O aeroporto de Santiago de Compostela rexistrou seis cancelacións de voos este mércores na xornada de folga xeral. Segundo fontes de Aena, o balance de Lavacolla inclúe tanto chegadas como saídas. O xestor aeroportuario non detallou que conexións se viron afectadas.
Aena precisou que o reconto abrangue o conxunto da xornada e pode incluír voos programados para a tarde cuxa cancelación se decidiu o martes ou durante a mañá do mércores. “Poden ser voos que vaian operar pola tarde e cancelados xa onte pola folga ou esta mañá”, indicaron as mesmas fontes.
Lavacolla concentrou seis das dez cancelacións contabilizadas por Aena nos aeroportos galegos. As outras catro corresponderon ao aeroporto de Vigo. Na Coruña, o xestor aeroportuario sinalou que a operativa se desenvolveu con normalidade.

