InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello presenta o Plan Director da Alameda para compatibilizar festas e...

O Concello presenta o Plan Director da Alameda para compatibilizar festas e conservación ambiental

O documento define unha estratexia a longo prazo para o BIC Parque de Alameda–Santa Susana, reforza o control dos usos extraordinarios e crea un observatorio de seguimento

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, presentou o Plan Director do Parque de Alameda de Santa Susana, un documento estratéxico de máis de 500 páxinas que fixa a folla de ruta para a conservación deste ámbito declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e a compatibilización dos seus usos sociais co coidado dos valores naturais e patrimoniais. O texto define o estado actual do parque, recompila a información dispoñible e formula as accións necesarias para garantir a súa preservación ao tempo que se mantén como un dos principais espazos de encontro de Santiago de Compostela.

Segundo explicou o concelleiro, o plan persegue “asegurar un equilibrio entre os diferentes usos que se fan do parque” e “dar todo o valor que merece como peza relevante do patrimonio mundial”, reforzando o seu carácter de espazo de socialización ao aire libre e de lugar de expresión cultural e social nun contexto marcado pola crise ecolóxica.

CATRO ÁMBITOS DIFERENCIADOS NUN MESMO BIC

O documento abrangue o conxunto do Parque de Alameda–Santa Susana, estruturado en catro pezas principais: a Alameda do Campo da Estrela, a Carballeira de Santa Susana, o Paseo da Ferradura e a explanada de San Clemente, todas elas incluídas na delimitación do BIC. Cada ámbito conta cunha visión propia e con criterios específicos de uso.

Na Carballeira de Santa Susana, identificada como o espazo de maior valor ambiental, o Plan Director propón priorizar a protección da masa arbórea e do solo, permitindo actividades socioculturais tradicionais —como romarías, foliadas ou feiras ligadas á igrexa e aos seus espazos lindeiros— sempre que resulten compatibles cos valores naturais e culturais da zona.

Na Alameda do Campo da Estrela prevese manter os usos habituais de paseo e encontro, admitindo ao tempo eventos puntuais de carácter socioeconómico, cultural ou deportivo. Este espazo poderá seguir acollendo feiras e celebracións populares como a Ascensión ou o Apóstolo, sempre que se garantan condicións que non desvirtúen o seu uso principal como parque urbano.

O Paseo da Ferradura, pola súa configuración e polo seu carácter máis pavimentado, concíbese como ámbito preferente para actividades artísticas, culturais e científicas ao aire libre. O documento recolle que determinadas zonas deste paseo poderían acoller unha parte das feiras da Ascensión e do Apóstolo, co obxectivo de aliviar a presión sobre a Carballeira de Santa Susana, mantendo en todo caso a súa función como lugar de paseo e miradoiro sobre a cidade histórica.

No caso da explanada de San Clemente, espazo de transición entre a Alameda e o núcleo histórico, o plan avoga por recuperar a memoria da antiga feira de gando do século XIX e mellorar a relación física entre o parque e a cidade. Proponse que o tramo viario entre Porta Faxeira e a Alameda, incluído tamén no ámbito do concurso do Conector Central, reciba un tratamento de pavimento e de regulación do tráfico que dea prioridade ao tránsito peonil, coa posibilidade de interromper a circulación de vehículos para a celebración de eventos.

PROCESO PARTICIPATIVO E INFORMES TÉCNICOS PREVIOS

O Plan Director foi redactado baixo a coordinación da arquitecta do Consorcio de Santiago Idoia Camiruaga e contou coa participación de persoas expertas de distintas disciplinas, entre elas o arquitecto Albert Cuchí, o xeógrafo e economista Juan Requejo, a especialista en xardinería e paisaxe Carmela Moral e o antropólogo Ramón Rodríguez Franco.

O traballo incorporou un amplo proceso de participación cidadá, que incluíu 264 enquisas realizadas na Alameda, 16 entrevistas en profundidade, un grupo focal con asociacións e centros educativos, un obradoiro sobre cidade e outro obradoiro final de contraste. Lestegás lembrou tamén outros estudos previos, como os do Grupo Galabra, que sinalan a Alameda como un dos espazos máis apreciados pola veciñanza compostelá.

No plano técnico, o documento compila unha diagnose extensa sobre o estado do parque: informes xeolóxicos, análises da vexetación e da xardinería, estudos sociais e ambientais, traballos sobre a dinámica da colonización biolóxica e informes específicos sobre os elementos patrimoniais pétreos —como a presenza de líquenes—, ademais dun catálogo dos bens de valor artístico e cultural. Segundo resumiu Camiruaga, a situación actual “non é tan mala, quero dicir que non vai morrer mañá, pero temos que coidalo”, lembrando que a Alameda forma parte inseparable da condición de patrimonio mundial da cidade.

O Plan Director conta xa co ditame favorable da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico do Concello de Santiago e co informe positivo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Está á espera do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, paso previo para que o texto poida ser elevado a aprobación pola Xunta de Goberno local, tal e como se fixo con outros plans directores de bens patrimoniais como o de San Martiño Pinario.

REORDENAR FESTAS E FEIRAS PARA ALIVIAR A CARBALLEIRA

Un dos eixes centrais do documento é a reorganización das actividades extraordinarias que se desenvolven no parque, en especial aquelas que se concentran na Carballeira de Santa Susana. Lestegás subliñou que “as carballeiras sempre foron espazo de socialización, de celebración de festas e romarías” e insistiu en que o obxectivo é que sigan sendo lugares de encontro, pero cunha xestión máis coidadosa:

“O que se busca é que siga sendo un espazo de encontro, mantendo o seu valor social para esta cidade, pero protexendo os valores patrimoniais e naturais, reducindo a presión na medida do posible e garantindo que as actividades extraordinarias non causen afeccións significativas.”, indiou o responsable de Urbanismo.

A arquitecta ‘Idoia Camiruaga’ advertiu de que a repetición de determinados eventos de grande formato na Carballeira provoca danos na masa arbórea e no solo, cunha compactación que reduce a vida do chan e empeora a calidade ambiental do contorno:

“A Carballeira ten un alto valor ecolóxico como conector territorial con outras zonas verdes da cidade e hai actividades que fan un dano que non ten volta atrás”, explicou.

O Plan aposta por redistribuír parte das feiras e grandes eventos cara a espazos máis antropizados —como a Alameda, o Paseo da Ferradura ou as Planadas de San Clemente— e por aproveitar mellor áreas hoxe infrautilizadas, especialmente na parte alta situada tras a Ferradura, onde existen xardíns de alta calidade ambiental e paisaxística que apenas son frecuentados.

DIRECTRICES PARA OS USOS EXTRAORDINARIOS E CATÁLOGO DE ELEMENTOS PROTEXIDOS

A proposta inclúe un borrador de ordenanzas de uso que, aínda sen carácter normativo, marca as liñas mestras dunha futura regulación dos usos ordinarios e extraordinarios do parque. Todas as actividades extraordinarias deberán contar con autorización previa dos servizos técnicos municipais, que poderán esixir un proxecto detallado con información sobre o tipo de actividade, a previsión de asistencia, a superficie ocupada, as infraestruturas e montaxes necesarias, o uso de vehículos, a análise das posibles afeccións á vexetación, ao solo, á contorna e as medidas de protección previstas.

O Plan establece tamén a obriga de medidas correctoras para minimizar impactos, así como a posta en marcha dun protocolo específico de recollida de residuos e limpeza que deberá ser asumido polos promotores das actividades. Ademais, recolle accións de rexeneración do patrimonio natural, centradas na mellora da Carballeira e no uso sustentable da auga na xardinería, e intervencións sobre o patrimonio cultural vinculadas ao Paseo da Alameda, á igrexa de Santa Susana e ao Paseo da Ferradura.

Outro bloque importante é o catálogo de elementos singulares do parque, que complementa a protección como conxunto xa recollida no Plan Especial. Proponse a catalogación individual de fontes, bancos, esculturas, estanques, escalinatas, cruceiros, surtidores, pombais e edificios específicos, así como das esculturas existentes no ámbito, co obxectivo de dotar de ferramentas máis precisas á xestión e á conservación deste patrimonio.

UN OBSERVATORIO DA ALAMEDA COMO MODELO EXPORTABLE A OUTROS PARQUES

O Plan Director prevé a creación dun observatorio da Alameda, concibido como órgano de apoio integral para a xestión participativa do parque con criterios ecolóxicos, patrimoniais, paisaxísticos e de uso. A súa meta a longo prazo é consolidar un modelo de xestión sostible que poida ser replicado noutros parques e espazos públicos da cidade.

O observatorio contará cun pleno, que se reunirá polo menos unha vez ao ano e estará integrado por representantes do Concello e do Consorcio de Santiago, asociacións veciñais, entidades relacionadas coa saúde e o medio ambiente, organizacións dedicadas á conservación do patrimonio e colexios profesionais. Entre as súas funcións estarán discutir e aprobar propostas de xestión, avaliar o progreso das iniciativas, achegar feedback continuo e facilitar a coordinación entre os diferentes axentes implicados.

A maiores, o observatorio disporá dunha dirección operativa, formada por un ou unha curadora do parque, unha secretaría e persoal técnico de dinamización e de participación, encargados de garantir que as actuacións se desenvolven de forma coherente cos obxectivos marcados polo Plan Director.

Lestegás lembrou que se trata dun documento estratéxico, non dunha ordenanza nin dun plan especial urbanístico, pero si dunha ferramenta obrigatoria para bens de interese cultural deste nivel, “que establece unha visión a longo prazo sobre que queremos facer con este espazo” e marca as prioridades de actuación municipal nun dos lugares máis simbólicos e utilizados da cidade.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

O Museo do Pobo Galego abre as caixas que devolven a Santiago as estatuas de Ezequiel e Xeremías

As estatuas de Ezquiel e Xeremías, dúas das figuras do Pórtico da Gloria atribuídas...

O Concello impulsa a restauración do Xardín Botánico e activa o ‘Laboratorio Vivo’ para recuperar o Sarela

A transformación do Xardín Botánico, situado entre o Campus Sur e o río Sarela,...

As estatuas de Abraham e Isaac xa están de volta en Compostela

As estatuas dos profetas Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e pertencentes ao Pórtico...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here