A Fiscalía de Medio Ambiente decidiu abrir dilixencias para investigar a vertedura de augas residuais ao río Sar rexistrada en outubro de 2025, tras unha denuncia presentada polo Concello de Ames, gobernado polo socialista Blas García. Segundo o decreto de incoación asinado pola fiscala provincial María del Mar Casaña, a investigación arrinca despois de que o alcalde alertase da presenza durante varios días de “malos cheiros intensos, espumas e turbidez anormal”, así como dunha “mortaldade significativa de fauna acuática” no río.
Estes feitos foron constatados polo persoal técnico de Augas de Ames en inspeccións realizadas o 12 de outubro. Dous días máis tarde, a Xunta, a través de Augas de Galicia, situou a orixe da vertedura na EDAR de Silvouta, onde a empresa pública Acuaes executaba obras de ampliación e mellora.
PIDE INFORMES A AUGAS DE GALICIA E SEPRONA
Por todo iso, Fiscalía ve procedente abrir dilixencias para solicitar informes de Augas de Galicia acerca das “deficiencias” de funcionamento detectadas na EDAR de Silvouta; as analíticas realizadas na contorna da depuradora; e determinar a “potencialidade dañosa” para o medio ambiente. Dita información deberá ser presentada nun prazo de dous meses.
Así mesmo, tendo en conta que hai unha previa intervención do Seprona, solicitaron que se remita a documentación e os informes que elaborasen respecto diso. A Fiscalía considera que, de confirmarse os feitos, estes poderían ser constitutivos dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, e, no seu caso, dun delito de prevaricación ambiental.
O PP ACUSA AO GOBERNO DE TER UN DISCURSO “PARADOXAL”
A concelleira do Partido Popular en Santiago, Nerea Barcia, cuestionou a reacción do goberno local tras a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía de Medio Ambiente polos vertidos ao río Sar e reclamou que o executivo municipal “deixe de buscar escusas e asuma as súas responsabilidades”. A edil considerou “paradoxal” que o BNG, ao que definiu como unha formación que fixo do ecoloxismo a súa “principal bandeira”, teña agora que ofrecer explicacións por un episodio de contaminación. “Pero cando a responsabilidade recae sobre eles, a resposta é falar de persecución política en lugar de dar explicacións claras á cidadanía”, afirmou.
Barcia lembrou que os vertidos foron autorizados polo propio Concello de Santiago e que posteriormente outras administracións, entre elas o Concello de Ames, trasladaron o asunto á Fiscalía. Ao seu xuízo, “intentar converter este asunto nunha suposta cruzada do PP é unha estratexia de distracción que non se sostén”. A concelleira preguntou tamén se a alcaldesa mantén que existe unha intencionalidade política tras a apertura das dilixencias e advertiu que, de ser así, “están a cuestionar o funcionamento das institucións”. Desde o grupo popular esixen explicacións “urxentes” e subliñan que “gobernar implica asumir as consecuencias das decisións propias, tamén cando non son favorables”.
RUEDA PIDE A SANMARTÍN QUE “CORRIXA A SITUACIÓN”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu á alcaldesa que “corrixa a situación” do río Sar e “non perda o tempo buscando motivacións políticas onde non as hai”. Todo iso despois de que o Goberno local afease á Xunta que a multa de Augas de Galicia a Raxoi polas verteduras ao río Sar, anunciada por Sanmartín o pasado venres, ten “intencionalidade política”. Tras ser preguntado polos medios respecto diso, o mandatario autonómico remarcou que “non é nada novo esta teima” do BNG de “desacreditar a tarefa que fan os técnicos”. Así mesmo, indicou que a denuncia do Concello de Ames en outubro foi a que orixinou este proceso. “Por tanto, eu diríalle á alcaldesa que corrixa a situación no canto de perder o tempo buscando motivacións políticas onde non as hai”, concluíu.

