O Concello de Santiago reforzou esta semana a información sobre o concurso de ideas para transformar o Conector Central, unha iniciativa xa convocada a semana pasada e que abrangue un ámbito superior aos 45.000 m². O obxectivo é repensar o espazo urbano que enlaza San Clemente e Santa Clara a través da cidade histórica, incluíndo puntos clave como o Campo da Estrela, a praza de Galicia ou a porta do Camiño.
Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, a zona afectada funciona “como unha cremalleira no tecido urbano compostelán”, polo que se busca redistribuír o espazo con criterios de equidade e eficiencia, colocando o peón no centro das decisións.
O lema do proxecto é “acceder si, atravesar non”, o que supón reducir o tráfico de paso e eliminar circulación superflua, mantendo excepcións para o transporte público, servizos de emerxencia ou casos xustificados.
Ver esta publicación en Instagram
Ademais de mellorar a mobilidade, o concurso tamén se formula como unha oportunidade para incrementar a calidade do espazo público, reforzar a infraestrutura verde e avanzar en sostibilidade ambiental, nun contexto marcado polo cambio climático. Entre as medidas previstas inclúese a mellora da xestión do ciclo da auga e a aposta por materiais urbanos que garantan durabilidade, trazabilidade e funcionalidade.
O proxecto é coherente con tres documentos estratéxicos elaborados en Santiago mediante procesos participativos: a Axenda Urbana 2030, o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible e o Plan de Accesibilidade Universal. Con este marco, o goberno local busca elevar a calidade de vida da veciñanza compostelá e potenciar a conexión entre espazos verdes e equipamentos da cidade.

