InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA Cidade da Cultura promove visitas guiadas para descubrir espazos habitualmente ocultos

A Cidade da Cultura promove visitas guiadas para descubrir espazos habitualmente ocultos

O ciclo 'Outra mirada' ofrecerá itinerarios temáticos gratuítos por zonas interiores e exteriores do complexo do Gaiás

Publicado o

Xornal de Compostela

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia vén de anunciar un novo programa de visitas guiadas para achegar á cidadanía á arquitectura e ao funcionamento interno da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A iniciativa, titulada ‘Outra mirada’, ofrecerá percorridos temáticos e gratuítos por diferentes espazos do complexo do Gaiás, incluíndo tanto zonas accesibles habitualmente como outras restrinxidas ao público.

As visitas comezarán o sábado 26 de abril cun itinerario centrado no Museo Centro Gaiás, no que as persoas asistentes poderán coñecer de preto tanto o deseño arquitectónico do complexo —obra do estadounidense Peter Eisenman— como os mecanismos internos que permiten o funcionamento dun centro destinado a acoller exposicións, espectáculos e eventos culturais de gran formato.

O programa continuará durante o mes de maio, cun calendario de visitas que incluirá o Edificio Fontán —última infraestrutura incorporada ao complexo— e tamén o conxunto da Biblioteca e Arquivo de Galicia, onde se custodia unha parte fundamental do patrimonio cultural galego. Entre os fondos conservados nestas instalacións atópanse o legado de Isaac Díaz Pardo, gravados de Luis Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares e unha ampla colección de cartografía histórica de Galicia.

Tamén se prevé unha ruta específica polos espazos verdes que rodean os edificios da Cidade da Cultura, poñendo o foco na súa integración coa contorna natural do Monte Gaiás. Outro dos percorridos máis singulares será o que permitirá visitar a galería subterránea de servizos, unha infraestrutura que conecta internamente todo o complexo baixo terra e pola que se transportan pezas artísticas, equipamentos técnicos e subministracións.

A programación, segundo informou a Xunta, busca ofrecer unha experiencia diferente ao público, afondando en espazos que habitualmente non están abertos á visita libre e favorecendo unha comprensión máis profunda da dimensión cultural e funcional da Cidade da Cultura.

As visitas son de balde e requiren inscrición previa a través da páxina web da Cidade da Cultura, onde tamén se poden consultar os horarios, datas e dispoñibilidade de prazas.

ÚLTIMAS

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

O Arquivo da Catedral de Santiago abre as súas portas polo Día Internacional dos Arquivos

O Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago abrirá as súas portas á cidadanía entre o...

‘Compostela nocturna, mírame!’ trasládase a Cornes para achegar á veciñanza o futuro proxecto de iluminación da Catedral

A exposición 'Compostela nocturna, mírame!' continúa o seu percorrido pola cidade e instalarase desde...