O muro dos fusilados do cemiterio de Boisaca acolleu esta mañá un acto de lembranza a Manuel Maroño Calvo, dirixente socialista e sindicalista compostelán executado o 13 de decembro de 1936 tras un consello de guerra sumarísimo. A iniciativa, organizada polo PSdeG de Santiago e pola Fundación Luis Tilve, reuniu militantes socialistas, representantes sindicais e de entidades vinculadas á recuperación da memoria democrática.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, abriu a convocatoria destacando que o partido “leva a gala a defensa da memoria histórica” e subliñou que o encontro pretendía “rendir unha pequena pero sentida homenaxe” a quen cualificou como “un referente do socialismo en Compostela”. Bouza lembrou que Maroño foi fusilado “por defender ideas que procuraban que a xente puidera vivir en liberdade e dignidade”, e vinculou o acto co debate político actual sobre a chamada neutralidade ideolóxica, preguntándose se “se pretende acalar aos que si temos ideoloxía”.
O responsable socialista explicou que a organización solicitou ao Concello a colocación dunha nova placa conmemorativa no muro de Boisaca en 2026, coa intención de manter vivo o recordo das persoas represaliadas. “Que non caia no esquecemento”, afirmou, insistindo en que a transmisión desta memoria ás novas xeracións é “un deber co futuro”.
No acto tamén se repasou a traxectoria de Manuel Maroño, nacido en Santiago en 1899 e destacado integrante do movemento obreiro local. Formado na UGT, asumiu responsabilidades sindicals ata ocupar a presidencia da Federación Local de Sociedades Obreiras, unha das estruturas máis relevantes na Compostela da época. Desde esa actividade impulsou unha organización “construída dende abaixo”, ligada aos barrios, aos obradoiros e ás realidades laborais da cidade.
O relato lembrado no cemiterio destacou igualmente a súa etapa como presidente da Agrupación Socialista de Santiago, desempeñada en plena convulsión política. O seu compromiso convertíuno nun dos primeiros obxectivos da represión franquista, sendo detido e condenado a morte “únicamente por defender a democracia e a clase traballadora”.
Durante a intervención principal subliñouse que Maroño non representa só unha figura do pasado, senón “parte da historia da esquerda, do sindicalismo e da propia cidade”. O acto insistiu na necesidade de preservar esta memoria fronte aos intentos de relativizar ou minimizar a represión, defendendo que “a memoria é un deber democrático” e que homenaxear ás vítimas supón “un compromiso coa xustiza social e coa defensa do público”.
A Fundación Luis Tilve, que recompila documentación sobre o movemento obreiro e a represión na comarca, agradeceu o impulso desta iniciativa, concibida como unha nova achega ao recoñecemento das persoas que, como Maroño, pagaron coa vida a defensa das súas ideas. O PSdeG compostelán apuntou que actos como o celebrado en Boisaca permiten reforzar esa memoria colectiva e lembrar “os valores que seguiron construíndo o proxecto socialista na cidade”.

