O centro comercial Área Central acolle dende este xoves, 22 de outubro, a exposición ‘A historia ferroviaria da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle’, unha proposta que permite coñecer o pasado ferroviario deste itinerario e a súa posterior adaptación como espazo destinado ao uso público. A iniciativa, promovida pola Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, busca recuperar a memoria da antiga infraestrutura e dar a coñecer as posibilidades que ofrece actualmente para a práctica deportiva, as actividades de lecer e o turismo vinculado á natureza.
A inauguración reuniu en Área Central a representantes das administracións implicadas no desenvolvemento e promoción desta ruta. Entre os asistentes estiveron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; o alcalde de Oroso e presidente da asociación promotora, Alexander Doval Expósito; o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira Piñeiro; e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy. Ao encontro tamén acudiron representantes doutros municipios integrados na entidade.
A exposición propón unha aproximación á transformación dun antigo corredor ferroviario nun itinerario compartido por diferentes concellos. A través do seu contido, os visitantes poderán achegarse á historia do ferrocarril neste territorio e coñecer o proceso polo que unha infraestrutura que deixou de cumprir a súa función orixinal pasou a formar parte da oferta de espazos para camiñar, practicar deporte e desenvolver actividades ao aire libre.
A recuperación do patrimonio ferroviario e a dinamización do rural centraron boa parte das intervencións durante o acto inaugural. A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, destacou a contribución das vías verdes á creación de alternativas de actividade económica e social fóra dos núcleos urbanos. Segundo sinalou, estes percorridos están a permitir que “moito do rural teña dinamización económica, deportiva e de espazos de lecer”.
Na mesma liña, o deputado provincial Antonio Leira incidiu na necesidade de garantir a continuidade e a conservación deste tipo de infraestruturas mediante a colaboración entre administracións e cidadanía. “Xa temos un produto único e singular; agora tócanos coidalo e poñelo en valor, ser os seus mellores embaixadores”, manifestou durante a inauguración, na que tamén reivindicou o papel dos diferentes axentes locais na difusión da Vía Verde.
Pola súa parte, o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, abordou as oportunidades que presenta este percorrido nun contexto de maior interese polas experiencias turísticas relacionadas coa natureza e coa actividade física. Merelles apuntou tamén que a rehabilitación de antigas liñas ferroviarias pode servir de referencia para recuperar outras infraestruturas en desuso. Durante a súa intervención recoñeceu, ademais, o traballo desenvolvido pola Asociación Compostelana de Amigos del Ferrocarril para conservar e transmitir a memoria ferroviaria.
O presidente da asociación de concellos e alcalde de Oroso, Alexander Doval, puxo o acento na importancia de incrementar o coñecemento da ruta entre a propia poboación dos municipios polos que discorre. Doval defendeu a organización de propostas que favorezan a participación veciñal e considerou fundamental que os habitantes destes territorios identifiquen a Vía Verde como un recurso propio antes de avanzar na súa promoción entre visitantes.
UN PERCORRIDO POLA MEMORIA DI FERROCARRIL
A organización da mostra conta co financiamento da Deputación da Coruña e coa colaboración da Asociación Compostelana de Amigos del Ferrocarril, entidade que participou na preparación dos contidos históricos. O obxectivo é ofrecer unha visión accesible da evolución do antigo trazado e da relación que mantivo o ferrocarril co territorio, desde a súa etapa de funcionamento ata a recuperación do corredor para novos usos.
Unha vez rematadas as intervencións institucionais, os asistentes participaron nunha visita guiada conducida por Carlos Abellán, integrante da Asociación Compostelana de Amigos del Ferrocarril e presidente xeral europeo da Asociación Europea de Ferroviarios (AEC). Abellán encargouse de explicar os diferentes apartados da exposición e de contextualizar a documentación e os materiais relacionados coa historia desta infraestrutura.
A mostra poderá visitarse ata o próximo 2 de novembro na esquina azul de Área Central, en Santiago de Compostela. A programación incorporarase tamén ás actividades previstas para esta fin de semana cunha cita dirixida ás persoas interesadas no mundo ferroviario.
En concreto, o sábado 24 de outubro celebrarase un mercadillo ferroviario, orientado especialmente ás persoas afeccionadas ao modelismo e ao coleccionismo, aínda que estará aberto tamén ao público interesado nesta temática. A actividade complementará a vertente histórica da exposición cun espazo dedicado á afección polo ferrocarril.

