InicioMOV. SOCIAISMondra porá o broche final no Obradoiro á manifestación en defensa do...

Mondra porá o broche final no Obradoiro á manifestación en defensa do galego deste domingo

A marcha partirá ás 12.00 horas da Alameda e a organización anima a levar percusión para facer "unha festa pola lingua"

Publicado o

Xornal de Compostela

A manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego este domingo, 23 de febreiro, baixo o lema ‘Lingua Vital Xa!’, e que ten como obxectivo “frear a emerxencia lingüística”, concluirá na Praza do Obradoiro cunha actuación de Mondra. Este xoves, unha vintena de entidades adscritas á plataforma presentaron en rolda de prensa o itinerario da protesta, ademais de lembrar as reivindicacións principais. A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, explicou que a marcha sairá ás 12.00 horas da Alameda compostelá e concluirá no Obradoiro tras pasar pola Rúa da Senra, Praza Galicia, Porta da Mámoa, Toural, Rúa do Vilar, Praza de Praterías e Fonseca. Así mesmo, detallou que estará encabeza por “persoas referentes” do ámbito cultural, colectivos de mocidade, audiovisual, artes escénicas ou musicais, entre outras organizacións presentes en Queremos Galego.

Xa no Obradoiro, o acto estará conducido por Xurxo Souto, haberá unha intervención do presidente da Mesa, Marcos Maceira, e unha actuación de ‘Os Carapaus’, para o que convidan a todos os participantes a acompañar a marcha con percusión e animación para facer desta xornada “unha festa” pola lingua galega, antes de concluír a protesta coa actuación de Mondra. Para a manifestación, Armas confirmou que xa están previstos case unha trintena de autobuses desde diferentes localidades de toda a Comunidade. Neste sentido, apuntou que se constituíron 24 plenarios nos que se realizaron acordos para mobilizar á cidadanía e que quedaron fixados para promocionar as actividades de Queremos Galego. Ademais, a portavoz anunciou que está prevista a asistencia de delegacións de Cataluña, País Vasco e da Rede Europea polas Linguas, que se suman a “compartir as reivindicacións”.

DENUNCIAN VETOS DA XUNTA

Pola súa banda, Marcos Maceira destacou que esta manifestación se produce despois de “desenmascarar” o “pacto polo enterro do galego” da administración autonómica. Así, lembrou que na manifestación celebrada o 17 de novembro reclamábase un “proceso transparente, plural e con vontade do Plan xeral de normalización”, concretando “accións inmediatas que debía tomar o Goberno galego”. “Atopámonos con opacidade, unilateralidade e veto a participación de calquera das entidades dos diferentes sectores implicados no plan xeral”, lamentou antes de censurar o “veto” á Asociación de Escritores en Lingua Galega, das Anpas e entidades de sectores “absolutamente necesarios para impulsar a normalización da lingua”.

“É incrible que o Goberno galego pense en falar da educación sen contar con Anpas, sindicatos e organizacións estudantís; é incrible que se pense en falar do galego sen contar coas organizacións sindicais ou organizacións de consumidores. Tamén que a Xunta pretenda falar do desenvolvemento da cultura galega sen contar coas entidades do sector audiovisual ou a asociación de escritores en lingua galega; ou da administración sen contar co persoal técnico de normalización”, expuxo.

Fronte a isto, Maceira reivindicou que o 23 de febreiro sairán á rúa con “entidades sociais, amplas e diferentes sectores, así como organizacións políticas e sindicais”. En definitiva, unha representación “moi elevada da sociedade galega e da vontade colectiva” por “manter e recuperar a súa lingua”. Por todo iso, mostrou a súa confianza en que a sociedade “se está activando a favor da lingua”, algo que, ao seu xuízo, “será o que consiga empezar a reverter o proceso da lingua galega de substitución lingüística” para, “máis pronto que tarde, cambiar realmente a actitude do Goberno galego”. “Fai falta que a sociedade se implique e que o goberno acompañe as reivindicacións da sociedade. Se estas dúas cousas se producen, a situación do galego vai mellorar”, subliñou.

ÚLTIMAS

(FOTOS) Así deu comezo a selectividade en Compostela: nervios e críticas ante o novo modelo de exame

A convocatoria ordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU) deu comezo este martes...

Verea acusa co goberno local de bloquear o transporte urbano durante unha década

O voceiro do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, cargou este martes contra a...

O pleno rexeita unha factura de 400.000 euros do autobús urbano mentres medran as críticas polo novo contrato

O pleno do Concello de Santiago non aprobou este martes un recoñecemento extraxudicial de...

Pedro Blanco comprométese en Ames coa transformación urbana e eloxia os investimentos estatais

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este martes o concello de...

ASPAS culmina o seu Camiño de Santiago pola ruta inglesa con máis de 150 participantes

Baixo o lema 'Pasiño a pasiño… acadando metas', a Asociación ASPAS completou con éxito...

(VÍDEO) A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia unha vez máis que o sistema de buzón para consultas vulnera a normativa sanitaria

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, con sede en Santiago de Compostela,...

UCIN reclama melloras en servizos básicos tras visitar A Rocha Vella e outras zonas de Santiago

A formación política UCIN continúa coa súa campaña de visitas a barrios e parroquias...