máis do 80% destes postos estarán orientados a persoas en situación ou risco de exclusión social, que recibirán formación técnica e acompañamento especializado. Segundo os datos facilitados, a nova instalación incorporará tamén melloras en materia de seguridade e ergonomía.
O investimento global ascende a 5,4 millóns de euros, dos que 2 millóns son achegados por Inditex e 1,5 millóns proceden de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O financiamento complétase cun crédito concedido por Fiare Banca Ética. A previsión é que as obras conclúan a finais de 2026 e que a planta entre en funcionamento no segundo trimestre de 2027.
INCREMENTO DE DOAZÓNS A FAMILIAS VULNERABLES
Arroupa presta servizo en 62 concellos galegos e dispón de 399 puntos de recollida. En 2025 xestionou 1.972 toneladas de roupa usada. Do total de roupa recollida separadamente en Galicia, o 42% corresponde a proxectos vinculados a Cáritas e Moda Re-, e Arroupa representa o 24% do conxunto.
Na actualidade, Cáritas Diocesana de Santiago distribúe arredor de 27.000 pezas anuais a través das súas tendas na Coruña, Carballo, Pontevedra, Santiago e Vilagarcía. Coa nova planta, prevese superar as 40.000 pezas ao ano destinadas a familias en risco de exclusión.
Durante o acto, Francisco José Prieto sinalou que “este proxecto é a expresión concreta dunha Igrexa que non só acompaña, senón que tamén constrúe futuro” e agradeceu a colaboración das entidades implicadas.
Pola súa banda, Pilar Farjas afirmou que a ampliación “responde a unha necesidade real do territorio e reforza a aposta pola economía social” e destacou que “cada posto de traballo supón un contrato digno, con apoio e acompañamento, dentro dunha entidade que mira polas persoas”.
O presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón, definiu a iniciativa como “un referente nacional de economía circular e de emprego de inserción” e subliñou que a organización “non é unha ONG máis”. “Somos Igrexa e vivimos pensando en quen máis o necesitan”, engadiu.
Dende Moda Re-, Noema Paniagua lembrou que en España se xeran arredor de 900.000 toneladas de residuos téxtiles anuais e apuntou que a creación de plantas de tratamento supón “investir en emprego social” e avanzar na xestión destes materiais.
Na súa intervención, Alfonso Rueda destacou a necesidade de que a planta entre en funcionamento canto antes e incidiu en que a xestión dos residuos téxtiles é un “obxectivo fundamental” dentro das políticas de sustentabilidade. O presidente da Xunta avanzou que a futura planta autonómica de clasificación en Cerceda contará con Arroupa como “xestor de confianza”, ao considerar que “cando se quere facer as cousas ben hai que buscar socios fiables”.

