InicioMOV. SOCIAISPontón e Besteiro chaman a mobilizarse este domingo en defensa da lingua...

Pontón e Besteiro chaman a mobilizarse este domingo en defensa da lingua galega

A líder do BNG insta a participar na manifestación convocada por Queremos Galego en Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este sábado un chamamento á cidadanía para que participe na manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela. A mobilización, que terá lugar este domingo, busca denunciar as políticas que, segundo a formación nacionalista, supoñen un “acoso e derriba” contra a lingua galega por parte do PPdeG.

Durante un acto celebrado en Vilar de Santos, Pontón expresou a súa preocupación polo estado da lingua galega e asegurou que nos últimos 15 anos o goberno do PP na Xunta aplicou políticas que a levaron a unha situación “crítica”.

Fágovos ese chamamento a unha gran mobilización, que deixe claro que en Galicia sentimos orgullo do noso idioma e que queremos deixar atrás esas políticas de acoso e derriba contra o galego”, declarou a portavoz nacionalista.

Segundo Pontón, o obxectivo do PPdeG sería “converter o galego nunha lingua residual”, unha situación que, ao seu xuízo, debe ser freada con “mobilización e compromiso”.

DEFENSA DO GALEGO COMO LINGUA DE FUTURO

A líder do BNG defendeu que o galego forma parte do patrimonio cultural de Galicia e debe ser transmitido ás futuras xeracións. “Sabemos que o galego é unha lingua que herdamos dos nosos avós, dos nosos pais, e que queremos que herden os nosos fillos e netos”, manifestou.

Neste sentido, insistiu en que a manifestación convocada en Santiago é unha oportunidade para “dicir desde o amor e a confianza no país que queremos vivir en galego“.

A mobilización, organizada pola Plataforma Queremos Galego, ten como obxectivo reivindicar medidas de protección e promoción do idioma, así como frear as políticas que, segundo denuncian, están a prexudicar a súa presenza en diferentes ámbitos sociais.

BESTEIRO ANIMA A PARTICIPAR

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este sábado un chamamento á cidadanía para participar na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela en defensa da lingua galega.

Desde a Feira do Butelo da Fonsagrada (Lugo), onde asistiu ao acto de inauguración, Besteiro asegurou que a marcha “non vai contra ninguén”, senón que busca reivindicar o galego como “o aceno de identidade máis próximo e íntimo de todos os galegos”. O líder socialista confirmou a súa asistencia e subliñou que é necesario “protexer, preservar e difundir” o idioma para que “máis galegos e galegas, e tamén aqueles que chegan a Galicia, o fagan seu”.

“Animamos a todo o mundo a achegarse”, engadiu, insistindo en que a protesta ten un carácter positivo e busca a “exaltación do que somos como pobo”.

Ademais do chamamento á mobilización, Besteiro aproveitou a súa presenza na Fonsagrada para anunciar unha iniciativa parlamentaria que o PSdeG defenderá nos próximos días. O obxectivo da proposta é que a Xunta impulse o uso de produtos de proximidade e de quilómetro cero nos comedores das residencias e centros educativos dependentes da Administración autonómica.

Segundo explicou, a intención é potenciar os alimentos locais e apoiar o sector primario galego, garantindo que os produtos servidos nos comedores públicos favorezan a economía do rural.

Besteiro tamén destacou a importancia da Feira do Butelo da Fonsagrada, un evento con case tres décadas de historia no que este produto se consolida como “o rei da montaña” e protagonista da gastronomía e da economía da zona”.

ÚLTIMAS

Monbus Obradoiro remonta ante Tizona Burgos cun triplazo de Barcello

O Monbus Obradoiro logrou unha impresionante remontada ante o Tizona Burgos nun partido marcado...

A deputada Carmen Pomar esixe explicacións sobre o uso de servizos privados de transporte en Santiago

A deputada do Grupo Popular, Carmen Pomar, xunto ao concelleiro do PP Adrián Villa,...

A guerra do PSOE de Santiago chega ao xulgado con acusacións de presións e censos inflados

Nunha xornada na que os xulgados de Santiago de Compostela acolleron a celebración de...

Bugallo presenta a súa renuncia como senador

O exalcalde de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo presentou a súa renuncia á...

O Concello lanza unha nova convocatoria de bonotaxis para mellorar a mobilidade de maiores e persoas con discapacidade

O Concello de Santiago anunciou unha nova convocatoria de bonotaxis para mellorar a mobilidade...

A concelleira de Servizos Sociais considera insuficientes as 60 vivendas protexidas que se adxudicarán en maio

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, manifestou a súa...

Alcer organiza unha nova edición de ‘7 Vidas’ para sensibilizar sobre a doazón e a saúde renal

A Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril (Alcer) continúa un ano máis...