InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIO(VÍDEO) A botica que iluminou Santiago antes da electricidade… e que segue...

(VÍDEO) A botica que iluminou Santiago antes da electricidade… e que segue aberta!

Como unha pequena farmacia no corazón de Santiago pasou de fabricar medicamentos únicos a converterse nun símbolo histórico da cidade

Publicado o

Por Míriam Ferraces Fernández

Hai máis de 100 anos, milleiros de españois confiaban nunha farmacia de Santiago para tratar mareos, fatiga e incluso o estreñemento. Esa farmacia segue aberta no mesmo sitio: a Farmacia Bescansa, situada na emblemática Praza do Toural, en pleno corazón da cidade. Pero detrás das súas portas gárdase moito máis que medicamentos: esta botica foi testemuña de descubrimentos científicos, innovacións farmacéuticas e dunha historia que conectou Compostela co resto de España.

Exterior da Farmacia, no Cantón do Toural – Arquivo

Todo comezou con Antonio Casares Rodríguez, un home adiantado ao seu tempo. Nado en Monforte de Lemos en 1812, Casares foi químico, farmacéutico, médico e investigador. É considerado o pai da química moderna en Galicia e destacou en múltiples campos da ciencia. Entre os seus logros máis importantes está o feito de sintetizar cloroformo por primeira vez en España, facilitando así as primeiras anestesias cirúrxicas no país nunha época onde calquera operación era un tormento.

Pero o seu espírito innovador non quedou só no mundo da farmacia. En 1851, nun tempo no que a electricidade apenas se coñecía en Europa, Casares logrou iluminar por primeira vez a noite compostelá utilizando un arco voltaico. A cidade, acostumada á luz das candeas e os farois de aceite, quedou abraiada ante aquela primeira demostración do que sería a luz eléctrica. Unha auténtica revolución en plena Praza do Toural, moito antes de que a electricidade chegase ás rúas da cidade.

A farmacia foi pasando de xeración en xeración ata que, a principios do século XX, a familia Bescansa tomou as rendas do negocio e levou a súa influencia moito máis alá de Santiago. En 1917, Ricardo Bescansa Castilla fundou os Laboratorios Bescansa, un proxecto que levou a farmacia compostelá a converterse nunha referencia en toda España. Alí comezaron a fabricar produtos que marcaron época, como o Laxante Bescansa, que estivo presente en fogares de todo o país durante décadas, as pastillas Mareosán, ideais para evitar o malestar das viaxes, ou o Jarabe Riché, recomendado contra a fatiga e a debilidade.

Pero non só fabricaban produtos farmacéuticos. Pensando nos peregrinos que chegaban a Santiago, crearon a colonia Musgo de Compostela, un perfume especial que pretendía levar o arrecendo da cidade alá onde fosen os camiñantes. Estes produtos acadaron tanta popularidade que non só se vendían en Galicia, senón tamén noutras provincias e grandes cidades como Madrid e Valencia.

Musgo de Compostela – Mitapol

A medida que os tempos foron cambiando, tamén o fixeron os Laboratorios Bescansa, que seguen activos hoxe en día, pero xa non fabrican aqueles produtos históricos. Agora están situados no Polígono do Tambre e dedícanse á produción de cosmética e produtos farmacéuticos modernos, con marcas recoñecidas como Acnosan (para o tratamento do acné) e Glicermina (cremas protectoras de mans). Durante a pandemia da Covid-19, incluso participaron na fabricación de xel hidroalcólico para unha empresa estranxeira e agora preparan unha versión optimizada para a súa propia marca.

E a farmacia? Segue no seu lugar de sempre, na Praza do Toural, conservando toda a súa esencia histórica. O seu interior é como unha viaxe no tempo: alí aínda se poden ver os mobles centenarios e os clásicos albarelos, aqueles antigos recipientes de cerámica nos que os boticarios gardaban os seus remedios e fórmulas secretas. Cada estante, cada detalle do seu mobiliario, é testemuña de máis de 180 anos de historia farmacéutica en Santiago.

Os míticos Albarelos – Arquivo do Xornal de Compostela

A próxima vez que pases pola Praza do Toural, fixa a mirada nesta farmacia centenaria e pensa en todo o que viu e viviu dende 1843. Quizais mesmo che entren ganas de entrar e descubrir por ti mesmo este pequeno tesouro da historia compostelá. Sabías toda esta historia?

ÚLTIMAS

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

A Semana do Patrimonio Invisible abrirá o Convento do Carme e As Orfas entre máis de 700 prazas en Compostela

Santiago de Compostela volverá abrir durante unha semana algunhas das portas que habitualmente permanecen...

O Concello limpa a Rocha Forte e prepara un contrato plurianual para o mantemento do xacemento

O Concello de Santiago completou este verán unha nova actuación de roza, limpeza e...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here