InicioSANTIAGORosa Crujeiras e Maite Flores pasan á segunda volta nas eleccións á...

Rosa Crujeiras e Maite Flores pasan á segunda volta nas eleccións á reitoría da USC

O pase de Maite Flores á segunda volta produciuse por tan só 30 votos ponderados

Publicado o

Xornal de Compostela

A USC vén de pechar a xornada de votación electrónica para a elección da nova reitora e fixo públicos os resultados definitivos tras o escrutinio. Ningunha das catro candidatas acadou a maioría absoluta —máis do 50% dos votos ponderados—, polo que o proceso continuará cunha segunda volta entre as dúas aspirantes máis apoiadas.

Segundo os datos oficiais, os resultados ponderados sitúan a Rosa Crujeiras en primeira posición cun 41% dos votos, seguida de Maite Flores, que obtivo un 21%. Tamén con 21% figura María José López Couso (aínda que con 33 votos ponderados menos que Flores), mentres que Alba Nogueira acadou o 15% dos apoios ponderados.

Resultados das eleccións na USC – USC
DISTRIBUCIÓN DO VOTO POR SECTORES

No reconto global, Crujeiras sumou 4.480 votos (985 ponderados), con especial respaldo no Sector I —profesorado doutor con vinculación permanente—, onde obtivo 459 apoios (19% do voto ponderado total). Tamén liderou no estudantado (Sector III), con 2.995 votos emitidos a favor da súa candidatura.

Flores reuniu 2.354 votos (536 ponderados), mentres que López Couso acadou 1.845 votos (503 ponderados). A diferenza entre ambas no cómputo ponderado foi de tan só 30 votos, o que determinou que sexa Flores quen pase á segunda volta. Nogueira sumou 1.567 votos (380 ponderados).

PARTICIPACIÓN FINAL: CASE O 96% NO PROFESORADO PERMANENTE E MÁIS DO 30% NO ESTUDANTADO

A participación global situouse no 37,49% do censo total (28.327 persoas), cun comportamento desigual segundo sectores.

O Sector I rexistrou unha participación do 95,94%, mentres que o Sector IV (PTXAS) alcanzou o 86,71%. No Sector II (resto do PDI) votou o 71,04% do censo.

Destaca especialmente o dato do Sector III, correspondente ao estudantado, cunha participación do 30,83% (7.190 votos a candidaturas), unha cifra superior á habitual en procesos electorais universitarios e que superou o 30% do censo estudantil.

FACULTADES CON MAIOR MOBILIZACIÓN DO ESTUDANTADO

No Sector III obsérvanse diferenzas significativas entre centros. A Facultade de Matemáticas rexistrou unha participación do 60%, mentres que na Facultade de Óptica e Optometría foi do 57,09%, situándose entre as máis elevadas do conxunto da USC.

Tamén superaron o 40% centros como Farmacia (41,97%) e Física (42,70%). Pola contra, noutras facultades a mobilización estudantil situouse por baixo do 25%.

A elevada participación en Matemáticas —onde é catedrática Rosa Crujeiras— e en Óptica —onde exerce como catedrática Maite Flores— coincide cos dous centros vinculados academicamente ás candidatas que pasan á segunda volta. A escasa diferenza no voto ponderado entre Flores e López Couso puido facer ao estudantado un factor determinante para configurar o resultado final da primeira volta.

ANTONIO LÓPEZ AGRADECE A ELEVADA PARTICIPACIÓN

Pola súa banda, o actual reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, celebrou o desenvolvemento da xornada electoral e felicitou ás candidatas Rosa Crujeiras e Maite Flores por pasar á segunda volta. Nun audio remitido aos medios, tamén trasladou o seu recoñecemento a María José López Couso e Alba Nogueira, ás que felicitou, do mesmo xeito que ás dúas finalistas, “por contribuír entre todas ao debate institucional ao redor do futuro da universidade”.

López destacou especialmente o nivel de mobilización rexistrado nesta convocatoria. “Temos ademais que congratularnos pola participación, con especial atención ao estudiantado, que superou o 28% do seu censo”, sinalou. Así mesmo, agradeceu o labor do persoal implicado na organización do proceso electoral, subliñando que na xornada “se demostrou a eficacia do voto electrónico como ferramenta incentivadora da participación”.

RENOVACIÓN INSTITUCIONAL

A votación desenvolveuse entre as 09:00 e as 18:00 mediante o sistema electrónico habilitado pola USC. Coincidindo coa elección á reitoría, tamén se celebraron as eleccións ao Claustro Universitario, máximo órgano de representación da comunidade académica; ás Xuntas de Centro e aos Consellos de Departamento.

A segunda volta decidirá quen asumirá a reitoría da USC nos próximos seis anos, nun proceso que mantén a mobilización da comunidade universitaria tras unha primeira votación marcada por unha participación elevada en varios sectores e por unha diferenza axustada na loita polo segundo posto.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here