InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA USC analiza a propagación de carrachas no Camiño de Santiago nun...

A USC analiza a propagación de carrachas no Camiño de Santiago nun curso de verán

A investigadora Susana Remesar exporá os riscos sanitarios entre O Cebreiro e Santiago nas XVI Leccións Xacobeas Internacionais

Publicado o

Xornal de Compostela

O aumento das picaduras de carracha en distintos tramos do Camiño de Santiago preocupa a peregrinos e profesionais que traballan neste itinerario. A Universidade de Santiago de Compostela abordará esta cuestión na XVI edición das Leccións Xacobeas Internacionais, que se celebrará do 14 ao 17 de xullo na capital galega, dentro do programa de cursos de verán da USC.

Susana Remesar Alonso, investigadora en Sanidade Animal do grupo INVESAGA, pertencente ao Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, presentará un estudo titulado ‘Carrachas no Camiño de Santiago (O Cebreiro – Santiago)’, onde identificará as zonas de maior risco, as especies máis frecuentes e os perigos asociados á súa picadura. Tamén ofrecerá consellos prácticos para previr, detectar e actuar ante unha picadura, nun contexto de especial vulnerabilidade para os peregrinos.

A súa intervención terá lugar na mañá do martes 15 de xullo, nunha sesión centrada en proxectos de investigación financiados pola Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, entidade organizadora das xornadas xunto á USC. O curso recoñecerá 2 créditos ECTS para o alumnado de grao e 10 horas de formación para estudantes de doutoramento da universidade compostelá.

A matrícula continúa aberta ata o 4 de xullo e pode formalizarse a través da web da USC ou presencialmente nos departamentos de Cultura dos campus de Compostela e Lugo. O prezo xeral é de 120 euros, con tarifa reducida de 70 euros para estudantes, persoas desempregadas, pensionistas ou membros da comunidade universitaria.

Ademais de Remesar, o encontro contará coa participación de expertos de renome, como Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e catedrático da Universidade de Barcelona, quen abrirá as sesións cunha conferencia sobre os centros de peregrinación no Mediterráneo medieval. Tamén estará presente Maryjane Dunn, profesora en Minnesota e tradutora ao inglés do Códice Calixtino, que abordará os contidos da que se considera a primeira guía de viaxes do Camiño.

A perspectiva de xénero tamén estará presente da man da medievalista María Álvarez Fernández, da Universidade de Oviedo, que falará do papel das mulleres na peregrinación medieval, e da investigadora María Belén Pucci González, que analizará a representación feminina nas películas sobre o Camiño.

A programación completarase con mesas de debate, proxeccións audiovisuais, visitas guiadas ao patrimonio compostelán e unha andaina pola ruta do Camiño Primitivo ata A Fonsagrada, que inclúe unha parada na cascada da Seimeira de Vilagocende. Entre os guías estará o divulgador Manuel F. Rodríguez, da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago.

As Leccións Xacobeas Internacionais están dirixidas polos profesores da USC Domingo González Lopo e Miguel Taín Guzmán, especialistas en historia relixiosa e historia da arte, e consolidáronse como un foro de referencia para a reflexión e divulgación arredor do fenómeno xacobeo e o seu impacto cultural e patrimonial.

ÚLTIMAS

A USC xa ten nova reitora: Rosa Crujeiras acada a vitoria co 61,65% dos votos

A Universidade de Santiago de Compostela xa ten nova reitora. A catedrática de Estatística...

Os médicos de varios servizos do Hospital Clínico de Santiago deixarán de facer peonadas mentres continúe a folga sanitaria

A maior parte dos facultativos dos servizos de Xinecoloxía e Obstetricia, Cirurxía Vascular e...

O PP cualifica de “brindis ao sol” a declaración de mercado residencial tensionado impulsada polo goberno de Santiago

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, José Antonio Constenla, criticou a política urbanística...

O PSdeG reclama mobilizar vivenda baleira e ampliar o parque público ante a solicitude de declarar Santiago mercado residencial tensionado

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou reforzar as políticas públicas de vivenda e...

O PSOE denuncia o “deixamento” do Goberno local co patrimonio escultórico de Santiago e pide actuar no conxunto de Leopoldo Nóvoa en Bonaval

A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago Marta Abal denunciou o que cualificou...

A migración forzada por factores ambientais, a debate en Santiago o martes 17 de marzo

O vindeiro martes 17 de febreiro celebrarase no Centro de Estudos Avanzados de Santiago...

Santiago anuncia a reapertura do parque de Bonaval tras o derrube

O Goberno local de Santiago anunciou a reapertura do parque de Bonaval, tras tres...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here