InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA Semana do Patrimonio Invisible regresa do 1 ao 5 de decembro...

A Semana do Patrimonio Invisible regresa do 1 ao 5 de decembro con doce visitas exclusivas

O programa municipal ofrecerá máis de 700 prazas para descubrir espazos habitualmente pechados, con sete locais que se abren por primeira vez ao público e un itinerario especial sobre o recoñecemento da Unesco de 1985

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, presentou esta mañá a sétima edición da Semana do Patrimonio Invisible, unha das iniciativas culturais máis demandadas do calendario compostelán. O programa desenvolverase do 1 ao 5 de decembro, unha datas escollidas para coincidir coa conmemoración do 40º aniversario da declaración de Compostela como Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco, acontecida o 4 de decembro de 1985.

Louzao explicou que a edición deste ano busca abrir ao público “espazos que conforman o legado patrimonial da cidade e que normalmente non son accesibles”, polo que se elaborou un percorrido de doce propostas que permitirán descubrir ámbitos clave da historia local. As actividades enmárcanse no programa municipal Patrimonio C, e contan con financiamento da Deputación da Coruña e coa coordinación da empresa Trivium.

SETE ESPAZOS INÉDITOS E MÁIS DE 700 PRAZAS

Segundo detallou a concelleira, esta edición habilitará máis de 700 prazas, un incremento respecto a anos anteriores, aínda que lembrou que “as prazas esgotan cada ano en menos de 24 horas”. Co obxectivo de chegar ao maior número de persoas, cada solicitude permitirá reservar unha única visita para dúas persoas.

Entre as novidades, abriranse por primeira vez ao público sete espazos considerados de alto valor histórico e documental: o Pazo Arcebispal, as escavacións da Catedral de Santiago, o Auditorio de Galicia, o Convento da Compañía de María, a Casa da Parra, actualmente en proceso de rehabilitación, e a Colexiata de Sar, integrada na área recoñecida pola Unesco. Ademais haberá o venres ás 20:00 como peche unha visita secreta.

Ás novas localizacións súmanse visitas moi demandadas en edicións anteriores, como os mananciais históricos de Compostela, o Centro Sociocultural da Trisca, o Cemiterio e Capela do Rosario ou o Teatro Principal.

ITINERARIO ESPECIAL DEDICADO AO PATRIMONIO MUNDIAL

A conmemoración dos 40 anos da distinción da Unesco inspirou a creación dun percorrido temático titulado ‘Santiago Patrimonio Mundial’, que afondará no significado deste recoñecemento internacional e no patrimonio incluído na candidatura orixinal, que abrangue non só a zona histórica —a chamada améndoa—, senón tamén áreas como Conxo ou a propia Colexiata de Sar.

O formulario de inscrición estará dispoñible a partir das 12:00 deste xoves, 27 de novembro, na web patrimonioinvisible.gal, ademais de contar cun acceso directo desde Compostela Cultura.

O deputado provincial de Patrimonio, Xosé L. Pena, subliñou que iniciativas como esta “visibilizan espazos habitualmente vedados e contribúen a mantelos vivos”. Reivindicou tamén a necesidade de reforzar a cooperación institucional para a recuperación e conservación de bens patrimoniais, lembrando que “moitos concellos pequenos carecen de medios técnicos e económicos para atender o seu patrimonio”.

Pena destacou que Compostela é un dos municipios onde a colaboración entre Deputación e Concello é máis intensa, e convidou á participación tanto da veciñanza da cidade como da comarca.

Pola súa parte, o xestor cultural Manuel Rial, de Trivium, incidiu en que boa parte dos espazos escollidos forman parte da área recoñecida como Patrimonio Mundial e ofrecen oportunidades excepcionais, imposibles de visitar no resto do ano.

Rial lembrou casos singulares como os mananciais medievais, que abastecen desde hai séculos as fontes compostelás; a Casa da Parra, onde se atoparon enterramentos durante a súa rehabilitación, ou o acceso aos interiores do Pazo Arcebispal actual, que inclúe o Salón do Trono e as escaleiras históricas.

Tamén explicou que visitas a espazos coñecidos, como o Teatro Principal ou o Auditorio de Galicia, permitirán un achegamento distinto, con percorridos polo faiado, polo escenario ou por zonas de uso interno que non están abertas ao público xeral.

A organización insistiu en que a puntualidade será clave: as inscricións abriranse mañá ás 12:00, e prevese unha alta demanda. Louzao concluíu convidando á cidadanía a “volver mirar Compostela con novos ollos e reforzar o vínculo emocional coa cidade”, nun ano especialmente simbólico para o seu patrimonio.

ÚLTIMAS

A Xunta prevé abrir en agosto a senda peonil e ciclista entre a Intermodal e O Milladoiro

A Xunta de Galicia prevé poñer en servizo este verán, no mes de agosto,...

Sanmartín critica que a Xunta converta a reunión sobre o aparcadoiro do CHUS nun “acto público”

A Comisión de Seguimento para a construción do novo aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario...

Un acusado dunha agresión en Santiago sostén que a pelexa comezou por un roubo de droga

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña celebrou este venres o xuízo contra...

Verea acusa a Sanmartín de estar “superada” tras o debate pola seguridade no pleno deste xoves

O portavoz do Partido Popular en Compostela, Borja Verea, asegurou este venres que o...

O Concello reforza a limpeza e a recollida de residuos polo Son do Camiño

O Concello de Santiago puxo en marcha un reforzo do servizo de recollida de...

O equipo xurídico municipal relata como Santiago recuperou as estatuas de Ezequiel e Xeremías do Mestre Mateo

O proceso que permitiu ao Concello de Santiago recuperar as estatuas de Ezequiel e...

O Concello leva o patrimonio das parroquias de Santiago á hostalaría e aos centros educativos

O Concello de Santiago puxo en marcha o proxecto 'Compostela Iconográfica. Patrimonio Vivo nas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here