InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello encarga a reconstrución da placa do mestre ‘Chané’ para devolvela...

O Concello encarga a reconstrución da placa do mestre ‘Chané’ para devolvela ao espazo público

A escultura, da que só se conservan dúas pezas orixinais, será completada por unha especialista en restauración antes da súa futura colocación na zona de Pitelos

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A reposición da placa homenaxe a José Castro González ‘Chané’, desaparecida hai case unha década do número 3 da rúa de Pitelos, volveu este xoves ao Pleno municipal a través dunha pregunta formulada pola concelleira non adscrita Mercedes Rosón Ferreiro. A edil lembrou que diversos colectivos culturais advertiran daquela da desaparición deste elemento, instalado en 1923 para sinalar a casa natal do músico e creado polo escultor compostelán Santiago Rodríguez Bonhomme.

Rosón explicou que, tras varias xestións impulsadas entre 2020 e 2021, a propiedade do inmoble —situado nun edificio en ruínas e nun ámbito urbanístico complexo— entregou ao Concello dúas das pezas orixinais da placa. Trátase de dous fragmentos de bronce de estilo modernista, que funcionaban como parte do marco e teñen valor artístico e identitario pola súa vinculación cun dos nomes máis destacados da música coral galega. As pezas foron restauradas e permanecen dende entón depositadas no Teatro Principal, á espera dunha decisión sobre o seu futuro.

A concelleira preguntou polo estado das xestións municipais para lograr a recuperación integral da peza, xa que da placa inicial só se puideron localizar dúas das catro partes de bronce e non se conservaron nin a inscrición de xeso nin as tres placas de mármore que completaban o conxunto.

En resposta, a portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, detallou que a restauración das pezas recuperadas se concluíra xa en xuño de 2021 e que estas continúan custodiadas polo departamento de Cultura. Louzao precisou que o Executivo mantivo o pasado 22 de outubro unha reunión coa directiva do Ateneo de Santiago, na que se abordou especificamente este asunto.

Segundo indicou, acordouse encargar a reconstrución do conxunto a unha escultora especializada na recuperación de moedas e medallas, considerada idónea para reproducir con rigor as partes desaparecidas. “Tan pronto como o traballo estea rematado, iniciarase o procedemento para proceder á súa colocación”, explicou.

O Ateneo transmitiu ademais a súa preferencia por situar a placa no cruce entre Pitelos e o Corgo, un punto onde, segundo sinalaron, a homenaxe ao compositor tería maior visibilidade pública. O Concello comprométese agora a avanzar nos trámites para que este símbolo de memoria cultural regrese ás rúas de Santiago.

O ESTADO DAS PEZAS RECUPERADAS E OS PASOS PREVIOS PARA REPOÑER A PLACA

O informe elaborado pola empresa encargada da restauración engade novos datos sobre a situación na que se atopa a placa, así como sobre o proceso necesario para a súa recuperación completa. Segundo o documento, a peza permaneceu instalada na casa natal do músico, na Ruela de Pitelos, dende 1923 ata 2017, ano no que foi retirada durante o tapiado do inmoble debido ao avanzado estado de ruína.

Nas últimas intervencións realizadas no interior da vivenda, puideron localizarse unicamente dúas pezas de bronce, recuperadas e depositadas no Concello o 23 de xuño de 2021. Con todo, o informe subliña que a seguridade estrutural do edificio impediu comprobar se no interior se conservan outros elementos, polo que será necesario reforzar a estabilidade do inmoble para permitir unha nova inspección e intentar recuperar o resto do conxunto.

A descrición técnica da placa confirma que o conxunto orixinal incluía pezas de mármore rosa portugués, lisas e pulidas, cun lintel superior decorado mediante liña incisa, e catro elementos de bronce con motivos figurativos e vexetais. No lateral esquerdo representábase unha figura feminina sobre o escudo de Galicia, mentres que no lado dereito dúas figuras de perfil dirixían a súa mirada cara á escena principal. Completaban a obra dúas faixas estreitas de bronce que enmarcaban a parte superior e inferior, decoradas con elementos vexetais; e no centro, unha placa de xeso coa inscrición conmemorativa. As dúas pezas que hoxe conserva o Concello presentan relevo, decoración incisa e unha pátina verde escura, ademais da firma do autor, ‘Bonhome’, e a data 1923.

Sinatura do artista ‘Bonhome’ – Cedida
Peza de bronce da placa do mestre ‘Chané’ – Cedida
Peza de bronce da placa do mestre ‘Chané’ – Cedida

O informe identifica tamén as alteracións observadas tras anos de exposición á intemperie e o posterior abandono. A pesar de que as dúas pezas están íntegras e non presentan fracturas, rexístranse depósitos superficiais, manchas e concrecións, así como raiaduras nas zonas de maior prominencia que deixan á vista o metal base. Tamén se detectan marcas de óxido xeradas polos antigos pernos de ferro que unían o mármore ao bronce, e restos da antiga placa de xeso no reverso dunha das pezas.

A proposta de intervención inclúe un proceso de restauración en varias fases: documentación detallada do estado actual, limpeza manual para retirar sucidade e depósitos, e unha reintegración cromática nas áreas onde se perdeu a pátina, aplicando previamente unha capa de imprimación protectora. Finalmente, o equipo restaurador emitirá un informe completo con rexistro gráfico do proceso. O obxectivo final é recompoñer a placa con todos os seus elementos e reinstalala nun punto próximo ao seu emprazamento orixinal, unha vez garantidas as condicións de seguridade e completada a reconstrución das partes desaparecidas.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

O Museo do Pobo Galego abre as caixas que devolven a Santiago as estatuas de Ezequiel e Xeremías

As estatuas de Ezquiel e Xeremías, dúas das figuras do Pórtico da Gloria atribuídas...

O Concello impulsa a restauración do Xardín Botánico e activa o ‘Laboratorio Vivo’ para recuperar o Sarela

A transformación do Xardín Botánico, situado entre o Campus Sur e o río Sarela,...

As estatuas de Abraham e Isaac xa están de volta en Compostela

As estatuas dos profetas Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e pertencentes ao Pórtico...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here