Como se denomina o pan de millo nos distintos puntos de Galicia? En que territorios se emprega o pronome ‘ti’ fronte a ‘tú’? A resposta a estas e outras centos de preguntas sobre a diversidade da lingua galega pode consultarse desde este xoves a través do ALGa dixital, unha nova plataforma interactiva impulsada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio da Fundación Barrié, que pon ao alcance da cidadanía preto de 900 mapas do Atlas Lingüístico Galego.
A ferramenta foi presentada esta mañá na sede do ILG en Compostela nun acto no que participaron a reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a directora do Instituto, Elisa Fernández Rei; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias Romero, e o investigador responsable do proxecto, Xulio Sousa.
A iniciativa permite consultar, comparar, filtrar e descargar os materiais dunha investigación iniciada na década dos setenta do século pasado. O seu obxectivo é facilitar tanto o traballo da comunidade científica como o acceso do profesorado, do estudantado e das persoas sen formación especializada en lingüística a un patrimonio documental que recolle a maneira de falar dos galegos e galegas de hai medio século.
O Atlas Lingüístico Galego constitúe o proxecto fundacional do Instituto da Lingua Galega. A súa posta en marcha permitiu documentar a diversidade territorial do idioma nun momento de transformacións sociais e culturais en Galicia, no que boa parte das particularidades lingüísticas do país permanecían sen estudar.
“O ALGa salvagarda unha maneira de falar e de vivir e de interpretar o mundo que en boa medida desapareceu ou se transformou profundamente”, sinalou Fernández Rei durante a presentación.
A directora do ILG incidiu na importancia de que aquela investigación recoñecese o valor das diferentes variedades do idioma e das persoas que as empregaban, nun contexto marcado polas consecuencias de décadas de represión lingüística e de desprestixio social do galego.
Os cuestionarios, as gravacións, as transcricións e as anotacións realizadas durante o traballo de campo conforman un arquivo que permite coñecer non só a realidade lingüística daquela época, senón tamén aspectos da vida cotiá, dos costumes e da cultura das comunidades estudadas.
Fernández Rei reivindicou igualmente o carácter colectivo dunha investigación que deu lugar, ata o momento, á publicación de oito volumes do Atlas Lingüístico Galego. A súa incorporación ao ámbito dixital responde agora a unha das prioridades estratéxicas do Instituto: avanzar cara a unha ciencia aberta e accesible ao conxunto da sociedade.
DO PAPEL Á CARTOGRAFÍA INTERACTIVA
A dixitalización do Atlas non se limitou á reprodución dos mapas publicados en papel. Segundo explicou Xulio Sousa, o equipo optou por desenvolver unha aplicación que permitise interactuar cos datos orixinais, superando algunhas das dificultades que presenta a consulta dos atlas lingüísticos tradicionais, tanto polas dimensións das publicacións como pola complexidade da extracción de información.
Os mapas da nova plataforma organízanse en tres grandes categorías: fonética, léxico e morfosintaxe. Cada unha delas conta con subdivisións que facilitan a navegación e a localización dos fenómenos lingüísticos que se desexan consultar.
A web incorpora tamén información sobre o proxecto orixinal, as localidades nas que se realizaron as enquisas e os códigos empregados para identificar os puntos de recollida de datos, distribuídos polas catro provincias galegas e por territorios de Asturias, León e Zamora.
Durante a presentación, Sousa realizou unha demostración das funcionalidades da plataforma a partir de diferentes exemplos. Entre eles, amosou o mapa dedicado ás denominacións da broa, para a que o Atlas chegou a documentar 34 variantes, entre as que figuran ‘broa’, ‘boroa’, ‘borona’ ou ‘pan de millo’.
A aplicación permite seleccionar individualmente estas formas, ocultar as restantes e comprobar a súa distribución xeográfica, así como coñecer o número de veces que foi rexistrada cada variante durante o traballo de campo.
Outro dos exemplos empregados foi o da distribución territorial dos pronomes ‘ti’ e ‘tú’, que permite identificar tamén aquelas localidades nas que convivían ambas as formas no momento da realización das enquisas.
Para representar os lugares nos que se obtivo máis dunha resposta a unha mesma pregunta, o equipo incorporou símbolos con bordos punteados. Estes amosan inicialmente a primeira variante anotada no cuestionario, aínda que a plataforma permite visualizar tamén as restantes mediante os filtros dispoñibles.
Esta funcionalidade resulta de interese para o estudo das zonas de transición lingüística, nas que conflúen características propias de diferentes áreas do territorio.
Ademais, ao seleccionar cada punto do mapa, as persoas usuarias poden acceder ás transcricións fonéticas das respostas e ás anotacións complementarias realizadas durante as enquisas, nas que se recollen observacións sobre a frecuencia de uso dunha palabra ou as diferenzas de significado entre determinadas variantes.
DATOS DESCARGABLES PARA DESENVOLVER NOVAS INVESTIGACIÓNS
Un dos elementos que diferencia o ALGa dixital doutros proxectos de cartografía lingüística é a posibilidade de descargar os datos empregados na elaboración dos mapas.
As táboas descargables inclúen as transcricións fonéticas, a información das lendas e as coordenadas xeográficas dos puntos de recollida. Deste xeito, a comunidade investigadora poderá elaborar os seus propios mapas mediante sistemas de información xeográfica, combinar materiais procedentes de diferentes cuestionarios ou realizar análises específicas.
A plataforma dispón igualmente dun sistema de busca avanzada e dun teclado fonético, que permiten localizar determinadas secuencias lingüísticas no conxunto dos materiais dispoñibles, así como modificar as bases cartográficas e os sistemas de representación gráfica.
O propósito, segundo explicou Sousa, é favorecer un maior aproveitamento científico dos atlas lingüísticos, cuxos materiais resultan, en ocasións, difíciles de explotar debido ao seu formato de publicación.
O ALGa dixital nace como unha ferramenta en desenvolvemento. Aínda que a plataforma conta actualmente con preto de 900 mapas, o equipo investigador traballa na incorporación de novos materiais.
“Agora son preto dos 900, contamos chegar aos 1.000 sen tardar moitos meses”, avanzou Sousa durante a quenda de preguntas.
O investigador abordou tamén a posible incorporación da intelixencia artificial a este tipo de recursos lingüísticos. Neste sentido, fixo referencia a unha aplicación presentada recentemente nun congreso en Salamanca, vinculada a un atlas sintáctico desenvolvido na Universidade de Barcelona, que permitiría ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato realizar consultas empregando a linguaxe natural.
Porén, Sousa aclarou que o ALGa dixital aínda non deu ese paso e que a prioridade do equipo compostelán pasa, polo momento, por ampliar o número de mapas dispoñibles na plataforma.
MÁIS DE MEDIO SÉCULO DE COLABORACIÓN ENTRE A USC E A FUNDACIÓN BARRIÉ
A presentación serviu tamén para repasar a relación entre a Fundación Barrié e o Instituto da Lingua Galega, unha colaboración que se remonta mesmo a antes da constitución do propio centro de investigación compostelán.
Carmen Arias lembrou que a Fundación participou no apoio á creación do Departamento de Filoloxía Románica, na súa especialidade de Galego, que constituiría o antecedente do ILG, fundado o 26 de maio de 1971.
Desde entón, a entidade contribuíu ao desenvolvemento do Atlas Lingüístico Galego e á publicación dos seus diferentes volumes, un proceso editorial que continúa na actualidade.
Arias reivindicou o papel das persoas que participaron na posta en marcha e no desenvolvemento da investigación, entre elas Constantino García, Antón Santamarina, Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei, Manuel González, Francisco Dubert e Xulio Sousa.
A responsable da Fundación Barrié situou a nova plataforma dentro do compromiso da entidade coa transferencia do coñecemento científico á sociedade, máis alá dos ámbitos académicos e especializados.
Pola súa banda, a reitora da USC enmarcou a iniciativa no desenvolvemento das humanidades dixitais, destacando as posibilidades que ofrece a incorporación de ferramentas tecnolóxicas á investigación lingüística para establecer novas relacións entre os datos, formular preguntas e abrir outras liñas de estudo.
“Desde a Universidade de Santiago de Compostela queremos que o coñecemento sexa un ben común”, afirmou Crujeiras, quen incidiu na necesidade de facilitar o acceso aos resultados das investigacións desenvolvidas na institución universitaria.
A reitora destacou igualmente a importancia de documentar e divulgar a diversidade interna do galego como unha vía para contribuír á súa preservación e valoración social.
O acto incluíu, ademais, un recoñecemento ao persoal investigador e técnico que participou nas distintas etapas do Atlas, así como ás persoas que colaboraron no desenvolvemento da nova aplicación e ao alumnado en prácticas que contribuíu ao tratamento dos materiais.
Os responsables do proxecto dedicaron unha mención especial ás persoas informantes que participaron nas enquisas realizadas hai medio século, cuxos testemuños permitiron construír o arquivo lingüístico que agora se abre á cidadanía a través de internet.

