InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA Sala Eisenman da Cidade da Cultura acolle a presentación da nova...

A Sala Eisenman da Cidade da Cultura acolle a presentación da nova edición de ‘Toponimízate’

A campaña percorrerá entre xuño e novembro trece concellos galegos para promover a recolla de microtopónimos e o uso da aplicación colaborativa 'Galicia Nomeada'

Publicado o

Xornal de Compostela

A Cidade da Cultura de Santiago foi este venres o escenario escollido para presentar a oitava edición da campaña ‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’, unha iniciativa conxunta da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua coa que se busca fomentar o coñecemento e a conservación da microtoponimia tradicional galega. A través dun percorrido por trece concellos das catro provincias, entre xuño e novembro, as charlas tratarán de implicar a veciñanza na recolla de nomes de lugares mediante a aplicación colaborativa ‘Galicia Nomeada’.

Durante a rolda de prensa celebrada en Santiago, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, destacou o carácter colectivo do proxecto, subliñando que “os nomes son parte da relación, mesmo emocional, que temos como país coa terra”. A iniciativa, dixo, contribúe a reconstruír a historia ecolóxica e territorial de Galicia mediante o coñecemento que as persoas maiores conservan sobre o territorio. Tamén salientou a importancia de preservar a talasonimia, os nomes do mar, pola súa función histórica e valor cultural.

Na presentación tamén interviñeron Valentín García, secretario xeral da Lingua; María Coutinho, subdirectora de Planificación e Dinamización Lingüística; e Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e responsable de impartir as charlas. García puxo en valor a utilidade dos topónimos para a orientación mariñeira e o seu papel como patrimonio inmaterial, mentres que Coutinho resaltou o interese institucional pola toponimia como ferramenta de dinamización lingüística.

As sesións estruturaranse en tres partes: unha introdución ao patrimonio toponímico galego, un bloque práctico sobre o uso da aplicación ‘Galicia Nomeada’ e unha análise dos nomes das parroquias e aldeas de cada municipio. Esta última parte conta co apoio do Seminario de Onomástica da RAG e a colaboración do profesor Gonzalo Navaza, que contribuíu á elaboración de máis de 12.000 etimoloxías.

O calendario comezará o 20 de xuño en Sandiás e continuará en Baños de Molgas e Frades antes do descanso estival. En setembro e outubro, as charlas desprazaranse a Laxe, Chantada, Melón, A Estrada, Cervantes, Mondariz, Dozón, Val do Dubra e Baralla, con eventos programados en centros culturais, auditorios, casas do concello ou mesmo centros de ensino. Os criterios para escoller os municipios inclúen o interese manifestado polas entidades locais e a necesidade de preservar a memoria oral en territorios afectados polo despoboamento.

Desde o seu inicio, ‘Toponimízate’ percorreu 94 concellos e contou coa participación de máis de 6.000 persoas. A través da aplicación ‘Galicia Nomeada’, unhas 4.000 persoas e entidades colaboradoras conseguiron recuperar xa arredor de 90.000 microtopónimos, nun labor que busca evitar a perda deste saber oral ligado ao territorio. A campaña forma parte da Rede de Dinamización Lingüística e completará, ao remate deste ano, visitas a un total de 108 concellos galegos.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

‘Compostella Expeditio’ recrea o Santiago medieval nunha experiencia de realidade virtual

A sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle desde este martes 'Compostella Expeditio',...

Controlado o incendio de Brión tras queimar 4 hectáreas

O incendio forestal declarado na tarde do pasado martes no municipio coruñés de Brión...

Santiago converterá as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo nunha galería de arte urbana

As galerías que comunican Rosalía de Castro coa Rúa Nova de Abaixo deixarán de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here