InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSituar o peón no centro e mellorar a calidade de vida: Santiago...

Situar o peón no centro e mellorar a calidade de vida: Santiago inaugura un congreso que impulsa a infraestrutura verde e a adaptación climática

A xornada abriu un debate técnico e institucional arredor do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, co Concello, a USC, a Xunta e o MITECO como aliados para conectar espazos naturais e barrios mediante solucións baseadas na natureza

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu por inaugurado o congreso sobre infraestrutura verde celebrado na cidade, un foro no que administracións, universidade e especialistas coincidiron en que a natureza debe integrarse no deseño urbano cotián e non quedar relegada a “guetos” ou espazos pechados. “Cómpre planificar as cidades desde unha mirada na que a sombra, a auga que se infiltra, a biodiversidade e os solos vivos formen parte do día a día”, sinalou a rexedora, defendendo que esta mudanza de paradigma é “central e transformadora”.

O encontro enmárcase no desenvolvemento da estratexia local ligada ao proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, co apoio da Fundación Biodiversidade e financiamento da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A sesión de apertura contou coa participación da Directora Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do MITECO, María Jesús Rodríguez; do director do Instituto de Estudos do Territorio; do concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais e Servizos Básicos; e do director do IBADER (USC), entidade que asume a dirección científica.

Desde o Concello, recalcouse que Santiago parte dunha relación histórica co medio natural, pero que existen ámbitos —como o ensanche— onde é preciso avanzar na renaturalización e humanización do espazo público. A rexedora citou como exemplo de actuación o ‘barrio verde da Ponte Pedriña’, un dos cinco ámbitos piloto que transformará un espazo dominado polo tráfico e os materiais duros nun corredor ecolóxico “no que a auga poida volver circular”.

Pola súa parte, a representante do MITECO subliñou que as infraestruturas verdes son “unha necesidade estratéxica” ante a “tripla crise planetaria” (clima, perda de biodiversidade e contaminación). “Cada euro investido en restauración de ecosistemas ou en prevención de riscos climáticos multiplícase en beneficios ambientais, económicos e sociais”, afirmou, lembrando que Galicia foi a primeira comunidade en aprobar a súa estratexia autonómica de infraestrutura verde en 2021 e que o novo Regulamento europeo de Restauración da Natureza obriga a elaborar un plan nacional de restauración coas comunidades e entidades locais.

O director do Instituto de Estudos do Territorio puxo o foco na dimensión multiescalar e cooperativa destas políticas: local, autonómica e estatal, con especial relevancia das entidades municipais dado que a maior parte da poboación vive en áreas urbanas e periurbanas. “A colaboración entre administracións é imprescindible para que a implantación da infraestrutura verde sexa real e efectiva”, recalcou.

Desde a USC, o reitor Antonio López reivindicou a transferencia de coñecemento ao sector público e a incorporación destes contidos nos procesos formativos universitarios. “O que se nos demanda ás universidades é un coñecemento útil para mellorar a vida cidadá: saúde, organización do territorio e tamén calidade urbana”, indicou, lembrando que o campus compostelán forma parte do perímetro do anel verde Sar–Sarela, polo que a institución “ten un papel e unha responsabilidade directa” no seu deseño e implementación.

O congreso inclúe relatorios con experiencias de referencia en áreas urbanas e periurbanas, así como accións de divulgación con distintos axentes. Segundo avanzou a organización, todo o material e conclusións recolleranse nunha monografía de acceso público que se remitirá ás persoas asistentes.

A alcaldesa pechou a inauguración apelando á coherencia entre ciencia, políticas públicas e demanda social: “A urxencia climática é unha realidade e a cidade que buscamos non se constrúe só con formigón nin con plans, senón con comunidade, vínculos e natureza”. O obxectivo municipal —insistiu— é que o verde “deixe de ser unha paréntese dominical para pasar a ser a frase principal” de Santiago, con árbores, sombra e solo permeable en cada rúa, corredores ecolóxicos que unan ríos, montes e barrios, e solucións baseadas na natureza que aumenten a resiliencia climática e a calidade de vida da veciñanza.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

A Semana do Patrimonio Invisible abrirá o Convento do Carme e As Orfas entre máis de 700 prazas en Compostela

Santiago de Compostela volverá abrir durante unha semana algunhas das portas que habitualmente permanecen...

O Concello limpa a Rocha Forte e prepara un contrato plurianual para o mantemento do xacemento

O Concello de Santiago completou este verán unha nova actuación de roza, limpeza e...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here