A plataforma SOS Sanidade Pública presentou este xoves a súa campaña de outono-inverno e adiantou que en Santiago de Compostela activará unha liña de acción centrada no colapso das urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Na rolda de prensa, diferentes portavoces alertaron de que a saturación que antes era “puntual” pasou a ser situación habitual no servizo do Clínico.
Segundo explicou Iria Carreira, neste contexto estacional incrementaranse as patoloxías respiratorias e as necesidades dos pacientes crónicos, o que presionará aínda máis o sistema: “Temos unha atención primaria que non é capaz de dar resposta a todas as urxencias que se producen no outono e no inverno e isto trae consigo un novo problema: o colapso dos servizos de urxencia, tanto extrahospitalaria nos PAC como hospitalaria. No CHUS as urxencias están permanentemente colapsadas”. Subliñou asemande que non debe normalizarse a presenza de doentes en corredores á espera de valoración: “Non é unha situación normal e vai agravarse polas épocas do ano nas que estamos”.
Desde CCOO, Carlos Pardo avanzou que a prioridade local será reducir, e non ampliar, a presión asistencial nas urxencias: “Aumentar as urxencias non é solución ningunha. A fórmula de reducilas é que funcione a atención primaria, que funcione a hospitalaria e que funcionen as consultas“. Nesa mesma liña, a plataforma cuestiona que a resposta pase por habilitar máis espazo físico no servizo: unha compañeira cualificouno de “ampliar o almacén de enfermos amontoados nun sitio”.
O voceiro nacional de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, enmarcou o caso compostelán nun problema máis amplo que, ao seu xuízo, arrinca nos atrancos para acceder á primaria e nas listas de espera. Salientou que o incremento de demanda nas urxencias está ligado a demoras en cita, falta de persoal e peches puntuais de recursos, o que desborda os circuítos asistenciais: “As listas de agarda e o acceso á atención primaria son os dous principais problemas que padece a poboación”. A plataforma mantén que parte da saturación sería evitable se se poñen a pleno rendemento os recursos públicos en horario amplo e se reforzan equipos e condicións laborais.
No tramo final da comparecencia, varios representantes insistiron en que non se pode dar por boa a idea de que “non hai profesionais” dispoñibles, e ligaron a situación ás condicións de contratación e á cobertura de prazas. A organización avanzou que a campaña en Compostela combinará accións informativas e mobilizacións, con foco en urxencias do CHUS e nos puntos de atención continuada, e que a estratexia xeral de mobilización permanente continuará durante o outono e o inverno, cunha convocatoria masiva pasado o Nadal aínda sen data pechada.
Ao peche desta información, SOS Sanidade Pública fixo un chamamento á cidadanía compostelá para reportar incidencias e participar nas vindeiras actividades, co obxectivo de visibilizar a saturación e impulsar medidas estruturais que descarguen as urxencias mediante máis resolución na primaria, axilidade en consultas e probas e reforzo do cadro de persoal. “Situacións que antes eran puntuais ou excepcionais agora convírtense en norma”, resumiron.

