O Ateneo de Santiago despedirá o curso 2024-2025 cunha conferencia sobre os desafíos ambientais actuais, a cargo de Juan José Casares Long, exreitor da Universidade de Santiago de Compostela. O acto, enmarcado no ciclo dos Luns do Ateneo, terá lugar o luns 16 de xuño ás 19:30 na sede de Afundación, no número 19 da rúa do Vilar.
Baixo o título ‘Creando novos futuros: a gran transición’, Casares proporá unha reflexión sobre a insostibilidade do modelo de vida contemporáneo. Segundo avanzou o propio conferenciante, o ser humano está a sobrepasar os límites planetarios que garanten a estabilidade ecolóxica, entre eles os niveis de emisións ou a perda de biodiversidade. A súa análise incluirá datos e exemplos como o aumento do nivel do mar ou a proliferación de eventos climáticos extremos que afectan xa a diferentes rexións do planeta.
A partir dese diagnóstico, Casares abordará as alternativas que está a propor a comunidade científica internacional para reducir o impacto ambiental da actividade humana. Medidas como a transición enerxética, os cambios nos sistemas produtivos ou a reformulación do concepto de benestar serán obxecto de análise durante a charla.
Juan Casares, que foi reitor da USC entre 2010 e 2014, é catedrático de universidade, membro do Club de Roma e un dos principais impulsores da observación meteorolóxica e ambiental en Galicia. A súa traxectoria abrangue tamén o ámbito industrial e a administración pública, e caracterízase pola integración entre coñecemento técnico e pensamento estratéxico en relación co futuro do planeta.