InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Museo do Pobo Galego programa a XXI edición da MICE e...

O Museo do Pobo Galego programa a XXI edición da MICE e novas actividades culturais en marzo

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico celebrarase do 10 ao 15 de marzo con proxeccións en distintos espazos de Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo do Pobo Galego acollerá durante o mes de marzo unha programación marcada pola celebración da XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), así como pola continuidade das súas exposicións temporais e pola organización de presentacións literarias vinculadas á historia e á cultura de Santiago de Compostela.

A MICE desenvolverase do 10 ao 15 de marzo en varios espazos da cidade: o propio Museo, o Teatro Principal, Numax, o CGAC e a Fundación Eugenio Granell. O festival inicia nesta edición unha nova etapa organizativa e visual, baixo a coordinación do colectivo Memoria e Cinema, mantendo o Museo como entidade promotora.

A sesión inaugural terá lugar o martes 10 de marzo ás 20:30 no Teatro Principal, coa proxección de Redeiras, unha creación de Acacia Ojea en colaboración con Arancha Brandón centrada no oficio das redeiras da A Guarda. A peza aborda esta actividade desde unha perspectiva contemporánea a través de elementos sonoros e visuais. A inauguración incluirá tamén unha proxección sorpresa.

O mércores 11 de marzo ás 18:45, na Fundación Eugenio Granell, estrearase a sección ‘Profanacións’, concibida como espazo de experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. A proposta recupera o proxecto editorial Carrete 36, no que artistas traballan cunha cámara analóxica e un carrete en branco e negro. Nesta edición participan Florencia Rojas, Alfonso Camacho, Ian Waelder, Vanda Madureira, Iago Carro, Carme Nogueira e Javier Fernández Pérez de Lis.

Entre os días 12 e 14 de marzo, Numax acollerá unha retrospectiva da cineasta navarra Maddi Barber. Proxectaranse varias das súas obras, caracterizadas polo diálogo co territorio e pola aproximación á memoria e á paisaxe desde a etnografía experimental. A organización anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer a programación completa a través das canles oficiais.

EXPOSICIÓNS TEMPORAIS EN CURSO

O Museo mantén abertas varias mostras temporais. Na Ala Sur pode visitarse até o 31 de maio de 2026 a exposición sobre a restitución das estatuas do Mestre Mateo, Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, recuperadas polo Concello de Santiago tras o seu espolio durante o franquismo. A mostra inclúe unha liña do tempo sobre a historia das pezas e un audiovisual vinculado ao proxecto KosmoTech_1200 da USC e do CISPAC.

No claustro alto continúa ‘MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II’, aberta até o 26 de abril de 2026, con 66 máscaras procedentes de distintos países europeos e fondos propios do Museo. A exposición forma parte dun proxecto coordinado pola Universidade de Valladolid no marco dunha iniciativa europea sobre artes vinculadas ás máscaras.

Ademais, os contidos das exposicións temporais dispoñen de materiais de accesibilidade cognitiva, elaborados coa colaboración da Federación Autismo Galicia, que incorporan pictogramas e textos en linguaxe clara para facilitar a comprensión.

PRESENTACIÓNS LITERARIAS

O auditorio do Museo será tamén escenario de dúas presentacións literarias.

O 17 de marzo ás 19:00 presentarase Santiago proxectado. Arquitecturas non construídas, unha publicación de Paula Franjo, Fernando Franjo e Santiago R. Caramés editada polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións. O libro analiza catorce proxectos arquitectónicos nunca realizados na cidade e conta coa colaboración de diferentes profesionais da arquitectura.

O 26 de marzo ás 18:30 terá lugar a presentación de Bestiário, de Ánxel Huete e Vítor Vaqueiro, editado por Nêspera. A obra recompila figuras míticas galegas combinando textos descritivos e ilustracións, nunha edición bilingüe en galego e inglés.

ÚLTIMAS

O Compos vence ante o Alondras (3-0) no Vero Boquete e rompe a mala xeira de resultados

A SD Compostela regresou á senda da vitoria no estadio Verónica Boquete de San...

Queremos Galego presenta en Santiago o protocolo ‘Lingua Vital’ para responder á “emerxencia lingüística”

A plataforma cidadá Queremos Galego celebrou este sábado na praza da Quintana de Santiago...

Médicos galegos volven manifestarse en Santiago e esixen negociar para parar a folga

Médicos de atención primaria e hospitalaria volveron mobilizarse este sábado en Santiago de Compostela...

A Xunta emite informe ambiental favorable ao desenvolvemento residencial de Mallou con preto de 3.000 vivendas

A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA)...

O PSOE denuncia o “deixamento” do Goberno local co patrimonio escultórico de Santiago e pide actuar no conxunto de Leopoldo Nóvoa en Bonaval

A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago Marta Abal denunciou o que cualificou...

A migración forzada por factores ambientais, a debate en Santiago o martes 17 de marzo

O vindeiro martes 17 de febreiro celebrarase no Centro de Estudos Avanzados de Santiago...

Santiago anuncia a reapertura do parque de Bonaval tras o derrube

O Goberno local de Santiago anunciou a reapertura do parque de Bonaval, tras tres...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here