InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO proxecto ‘Hermes’ gaña o concurso internacional para a nova iluminación da...

O proxecto ‘Hermes’ gaña o concurso internacional para a nova iluminación da contorna da Catedral de Santiago

A proposta vencedora servirá de base para a redefinición da paisaxe nocturna do corazón histórico compostelán, cunha actuación piloto prevista na praza das Praterías

Publicado o

Xornal de Compostela

O acto de entrega do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da Contorna Monumental da Catedral de Santiago de Compostela serviu este martes para dar a coñecer a proposta gañadora dun proceso impulsado no marco do Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago, desenvolvido coa participación do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Goberno central. A iniciativa busca definir un novo modelo de iluminación para o ámbito monumental da cidade histórica mediante criterios patrimoniais, ambientais e urbanos.

A proposta seleccionada foi a presentada polo estudio ‘Intervento’, encabezado por Miguel Ángel Lorite, que se impuxo a outras dúas finalistas: a UTE liderada por Piero Castiglioni e o equipo finlandés Baloa. O proxecto será agora desenvolvido nunha segunda fase que incluirá unha actuación piloto na Praza das Praterías.

Durante a apertura do acto, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou a relevancia deste proceso dentro da estratexia turística da cidade e vinculouno coa preparación do futuro Xacobeo 2027. Segundo sinalou, Santiago precisa adaptarse a un escenario no que o aumento da actividade turística obriga a “ordenar fluxos e racionalizar as visitas” de peregrinos e visitantes.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, definiu a xornada como “un día moi importante” para a cidade e lembrou que o concurso fora presentado o pasado 24 de xuño, coincidindo coa noite de San Xoán. A rexedora explicou que o obxectivo non era unicamente iluminar o espazo histórico, senón facelo mantendo tamén a identidade da cidade durante a noite.

“Iluminar o corazón da cidade histórica e facelo dunha maneira onde esa iluminación non oculte o que é a maxia das sombras tamén, non oculte o que é a maxia da noite”, afirmou.

Sanmartín incidiu ademais no carácter interdisciplinar do proceso, tanto nos equipos participantes como no propio xurado, no que participaron especialistas internacionais en ámbitos como historia da arte, urbanismo e iluminación. Entre os integrantes figuraban nomes como David Chipperfield, Teresa Táboas, Roger Narboni, Esther Torelló e Manuel Castiñeiras.

Na súa intervención tras recibir o recoñecemento, Miguel Ángel Lorite centrou a explicación nos criterios que sustentan a proposta gañadora e reivindicou a necesidade de impulsar concursos públicos neste ámbito. Segundo explicou, este tipo de procesos continúan sendo pouco habituais.

O responsable de ‘Intervento’ fixo especial fincapé na idea de reversibilidade, defendendo que calquera actuación sobre o patrimonio debe minimizar o impacto físico e permitir a retirada futura dos elementos instalados sen alterar os edificios históricos.

“Somos conscientes de que despois de nós virán outros e o que queremos deixar como impronta é que, se aqueles non tocaron, nós tampouco”, sinalou.

A proposta tamén incorpora criterios vinculados á preservación do ceo nocturno, á redución da contaminación luminosa e á eficiencia enerxética. Lorite advertiu sobre os efectos derivados do incremento da iluminación artificial e defendeu un uso “prudente” da luz ornamental.

Segundo explicou, a intención do equipo é evitar unha iluminación invasiva e utilizar a luz como ferramenta de interpretación do espazo urbano e arquitectónico. Entre as súas ideas figura destacar elementos que pasan desapercibidos durante o día e reforzar a relación entre a contorna monumental e a experiencia das persoas que habitan a cidade.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here