InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSantiago converterá as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova...

Santiago converterá as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo nunha galería de arte urbana

A intervención impulsada pola Concellería de Xuventude reúne a varios artistas do muralismo galego e prevé estar rematada arredor do día 20 deste mes

Publicado o

Xornal de Compostela

As galerías que comunican Rosalía de Castro coa Rúa Nova de Abaixo deixarán de ser un espazo de tránsito pouco atractivo para transformarse nunha galería de arte urbana aberta á cidadanía. Ese é o obxectivo da intervención de muralismo presentada pola concelleira de Xuventude, María Rozas, xunto a varios dos artistas participantes no proxecto, entre eles Møu, Xoana Almar e Nove Noel.

A actuación forma parte da liña de traballo que a Concellería de Xuventude vén desenvolvendo nos últimos anos arredor do muralismo e da súa presenza en distintos puntos da cidade. Rozas defendeu que a arte urbana ten unha “capacidade transformadora” tanto no plano visual como na relación da veciñanza co espazo público. Segundo explicou, estas intervencións permiten actuar sobre lugares “degradados, deteriorados ou pouco atractivos” e, ao mesmo tempo, favorecer que a mocidade e a cidadanía sintan esas zonas como propias.

A concelleira enmarcou o proxecto nunha aposta municipal que xa se levou a centros educativos e a outros espazos de Compostela. Neste caso, sinalou que a proposta presenta un carácter diferente ao realizado ata agora, xa que non se limita a unha intervención individual, senón que reúne a varios creadores cunha traxectoria recoñecida no muralismo galego.

No proxecto participan, ademais dos artistas presentes na visita, outros nomes como Lidia Cao, Joseba Muruzábal, Miguel Peralta, Sokram e Cinta Arribas, segundo se indicou durante o percorrido. A intención é que cada creador dispoña dun espazo propio dentro das galerías, mais que o conxunto manteña certa conexión visual e conceptual. Na planta baixa está prevista tamén unha intervención común que funcionará como nexo entre o interior das galerías e a parte máis visible desde a rúa.

Un dos artistas explicou que a configuración do espazo, dividido en diferentes superficies e niveis, levou o grupo a pensar a intervención como unha galería de arte urbana. “Vimos que eran como lenzos separados”, sinalou, antes de destacar que o proxecto permitirá reunir “unha parte importante do gremio do muralismo galego que se está facendo agora”. Tamén convidou a veciñanza a achegarse antes de que as obras estean rematadas para observar a evolución dos murais e o traballo dos artistas durante o proceso.

A intervención realizarase de maneira progresiva ao longo deste mes. Segundo indicaron os participantes, a previsión é que os murais estean rematados arredor do día 20, aínda que os artistas irán traballando en función das súas axendas. Durante estes días xa se poderán ver os primeiros trazos, marcas e composicións iniciais nos muros das galerías.

Os creadores subliñaron que unha das particularidades desta proposta é que o proceso creativo estará á vista de calquera persoa que transite pola zona. Fronte ao traballo de estudo, máis privado, esta intervención desenvolverase nun espazo aberto e en contacto directo co público. “Normalmente é algo íntimo que os artistas fan no seu estudo privado; aquí está á vista de todo o mundo”, apuntou un dos participantes, que incidiu no interese de ver como os proxectos van mudando ata chegar ao resultado final.

Tamén se puxo en valor a liberdade artística concedida tanto polo Concello como pola comunidade de veciños, á que Rozas agradeceu a súa implicación. Os artistas destacaron que poder traballar sen unha proposta pechada permite adaptar cada idea ao muro correspondente e aproveitar as características físicas do espazo. Nesa liña, explicaron que as obras poden mudar durante a execución, xa que a pintura mural require axustar composicións, formatos e solucións técnicas sobre a propia superficie.

Outro dos aspectos abordados durante a visita foi o momento que vive o muralismo galego. Os artistas defenderon que Galicia conta cun movemento cada vez máis consolidado, baseado non só na calidade das obras, senón tamén na colaboración entre profesionais. “Cremos moito que en Galicia temos un movemento potente de muralismo porque nos coñecemos, xuntámonos, falamos da profesión e intentamos dignificala”, sinalou unha das artistas.

Nesa reflexión, os participantes lembraron que o muralismo é xa o medio de vida de moitos creadores, malia que durante anos non sempre se percibiu como unha profesión viable. Explicaron que nos últimos tempos se avanzou en condicións laborais, dereitos, seguridade, uso de materiais e criterios profesionais, un proceso que atribúen tamén á existencia dun grupo de artistas que comparte experiencias e unha visión común sobre o oficio.

Rozas pechou a visita destacando que moitas cidades europeas e doutros lugares incorporan os murais aos seus percorridos culturais e turísticos. A concelleira considerou que Santiago e Galicia contan cun nivel artístico que pode situarse á altura doutros destinos que xa fan da arte urbana un elemento de atracción. Nese sentido, afirmou que para a administración era “unha obriga” poñer en valor ese traballo e facilitar novas oportunidades para que os artistas deixen a súa pegada na cidade.

ÚLTIMAS

Pedro Blanco dá o paso para optar á Alcaldía de Santiago polo PSOE

Pedro Blanco Lobeiras formalizou a súa intención de liderar a candidatura do Partido Socialista...

Venezolanos residentes en Santiago piden apoio institucional para enviar axuda a Venezuela

O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez, xunto con dúas dos creadores da...

Decenas de estudantes fan cola desde a madrugada para conseguir piso: “Chegamos ás 05:00”

Decenas de estudantes universitarios fan cola desde a madrugada deste mércores, algúns desde as...

O Concello reforza a limpeza e a recollida de residuos polo Son do Camiño

O Concello de Santiago puxo en marcha un reforzo do servizo de recollida de...

O equipo xurídico municipal relata como Santiago recuperou as estatuas de Ezequiel e Xeremías do Mestre Mateo

O proceso que permitiu ao Concello de Santiago recuperar as estatuas de Ezequiel e...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here