InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSantiago incorpora o cinema á educación en Memoria Histórica cun novo programa...

Santiago incorpora o cinema á educación en Memoria Histórica cun novo programa para alumnado de secundaria

O Concello inicia o 4 de maio, en colaboración con Numax, unha proposta dirixida a estudantes de ESO dos institutos Rosalía de Castro e Antón Fraguas para abordar o franquismo, a educación crítica e a linguaxe audiovisual a través de dúas películas e unidades didácticas específicas

Publicado o

Xornal de Compostela

A área de Memoria Histórica do Concello de Santiago, dirixida pola concelleira Míriam Louzao, porá en marcha o vindeiro 4 de maio unha nova liña de traballo educativo centrada no uso do cinema como ferramenta para achegar a Memoria Histórica á mocidade compostelá. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Cooperativa Numax, implicará nesta primeira fase alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Rosalía de Castro e do IES Antón Fraguas.

O programa forma parte das accións impulsadas no marco do Ano da Memoria 2026, coincidindo co 90 aniversario do golpe de Estado franquista, e busca introducir entre as novas xeracións unha reflexión sobre a ditadura, a represión e os procesos de resistencia social, combinando análise histórica e alfabetización audiovisual.

A proposta estrutúrase arredor da proxección de dous filmes: A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999) e El 47 (Marcel Barrena, 2024). Ambas as obras servirán como base para un itinerario pedagóxico composto por tres fases: unha sesión previa nos centros educativos para contextualizar cada película e introducir conceptos de linguaxe cinematográfica e Memoria Histórica; a proxección en Numax; e unha terceira sesión posterior de reflexión e análise colectiva nas aulas.

Segundo sinala o Concello, esta metodoloxía pretende non só transmitir coñecemento sobre o pasado recente, senón tamén fomentar entre o estudantado capacidades de análise crítica fronte á desinformación e aos discursos de odio. Neste sentido, Louzao considera prioritario que a formación sobre o franquismo se integre nas políticas educativas municipais como ferramenta para fortalecer unha cidadanía crítica.

No caso de A lingua das bolboretas, a actividade abordará cuestións vinculadas á educación republicana, a liberdade de pensamento e a represión exercida tras o levantamento fascista. A elección desta película tamén coincide co centenario do nacemento de Rafael Azcona, figura central do cinema español e guionista da adaptación da obra de Manuel Rivas.

Pola súa banda, El 47 permitirá traballar procesos sociais da Transición como a migración interior, a mobilización veciñal e distintas formas de resistencia cívica fronte ás inercias herdadas da ditadura.

Ademais desta nova proposta cinematográfica, o Concello continúa ampliando as súas accións de divulgación da Memoria entre a poboación escolar. Entre elas inclúese a difusión da novela visual interactiva Antes de maio, centrada na loita estudantil compostelá de marzo de 1968 contra o franquismo, así como un proxecto específico para alumnado de primaria sobre a identidade do rural de Santiago.

Unha vez rematada esta primeira experiencia, está prevista a elaboración de materiais didácticos para o profesorado co obxectivo de facilitar que outros centros ou grupos poidan incorporar no futuro estes contidos ás súas aulas, consolidando así unha ferramenta educativa de longo percorrido arredor da Memoria, a cultura e a formación crítica.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

O Concello reforza a limpeza e a recollida de residuos polo Son do Camiño

O Concello de Santiago puxo en marcha un reforzo do servizo de recollida de...

O equipo xurídico municipal relata como Santiago recuperou as estatuas de Ezequiel e Xeremías do Mestre Mateo

O proceso que permitiu ao Concello de Santiago recuperar as estatuas de Ezequiel e...

O Concello leva o patrimonio das parroquias de Santiago á hostalaría e aos centros educativos

O Concello de Santiago puxo en marcha o proxecto 'Compostela Iconográfica. Patrimonio Vivo nas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here