InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO catedrático da USC Gumersindo Feijoo ingresa na Real Academia Galega de...

O catedrático da USC Gumersindo Feijoo ingresa na Real Academia Galega de Ciencias cunha defensa da sustentabilidade baseada en evidencias

O investigador compostelán reivindicou a incorporación do coñecemento científico aos procesos de decisión e destacou ferramentas para medir o impacto ambiental e social das actividades humanas

Publicado o

Xornal de Compostela

O catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela Gumersindo Feijoo ingresou este mércores como académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias na sección de Ciencias Técnicas. O acto desenvolveuse no compostelán Pazo de San Roque, onde o investigador pronunciou o seu discurso de ingreso baixo o título ‘Do dato ao impacto: marco científico da sustentabilidade’.

A sesión foi aberta polo presidente da Academia, Juan Lema, quen puxo o foco na relevancia da incorporación de Feijoo á institución. Lema, que tamén foi director da súa tese de doutoramento, destacou a necesidade dunha perspectiva científica da sustentabilidade para responder aos desafíos ambientais e industriais actuais. Durante a súa intervención, referiuse a sectores como o vitivinícola, o lácteo, o forestal, a alimentación ou a pesca e subliñou a traxectoria profesional do novo académico, caracterizada, segundo indicou, polo “rigor científico”.

A laudatio foi pronunciada por Herminia Domínguez, académica da RAGC e profesora da Universidade de Vigo.

No discurso de ingreso, Feijoo centrou a súa intervención na evolución do concepto de sustentabilidade, que describiu como un ámbito que pasou de ser unha formulación xeral a consolidarse como un campo de investigación sustentado en metodoloxías medibles e verificables. O investigador sinalou que nas últimas décadas “a sustentabilidade deixou de ser un ideal abstracto para converterse nunha ferramenta operativa que permite avaliar o impacto das actividades humanas sobre o medio ambiente e a sociedade”.

Nesta liña, defendeu a incorporación do coñecemento científico á toma de decisións, coa finalidade de avanzar cara a modelos de desenvolvemento sustentables baseados en datos. “A necesidade de integrar o coñecemento científico na toma de decisións para que o desenvolvemento sexa realmente sustentable”, afirmou durante a súa intervención.

Feijoo repasou algunhas das metodoloxías que permiten cuantificar impactos ambientais e sociais. Entre elas destacou a análise de ciclo de vida, utilizada para medir os efectos asociados a un produto ou proceso desde a súa orixe ata o final da súa vida útil; as pegadas ambientais, como a de carbono ou a hídrica, destinadas a avaliar presións concretas sobre os recursos naturais; e tamén os indicadores de economía circular, centrados na eficiencia no uso dos materiais e nas posibilidades de reutilización e reciclaxe.

Segundo explicou, estas ferramentas constitúen unha base para adoptar decisións máis fundamentadas e responsables, tanto no ámbito institucional como no industrial.

O novo académico tamén introduciu referencias a ámbitos concretos como a alimentación, onde advertiu da necesidade de avanzar cara a sistemas que permitan reducir emisións e desperdicios. Neste contexto, destacou igualmente o valor da dieta atlántica como exemplo vinculado a modelos alimentarios máis sustentables.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

A Semana do Patrimonio Invisible abrirá o Convento do Carme e As Orfas entre máis de 700 prazas en Compostela

Santiago de Compostela volverá abrir durante unha semana algunhas das portas que habitualmente permanecen...

O Concello limpa a Rocha Forte e prepara un contrato plurianual para o mantemento do xacemento

O Concello de Santiago completou este verán unha nova actuación de roza, limpeza e...