A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS celebrou esta pasada semana unha xornada de debate na Biblioteca Pública Ánxel Casal para abordar as problemáticas das listas de espera no sistema sanitario público galego.
Antes do encontro, os participantes conversaron co Xornal de Compostela sobre a súa preocupación pola opacidade nos datos facilitados polo Sergas, as demoras nos tempos de atención e o impacto psicolóxico que esta situación xera nos pacientes.
O presidente da Asociación, Fernando Abraldes, sinalou que actualmente hai preto de 20.000 persoas en espera dunha proba diagnóstica na área sanitaria de Santiago, o que representa aproximadamente o 35% do total de pacientes en lista de espera en toda Galicia. “A situación é grave e está a afectar especialmente a persoas con doenzas oncolóxicas, que se atopan nunha incerteza absoluta sobre cando serán atendidas”, advertiu.
AXENDAS PECHADAS E TEMPOS DE ESPERA INCERTOS
A principal crítica formulada pola asociación refírese ao sistema de axendas dinámicas ou ‘buzón’, implantado en 2023, e que impide aos pacientes coñecer a data das súas citas médicas no momento da solicitude. Segundo explicou Aida Castro, paciente oncolóxica e fisioterapeuta, este sistema fai que “as axendas estean pechadas de forma permanente” e os usuarios non saiban “cando serán atendidos nin quen decide as datas das súas consultas”.
“A primeira consulta está garantida, pero as revisións chegan con atrasos. No meu caso, os atrasos afectaron a TACs, consultas e probas de seguimento. Se aparece un problema nunha revisión que se fixo cun ano e medio de demora, pode ser demasiado tarde”, denunciou.
Ademais, Xaime López, técnico da administración xeral, destacou que os tempos de espera publicados oficialmente non inclúen as segundas e posteriores consultas nin os pacientes que rexeitan ser atendidos nun centro privado concertado, o que, segundo el, distorsiona os datos reais e impide valorar se se están cumprindo os prazos legais establecidos.
IMPACTO PSICOLÓXICO E FALTA DE APOIO
A situación de incerteza e os atrasos nos tratamentos están a ter tamén un impacto psicolóxico significativo nos pacientes, que denuncian a falta de atención específica neste ámbito. “É unha crueldade psicolóxica para os pacientes que estamos en remisión. O sistema debería aliviar o sufrimento, non aumentalo”, afirmou Aida Castro.
Pola súa banda, Fernando Abraldes sinalou que a atención psicolóxica no sistema sanitario público está practicamente privatizada e que os pacientes oncolóxicos deben recorrer a entidades como a Asociación Española Contra o Cancro para recibir apoio psicolóxico.
López tamén chamou a atención sobre a relación entre a falta de atención en saúde mental e o elevado consumo de ansiolíticos en Galicia, que lidera este ranking a nivel estatal. “Non hai psicólogos nin psiquiatras suficientes, pero hai un gasto enorme en ansiolíticos”, apuntou.
O DESVÍO Á SANIDADE PRIVADA E A FALTA DE DATOS PÚBLICOS
Outro dos puntos clave da denuncia da Asociación de Pacientes foi a falta de transparencia nos datos oficiais. Segundo explicou Abraldes, a Xunta só publica información sobre as primeiras intervencións cirúrxicas e primeiras consultas, pero non sobre segundas citas nin sobre os tempos reais que transcorren entre un primeiro síntoma e o diagnóstico final.
Ademais, advertiu que aqueles pacientes que rexeitan ser atendidos en centros privados concertados perden o dereito a un tempo máximo de espera garantido, quedando nunha lista non estrutural da que non existen datos oficiais. “Estamos ante un sistema que penaliza a autonomía dos pacientes e que favorece a sanidade privada”, denunciou.
A Asociación de Pacientes esixiu á administración que publique información completa e desagregada sobre os tempos de espera, que elimine o sistema de axendas dinámicas e que garanta que as revisións médicas non sufran atrasos.
“TRÁTASE DA NOSA SAÚDE. NON PODEMOS ACEPTAR ISTO”
A charla concluíu cun chamamento á concienciación social e á mobilización para esixir melloras no sistema sanitario. “Somos poucos os que levantamos a voz, pero isto é moi grave. Trátase da nosa saúde e da nosa vida”, reivindicou Aida Castro.