O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás, anunciou a apertura dun novo período de exposición pública de dous meses para o Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3), despois de que o documento incorporase cambios considerados “substanciais” respecto da versión aprobada inicialmente o 6 de xuño de 2022. O acordo foi adoptado este martes pola Xunta de Goberno Local, paso previo á súa aprobación provisional.
O plan foi redactado polo Consorcio de Santiago, coa arquitecta Lourdes Pérez Castro como responsable técnica, e ten por obxecto ordenar urbanísticamente o ámbito polo que o Camiño Francés penetra no termo municipal desde O Pino ata o límite leste da cidade histórica, na contorna do Cruceiro de San Pedro, onde enlaza co Plan Especial da Cidade Histórica (PE-1). Trátase dun instrumento que, segundo destacou Lestegás, aborda un espazo amplo e complexo, no que se superpoñen usos rurais, rururbanos e urbanos.
En total, o PE-3 abrangue 839,15 hectáreas, distribuídas en catro ámbitos descontinuos. O sector principal, adherido ao trazado do Camiño, suma 701,56 hectáreas. A el engádense tres áreas definidas como fondos escénicos do Camiño Francés: Monte Viso (98,76 hectáreas), Bando de Abaixo (14,25 hectáreas) e o Pico do Castro (24,57 hectáreas). O obxectivo é ordenar tanto o corredor polo que pasan os peregrinos como as vistas e a paisaxe que o arrodean.
Lestegás lembrou que o Camiño Francés é Patrimonio Mundial da UNESCO desde 1993 e está declarado ben de interese cultural (BIC), polo que o plan pretende protexer, conservar, rehabilitar e mellorar o itinerario e os seus elementos urbanos, rurais e territoriais asociados, ao tempo que se facilita a súa xestión a medio e longo prazo.
O concelleiro enmarcou o documento nunha tramitación de máis de dúas décadas. O Concello aprobou inicialmente un primeiro plan específico para este ámbito no ano 2005, mais o procedemento quedou conxelado á espera de que a Xunta de Galicia delimitase oficialmente o Camiño. Co PXOM de 2008, o PE-3 pasa a estar previsto xa como ámbito diferenciado, aínda pendente de ordenación detallada. A delimitación autonómica do Camiño Francés en 2012 e do Camiño do Norte en 2013 permitiu retomar os traballos, que o Concello encargou ao Consorcio ese mesmo ano.
Entre 2014 e 2017 foron entregándose sucesivamente o documento de inicio, o texto para a aprobación inicial e un borrador adaptado á nova Lei do Solo de Galicia, acompañado do seu Documento Ambiental Estratéxico. En 2019, a Xunta emitiu o Informe Ambiental Estratéxico, pero nese mesmo ano aprobou tamén as novas normas técnicas de planeamento urbanístico, o que obrigou a reformular de novo a estrutura do plan. O texto que chegou á aprobación inicial municipal en 2022 culminou ese proceso de adaptación normativa.
Co anuncio de información pública no DOG do 11 de novembro de 2022 e o edicto posterior no BOE do 7 de febreiro de 2023, notificouse o procedemento a todas as persoas titulares de parcelas no ámbito. A partir dese momento, a tramitación viu marcada pola oposición dunha parte da veciñanza da parroquia de Sabugueira, que manifestou o seu desacordo coa proposta ao entender que dificultaba o desenvolvemento da vida diaria e o uso habitual das súas vivendas e leiras.
Segundo explicou Lestegás, o cambio de goberno municipal en xuño de 2023 deu pé a un proceso específico de escoita e diálogo coa veciñanza, por indicación expresa da alcaldesa. Desde xullo de 2023 até outubro de 2025 celebráronse diversas xuntanzas, especialmente na parroquia de Sabugueira e na contorna de Lavacolla, co propósito de revisar o documento á luz das preocupacións veciñais. O concelleiro resumiu ese enfoque nunha idea que, dixo, guiou todo o traballo: “o desafío é compatibilizar a protección patrimonial coas necesidades vitais da veciñanza para que siga sendo un espazo habitable e habitado”.
En paralelo, a tramitación contou cos informes de trece organismos sectoriais autonómicos e estatais, así como coa supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que emitiu dous informes en abril e xuño de 2025 esixindo axustes na catalogación de inmobles e na definición dalgunhas determinacións protectoras. O Consorcio respondeu tamén ás 52 alegacións presentadas na exposición pública tras a aprobación inicial e, o 23 de decembro de 2024, entregou un documento reformado.
Ese texto foi novamente reelaborado tras os últimos informes patrimoniais e entregado ao Concello o 17 de novembro de 2025 como base para a futura aprobación provisional. A prórroga concedida pola Xunta á vixencia do Informe Ambiental Estratéxico, ata o 13 de xuño de 2027, fixa o marco temporal para que o PE-3 poida quedar definitivamente aprobado antes desa data.
Entre as modificacións principais incorporadas ao plan, Lestegás destacou en primeiro lugar o axuste das aliñacións de viarios e edificacións á realidade física das parcelas catastrais e dos muros consolidados, un dos aspectos máis reclamados pola veciñanza. O obxectivo é que a liña que separa o espazo público do privado e a fronte de edificación se correspondan o máximo posible coa situación actual sobre o terreo, reducindo as interferencias coas construcións existentes.
Outro bloque de cambios afecta ao tratamento dos chamados “elementos disconformes”, é dicir, aqueles engadidos ou modificacións que o plan considera inadecuados para a edificación na que se localizaron (por exemplo, escaleiras exteriores engadidas, chemineas recentes ou balcóns que alteran a composición tradicional das fachadas). Co novo texto, estes elementos só terán que ser adaptados ás determinacións do plan cando se realicen actuacións xerais de gran entidade, cun custo superior ao 50 % do valor do inmoble, como poden ser determinadas obras de rehabilitación integral. Tamén será obrigatorio corrixilos cando se acometan actuacións puntuais que afecten directamente a ese elemento, sempre que non se trate de simples labores de conservación e mantemento.
No caso dos edificios catalogados, introdúcese unha maior precisión técnica. O plan prioriza o uso de estruturas de madeira, pero admite tamén outras solucións apoiadas ou biapoiadas, como estruturas metálicas, sempre que non impliquen, por exemplo, vigas de formigón empotradas en muros de pedra, algo frecuente en intervencións de mediados do século XX que agora se pretende evitar. Ademais, para edificacións de pouca altura, prevese a posibilidade de incrementar ata 50 centímetros a altura máxima, cando así se recolla na ficha de catalogación, co fin de mellorar as condicións de habitabilidade sen alterar de xeito substancial a volumetría tradicional.
As fichas de catalogación individualizan cada inmoble protexido e detallan que elementos gozan de protección específica: desde muros de cachotaría e peches tradicionais ata balcóns, chemineas, estruturas verticais ou horizontais, segundo o caso. Lestegás insistiu en que esta ferramenta é clave para entender que non todos os edificios están protexidos de igual maneira e que o grao de intervención admisible varía en función do que recolle cada ficha.
Un terceiro bloque de modificacións ten que ver coas alturas máximas permitidas, un dos puntos que xerou máis alegacións na fase anterior. Na ordenanza residencial tradicional (RT), a altura máxima de baixo máis unha planta pasa de 6 a 6,5 metros, mentres que as edificacións auxiliares poden acadar agora 3,5 metros fronte aos 3 establecidos inicialmente. Na ordenanza residencial extensiva (RE) prodúcese a mesma subida, de 6 a 6,5 metros para baixo máis unha planta e de 3 a 3,5 metros para as auxiliares.
Dentro da ordenanza RE, o plan diferencia tres variantes. Na RE1, a altura máxima elévase de 6 a 7 metros, mantendo o incremento das auxiliares ata 3,5 metros. Nas variantes RE2 e RE3, a altura pasa igualmente de 6 a 6,5 metros, con edificacións auxiliares que tamén se sitúan en 3,5 metros. Segundo explicou o concelleiro, trátase de axustes moderados que buscan facilitar obras de mellora e ampliación compatibles coa protección dos volumes tradicionais e coa escala dos núcleos.
No relativo ás edificacións novas non catalogadas nas ordenanzas RT e RE, o plan establece que as carpintarías exteriores deberán ser de madeira pintada ou de aluminio lacado, co fin de asegurar unha imaxe coherente co conxunto. Prefírese o uso de contras interiores, aínda que tamén se admiten persianas interiores da mesma cor que as fiestras.
O documento tamén concreta criterios para a instalación de enerxías renovables. As plataformas solares permítense, mais establécese unha orde de preferencia: primeiro, situadas exentas na parcela; se iso non é posible, na cuberta das edificacións auxiliares; e, en terceiro lugar, na cuberta da edificación principal, procurando que se coloquen no faldón menos visible desde o Camiño. Igualmente, prevese a posibilidade de instalar pequenas turbinas eólicas ou sistemas mixtos eólico-fotovoltaicos, sempre exentos na parcela e sen interferir cos elementos paisaxísticos ou patrimoniais protexidos.
En materia de usos, o plan apenas introduce unha determinación específica, centrada no solo rústico. Considéranse incompatibles nel o uso como estacionamento de vehículos e maquinaria, a instalación de elementos móbiles con finalidade residencial ou de aloxamento (como contedores ou caravanas permanentes) e as piscinas non vinculadas a un uso principal. Isto significa que non se poderá instalar unha piscina nunha parcela baleira, mais si poderá facerse cando exista xa unha vivenda, establecemento hotelero, aloxamento turístico ou equipamento, ao abeiro das condicións que marca o PXOM vixente.
O resto dos usos permitidos continúan rexéndose polo Plan Xeral de Ordenación Municipal, polo que o PE-3 se centra fundamentalmente na ordenación física, na protección do patrimonio construído e na definición de directrices paisaxísticas. En palabras de Lestegás, “é un plan que se centra no material, no tangible e que establece directrices para a conservación e para a mellora do patrimonio físico e da paisaxe que o rodea”.
Co novo período de información pública que agora se abre, calquera persoa interesada poderá consultar o documento actualizado e formular alegacións ou suxestións, especialmente sobre as modificacións introducidas. Unha vez rematado ese prazo de dous meses e incorporados, de ser o caso, novos cambios, a Xunta de Goberno Local estará en condicións de someter o PE-3 á súa aprobación provisional, paso necesario antes da súa elevación a aprobación definitiva dentro do calendario marcado pola vixencia do informe ambiental.

