InicioMOV. SOCIAISO persoal do SPIF manifestarase en Santiago para reclamar un servizo público...

O persoal do SPIF manifestarase en Santiago para reclamar un servizo público e con garantías laborais

A mobilización, convocada pola CIG, sairá ás 11:00 de San Lázaro e rematará en San Caetano

Publicado o

Xornal de Compostela

O persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) sairá este xoves ás rúas de Santiago de Compostela para reclamar un servizo “público, digno e con garantías laborais”. A manifestación, convocada pola CIG-Administración Autonómica, comezará ás 11:00 horas diante do complexo da Consellería do Medio Rural en San Lázaro e rematará fronte á sede da Xunta en San Caetano.

A organización sindical explicou que a marcha busca reivindicar un modelo de extinción de incendios 100% público e único, no que todo o persoal teña “as mesmas condicións laborais” e se garantan a saúde e seguridade dos traballadores. Segundo a CIG, o actual funcionamento do servizo “pon en risco de morte ao persoal e á poboación” debido ao “abandono, desigualdade e mala xestión” da Administración autonómica.

“Somos quen estamos en primeira liña, quen arriscamos a vida en cada incendio e quen sostemos o servizo con profesionalidade e compromiso. Pero o noso esforzo non se ve recoñecido pola administración, que continúa ignorando as nosas demandas máis básicas”, advertiron os traballadores.

Entre as principais reivindicacións, o colectivo solicita ampliar o tempo de traballo do persoal fixo-descontinuo de 8 a 12 meses, co obxectivo de realizar tarefas de prevención de incendios forestais e atender tamén situacións de multiemergencias, o que permitiría “dar estabilidade e continuidade ao emprego”.

Tamén reclaman igualdade salarial e laboral entre o persoal funcionario e o laboral do servizo, mediante a extensión do actual acordo que regula as condicións dos primeiros. “A igual traballo, igual salario e condicións”, sostén o sindicato, que denuncia “discriminacións entre compañeiros que realizan as mesmas tarefas”.

Ademais, a CIG aproveita a convocatoria para denunciar o que cualifica como “descontrol e mala xestión” da Consellería do Medio Rural durante a vaga de incendios deste verán, marcada —segundo indican— pola falta de coordinación e improvisación, que “poñen en risco tanto ao persoal como ao territorio”.

Por último, o sindicato criticou a “actitude desleal e irresponsable” de CCOO, UXT e CSIF, aos que acusa de solicitar unha reunión coa Consellería “á marxe da representación maioritaria do persoal” despois de anunciarse a protesta.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Medio cento de estudantes maniféstanse en Santiago para reivindicar a igualdade de xénero no marco do 8M

Preto de medio cento de estudantes participaron este venres nunha mobilización polas rúas do...

Galiza por Palestina pide ás candidatas á Reitoría da USC compromisos claros sobre a relación con institucións israelís

A organización Galiza por Palestina fixo público un chamamento ás candidatas que concorren á...

Chafarís e Down Compostela protagonizan en marzo a campaña municipal ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

O Concello de Santiago presentou este mércores as actividades correspondentes ao mes de marzo...