InicioMOV. SOCIAISMulleres xornalistas debaten na Facultade de Comunicación sobre os desafíos da profesión

Mulleres xornalistas debaten na Facultade de Comunicación sobre os desafíos da profesión

Carlota Corredera, Cristina Rodríguez e presidentas das Asocacións de Xornalistas galegas abordaron as dificultades e retos do xornalismo feminino

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu esta mañá o encontro ‘Mulleres Xornalistas: Unha carreira de obstáculos‘, organizado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, no que se abordaron os desafíos e dificultades que afrontan as profesionais da comunicación. No evento participaron destacadas voces do sector, como a xornalista Carlota Corredera, actual colaboradora de ’59 segundos’, de TVE; a directora do Diario de Ferrol, Cristina Rodríguez, e as presidentas das Asociacións de Xornalistas de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo.

A presidenta da Asociación de Xornalistas de Santiago, Xulia Campo, quen abriu o acto, explicou a importancia de realizar este tipo de encontros na facultade: “Aquí fórmanse as futuras xornalistas, e é fundamental que coñezan a realidade do sector, non para desmotivalas, senón para darlles ferramentas para enfrontar situacións complexas”. Campo insistiu ademais na necesidade de fortalecer o asociacionismo como resposta ás ameazas crecente na profesión: “Se non estamos unidas, cada vez perderemos máis terreo. Esta profesión é especialmente dura porque expón moito persoalmente”, engadiu.

Durante o debate, tamén se puxo o foco na conciliación laboral e persoal, unha cuestión especialmente complicada no ámbito xornalístico. Tesa Díaz-Faes, presidenta da Asociación de Xornalistas de Vigo, compartiu a súa experiencia profesional, desde os seus inicios en Europa Press ata dirixir o departamento de comunicación do Grupo Nueva Pescanova. Tras sete anos nesta multinacional, decidiu volver á súa propia empresa para mellorar a súa conciliación familiar: “O traballo nunha multinacional era apaixonante, pero eu quería estar máis presente na vida dos meus fillos”, comentou.

Pola súa banda, Doda Vázquez, presidenta da Asociación de Xornalistas da Coruña, destacou a súa traxectoria en medios escritos e o valor do traballo da asociación para apoiar aos profesionais do sector. “Moitas veces non fai falta unha nota de prensa para solucionar conflitos, basta con falar e mediar”, explicou, poñendo en valor o traballo máis discreto pero efectivo da asociación.

A presidenta da Asociación de Xornalistas de Lugo, Carmen Uz, abordou, pola súa banda, as dificultades de compaxinar o xornalismo coas responsabilidades familiares: “Gozo moito do meu traballo, pero tamén quero estar presente para os meus fillos. Ás veces é difícil atopar o equilibrio”, sinalou. Uz apuntou que, malia as dificultades, o xornalismo segue sendo unha profesión apaixonante e necesaria para a sociedade: “É fundamental que as noticias se conten con veracidade e rapidez, porque o xornalismo cumpre un papel esencial nas sociedades democráticas”.

Posteriormente deuse paso ás dúas xornalistas convidadas, ás que as presidentas fixeron preguntas durante o resto do acto. As convidadas relataron así a súa experiencia profesional.

Cristina Rodríguez, actual directora do Diario de Ferrol, explicou os seus inicios: “Empecei colaborando en El Ideal Gallego, cando a miña irmá estudaba xornalismo (eu estudei Filoloxía Hispánica), despois na sección de Cultura e finalmente fundouse o Diario de Ferrol. 25 anos despois, coincidindo co aniversario do cuarto de século, comecei a dirixilo’.

Pola súa banda, Carlota Corredera, presentadora e directora de televisión, lembrou os seus comezos en medios escritos: “Empecei tamén en prensa escrita, en La Voz de Galicia e en Diario 16. Cando din o paso á televisión fun presentadora de varias edicións de Sálvame, cando foi o boom de todos estes formatos en Mediaset. Dende 2023 son presentadora ademais do videopodcast Superlativas”. Corredera recoñeceu que a súa traxectoria profesional deu moitas voltas, pero non cambiaría a súa decisión: “Esta é unha profesión moi vocacional e venenosa, pero volvería estudar esta carreira porque é a mellor”.

UNHA PROFESIÓN DE VOCACIÓN E DE OBSTÁCULOS

Preguntadas sobre se o xornalismo foi casualidade ou vocación, Rodríguez afirmou: “Eu non son xornalista. Estudei Filoloxía Hispánica. Pero dende logo é vocacional: encántame o xornalismo local. Aos veciños gústalles ver as súas historias no xornal”. Corredera, pola súa banda, recoñeceu: ‘Eu en Mazarelos víame como correspondente en Nova York, pero dende que fun nai tiña claro que tiña que ter unha responsabilidade coa miña filla. É o noso destino ao final o que nos leva”.

En canto ás dificultades por ser mulleres, Corredera relatou unha anécdota significativa: “Na miña carreira tiñas que facer créditos obrigatorios de prácticas. Chamáranme para facer prácticas na TVG de Deportes. Non me contrataron por ser muller, porque xa había moitos e precisaban voces masculinas”. Ambas coincidiron en que, a pesar de que o xornalismo é unha carreira maioritariamente feminina, as oportunidades de promoción seguen sendo un reto. Corredera engadiu: “Os sinaturas que aparecen na portada dos xornais son de homes. As mulleres parecemos estar relegadas aos breves”.

A pesar destes desafíos, as convidadas concordaron en que o xornalismo segue sendo unha profesión única e que, a través de iniciativas coma esta, é posible dar visibilidade ás dificultades pero tamén ás oportunidades para as novas xeracións de xornalistas en toda Galicia.

ÚLTIMAS

Reaccións á restitución das estatuas: “é o traballo de moita xente” di o exasesor xurídico do Concello de Santiago

"É un éxito de moita xente, do traballo de varios equipos, gobernos, grupos e...

Sanidade espera que o novo decano de Medicina finalice o mandato como o único de toda Galicia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, desexou "sorte" ao novo decano da Facultade...

San Pedro sae á rúa: guía día a día das súas festas

O barrio de San Pedro prepárase para vivir unha nova edición das súas festas,...

Paralizan as obras da Intermodal de Santiago para denunciar a negativa da patronal da construción a negociar

As obras da estación intermodal de Lugo víronse interrompidas durante unha hora este xoves...

Compostela súmase á campaña estatal polo acollemento familiar cun acto simbólico na Alameda

O Parque da Alameda de Santiago de Compostela será o escenario, o vindeiro 17...

Unha manifestación polo crime machista de Moraña colapsa momentaneamente o tráfico na Virxe da Cerca

Unha manifestación feminista convocada pola Marcha Mundial das Mulleres denunciou esta tarde en Santiago...

“Non mates as Mates”: centenares de persoas denuncian a decisión “inxusta” da Xunta de suprimir o máster de Matemáticas da USC

A porta principal do Parlamento de Galicia converteuse esta mañá nunha aula ao aire...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here