InicioMOV. SOCIAISO alumnado do IES Antonio Fraguas concéntrase para pedir máis flexibilidade para...

O alumnado do IES Antonio Fraguas concéntrase para pedir máis flexibilidade para saír do centro durante o recreo

Os estudantes de bacharelato concentráronse onte á saída das aulas para reclamar que se permita abandonar o recinto nos recreos ou cando falte profesorado, sempre con autorización familiar

Publicado o

Xornal de Compostela

O alumnado de bacharelato do IES Antonio Fraguas de Santiago protagonizou onte unha concentración á saída do centro educativo, arredor das 14:10, en protesta pola normativa interna que lles impide saír do recinto escolar durante o horario lectivo. A mobilización, que se desenvolveu de forma pacífica, buscaba que a dirección e a Inspección educativa reconsideren a medida e introduzan certa flexibilidade para o estudantado maior de idade ou que conte coa autorización das familias.

A restrición de saídas foi adoptada este curso, segundo explican os alumnos, por motivos de seguridade, mais o estudantado asegura que a medida está a provocar unha situación de saturación nos patios e nas aulas, especialmente durante os recreos. “Esta protesta reflicte a frustración de todo un alumnado pola saturación do mesmo”, explicou Julia Feás, quen sinalou que “a prohibición de saír nos recreos está supoñendo unha situación insostible tanto para alumnos como para profesores”.

Julia tamén apuntou que a nova normativa obriga o profesorado a facer gardas nas aulas, o que cualificou de “tarefa que non lles corresponde, xa que non son carceleiros, son docentes”. A estudante defendeu que o obxectivo da mobilización é “que Inspección flexibilice a saída do centro dos alumnos de bacharelato”.

Pola súa parte, Mariña Louzao subliñou que “saír do centro e descansar como merecemos é un dereito fundamental”. A alumna destacou que pasar longas xornadas sen poder desconectar “impide ter un tempo de lecer digno” e engadiu que a alternativa de permanecer nas aulas durante o recreo “non é unha solución efectiva, pois tamén supón maior carga para o profesorado”. Louzao expresou a esperanza de que “esta concentración faga reaccionar á Xunta, ou polo menos anime a máis centros a facer algo semellante”.

Tamén participou na protesta Martiño Louzao, que defendeu a importancia de “manifestar os dereitos que temos que ter” e cualificou a situación actual de “inhumana, especialmente no inverno, cando non hai espazos abertos abondo”. O estudante explicou que a prohibición impide mesmo saír ao exterior para comprar un bocadillo ou regresar un momento á casa cando falta un profesor. “Se con 16 anos xa temos idade para traballar, tamén madurez para poder saír do instituto cando falte un profe ou no recreo”, engadiu.

A mobilización concluíu sen incidentes e cun chamamento do alumnado a abrir un diálogo co centro para revisar a aplicación da normativa. Os estudantes insisten en que a medida “non busca romper regras”, senón adaptar as condicións do día a día á realidade do alumnado de bacharelato, que demanda un espazo de autonomía e descanso durante as longas xornadas lectivas.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

Unha vintena de sindicalistas da CIG, UFT e CC.OO. concentráronse esta mañá de xoves...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

Unha vintena de sindicalistas da CIG, UFT e CC.OO. concentráronse esta mañá de xoves...

Convocan unha mobilización en Santiago contra o colapso sanitario: “Ou nos mobilizamos ou a sanidade seguirá destruída”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para o domingo 1 de febreiro...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here