InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Arcebispo inaugura en Santiago a escultura 'Homeless Jesus', símbolo da compaixón...

O Arcebispo inaugura en Santiago a escultura ‘Homeless Jesus’, símbolo da compaixón cos excluídos

A obra de Timothy Schmalz, instalada no xardín da Oficina do Peregrino, representa a Cristo como unha persoa sen fogar e chama á reflexión social

Publicado o

Xornal de Compostela

O xardín da Oficina de Acollida do Peregrino, en Santiago de Compostela, conta desde hoxe cunha nova escultura que interpela directamente á conciencia social de quen a contempla. Trátase de ‘Homeless Jesus’ (‘Xesús sen fogar’), unha peza do artista canadense Timothy Schmalz, que foi inaugurada esta mañá polo arcebispo compostelán Francisco Prieto.

A escultura amosa unha figura humana deitada nun banco público, envolta nunha manta e co rostro cuberto. Só as feridas nos pés revelan que se trata dunha representación de Cristo. A peza convida, ademais, á participación directa, pois deixa un espazo baleiro no banco para quen queira sentarse ao seu carón. Segundo se destacou no acto inaugural, a intención da obra é visualizar a presenza de Cristo entre as persoas excluídas e lembrar o capítulo 25 do Evanxeo de San Mateo, onde se recoñece a Xesús nas figuras máis vulnerables: os famentos, os enfermos, os presos ou quen non teñen fogar.

A instalación desta escultura foi posible grazas á doazón de Diane e Tim Needles, unha parella procedente de Cleveland (Ohio, EUA) coñecida polo seu compromiso coa atención ás persoas desfavorecidas. A obra, feita en bronce e de máis de dous metros de longo, forma parte dunha serie de esculturas idénticas situadas en distintos lugares do mundo, incluídas a Cidade do Vaticano, Nova York, Madrid ou Barcelona.

O escultor Timothy Schmalz, que leva máis de dúas décadas creando obras de gran formato, é recoñecido polo seu traballo figurativo con forte carga espiritual. O seu obxectivo é que as esculturas non só conmovan a quen as observa, senón que tamén os impulsen a reflexionar e a sentirse parte da obra. ‘Homeless Jesus’ foi concibida en 2013 como unha denuncia simbólica da situación das persoas sen fogar e xa se converteu nun ícono global de compaixón e xustiza social.

Con esta nova instalación, Santiago de Compostela súmase á rede internacional de cidades que acollen esta obra, reforzando así a súa dimensión espiritual, hospitalaria e de acollida tamén para quen sofren ás marxes dos camiños e da sociedade.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

O Museo do Pobo Galego abre as caixas que devolven a Santiago as estatuas de Ezequiel e Xeremías

As estatuas de Ezquiel e Xeremías, dúas das figuras do Pórtico da Gloria atribuídas...

O Concello impulsa a restauración do Xardín Botánico e activa o ‘Laboratorio Vivo’ para recuperar o Sarela

A transformación do Xardín Botánico, situado entre o Campus Sur e o río Sarela,...

As estatuas de Abraham e Isaac xa están de volta en Compostela

As estatuas dos profetas Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e pertencentes ao Pórtico...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here