InicioMOV. SOCIAISMilleiros de persoas colapsan Santiago para berrar "Altri Non"

Milleiros de persoas colapsan Santiago para berrar “Altri Non”

Entre 40.000 persoas, segundo a Policía, e 100.000, segundo a organización encheron varias veces o Obradoiro. Unha "mobilización histórica" coa que reivindican que a Xunta "non ten o consenso social" para instalar a factoría.

Publicado o

Xornal de Compostela

Volveu o espíritu Nunca Máis, o mesmo que enchía as rúas e prazas de toda Galicia reclamando dignidade e pedía que non se volveran repetir catástrofes medioambientais. Máis de 20 anos depois, outra marea humana, milleiros de persoas –40.000 segundo a estimación da Policía Local e 100.000 segundo a organización— volveron encher varias veces a compostelá praza do Obradoiro para “rexeitar radicalmente” o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei. Un proxecto que plataformas veciñais e ambientais denuncian que é unha “bomba de reloxería” ambiental no medio de Galicia.

Baixo a lema ‘A Xunta non pode calar todo un país. Altri Non’, a manifestación partiu da Alameda compostelá ao redor das 12.00 horas, pero unha hora despois do inicio do percorrido, e cun Obradoiro cheo, aínda había grupos de manifestantes que seguían saíndo do céntrico parque da capital galega.

De igual forma, a cantidade de asistentes obrigou á organización a “baleirar e encher” varias veces o Obradoiro, así como a ler ata en dúas ocasións o manifesto. “É unha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige”, aseguraron os organizadores.

Cadaleitos, manifestantes vestidos de caveiras, paxaros, centos de pancartas e ata unha tea azul de 150 metros que simulaba o río Ulla, foron algúns dos protagonistas da xornada. ‘A auga é nosa e non dá celulosa’, ‘Por unha terra viva, Altri Non’, ‘Altri retrocede o pobo non te quere‘ ou ‘Galicia enteira rexeita esta pasteira’ foron algúns das lemas que coreaban os manifestantes.

UN ANTES E UN DESPOIS

“As nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpo e auga limpa, non é negociable“, aseverou a presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, en declaracións aos medios antes de iniciar a marcha. Así mesmo, o presidente de PDRA, Xaquín Rubido, fixo fincapé en que esta manifestación “vai marcar un antes e un despois” e destacou que a sociedade está a ver como nace un movemento social “á altura do ‘Nunca Máis'”.

Queremos saber se a Xunta vai seguir dicindo que estamos a enganar á poboación, que non temos os datos, que somos catro persoas, xa abonda de insultar á poboación galega. Por iso, convidámolos a que se reúnan connosco e que comparemos datos”, esgrimiu Gontá. Neste sentido, Rubido incidiu en que a Xunta “non ten o consenso social para impulsar e impor a celulosa de Altri” e advertiu de que “impola é actuar contra o conxunto da sociedade galega”.

“A Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país e abandonar á súa sorte a miles de familias que viven do mar e do sector agrogandeiro e turístico”, esgrimiu.

“FAIXOS DE BILLETES PARA UNS POUCOS”

Nunha praza do Obradoiro repleta, a mariscadora de Carril, María Porto; a bateeira de Vilanova, Marta Juncal; a bibliotecaria de Antas, Teresa Batán e Ximena de Agolada, foron as encargadas de dar lectura ao manifesto nun escenario colocado debaixo do despacho da Xunta no Pazo de Raxoi. “Hai un ano recibiamos a noticia, Altri é unha sombra que sobrevoa a terra do medio, e que pretende botar raíces nas nosas comarcas como unha mala herba e chupar a nosa auga e verter a súa merda ao río e á atmosfera para sempre“, aseveraron.

Así mesmo, subliñaron que “na Xunta estaban seguros de que tiñan todo ben atado e os faixos de diñeiro repartidos, neste conto os beneficiados son unha minoría de privilexiados”. Tamén se referiron a as “máis de 23.000 alegacións ao proxecto” e ao informe do Consello da Cultura Galega (CCG) do pasado mes de setembro.

Ademais, alertaron de que “a contaminación de Altri no Ulla afecta á calidade da auga potable que beben 145.000 veciños” e advertiron de que esa contaminación en ríolle “chegaría en 24 horas á ría de Arousa”. “Altri é un proxecto contrario á creación de emprego digno, á sustentabilidade económica e social porque atenta contra todos os sectores económicos e produtivos do mar e do agro que xeramos a riqueza social”, reclamaron.

Neste contexto, alertaron de que o berro de ‘Altri Non’, será “cada vez máis forte” e aseguraron que a lexitimidade está “da parte do pobo”. Tras a lectura do manifesto, o Coro Encaixe e as Músicas dá Ulloa ofreceron unha actuación musical na que tamén clamaron contra o proxecto.

“RUEDA ESCUCHA Á CIDADANÍA”

Con todo, foron varios os líderes políticos que se sumaron a esta manifestación, entre eles, o histórico líder nacionalista, Xosé Manuel Beiras; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez;  o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López e o deputado de Sumar pola Coruña, Manuel Lago.

ÚLTIMAS

O Concello aproba o inicio do expediente de contratación dos Fogos do Apóstolo 2025 e 2026 e avanza na posta en marcha da plataforma...

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o inicio do expediente...

O Compostela suma ante a Gimnástica o seu terceiro triunfo consecutivo

O Compos continúa a súa loita pola permanencia cun novo paso adiante. O equipo...

Galzheimer Care presenta unha guía para afrontar problemas de conduta no fogar

A entidade Galzheimer Care presentará este martes en Santiago de Compostela a guía 'Resolvendo...

Feijóo lamenta o falecemento do Papa Francisco e lembra a súa intención de visitar Santiago

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, manifestou este luns o seu pesar...

Santiago autoriza dúas pancartas contra a mina de Touro e a guerra en Gaza na Alameda

Por iniciativa da Plataforma veciñal de Mina Touro-O Pino NON e coa autorización Concello...

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncian riscos na atención a doentes de Hematoloxía

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de trasladar a súa preocupación...

Mobilización de estudantes en protesta pola vivenda en Santiago con seguimento moderado

Centos de universitarios secundaron unha mobilización polo dereito á vivenda en Santiago de Compostela...