InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOA Cidade da Cultura promove visitas guiadas para descubrir espazos habitualmente ocultos

A Cidade da Cultura promove visitas guiadas para descubrir espazos habitualmente ocultos

O ciclo 'Outra mirada' ofrecerá itinerarios temáticos gratuítos por zonas interiores e exteriores do complexo do Gaiás

Publicado o

Xornal de Compostela

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia vén de anunciar un novo programa de visitas guiadas para achegar á cidadanía á arquitectura e ao funcionamento interno da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A iniciativa, titulada ‘Outra mirada’, ofrecerá percorridos temáticos e gratuítos por diferentes espazos do complexo do Gaiás, incluíndo tanto zonas accesibles habitualmente como outras restrinxidas ao público.

As visitas comezarán o sábado 26 de abril cun itinerario centrado no Museo Centro Gaiás, no que as persoas asistentes poderán coñecer de preto tanto o deseño arquitectónico do complexo —obra do estadounidense Peter Eisenman— como os mecanismos internos que permiten o funcionamento dun centro destinado a acoller exposicións, espectáculos e eventos culturais de gran formato.

O programa continuará durante o mes de maio, cun calendario de visitas que incluirá o Edificio Fontán —última infraestrutura incorporada ao complexo— e tamén o conxunto da Biblioteca e Arquivo de Galicia, onde se custodia unha parte fundamental do patrimonio cultural galego. Entre os fondos conservados nestas instalacións atópanse o legado de Isaac Díaz Pardo, gravados de Luis Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares e unha ampla colección de cartografía histórica de Galicia.

Tamén se prevé unha ruta específica polos espazos verdes que rodean os edificios da Cidade da Cultura, poñendo o foco na súa integración coa contorna natural do Monte Gaiás. Outro dos percorridos máis singulares será o que permitirá visitar a galería subterránea de servizos, unha infraestrutura que conecta internamente todo o complexo baixo terra e pola que se transportan pezas artísticas, equipamentos técnicos e subministracións.

A programación, segundo informou a Xunta, busca ofrecer unha experiencia diferente ao público, afondando en espazos que habitualmente non están abertos á visita libre e favorecendo unha comprensión máis profunda da dimensión cultural e funcional da Cidade da Cultura.

As visitas son de balde e requiren inscrición previa a través da páxina web da Cidade da Cultura, onde tamén se poden consultar os horarios, datas e dispoñibilidade de prazas.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

A migración forzada por factores ambientais, a debate en Santiago o martes 17 de marzo

O vindeiro martes 17 de febreiro celebrarase no Centro de Estudos Avanzados de Santiago...

Santiago anuncia a reapertura do parque de Bonaval tras o derrube

O Goberno local de Santiago anunciou a reapertura do parque de Bonaval, tras tres...

O Goberno aproba a prórroga do Plan de Sustentabilidade Turística de Santiago para completar as actuacións previstas

O Consello de Ministros aprobou a modificación e prórroga de oito convenios correspondentes á...