InicioECONOMÍAA xunta destina preto de 1,6 millóns ao Centro de Investigación Interdisciplinar...

A xunta destina preto de 1,6 millóns ao Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC

Esta inxección económica lévase a cabo despois de que o Cretus se integrase na Rede de Investigación de Excelencia de Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Galicia vai inxectar preto de 1,6 millóns de euros no Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela, tras a súa incorporación á Rede de Investigación de Excelencia de Galicia, que reúne aos axentes investigadores máis destacados das universidades galegas.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou este luns o centro para coñecer de primeira man as principais liñas de investigación que está a liderar, así como para anunciar o apoio da Consellería de Educación a estes espazos, co obxectivo de asegurar un financiamento estable da súa actividade científica ata o ano 2027.

Para garantir este tipo de apoios, a Xunta incrementou un 31%, ata os 23,6 millóns, o orzamento destinado á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, que incorpora cinco novos centros. Entre eles, dous son de máxima categoría, como é o caso do Cretus, mentres que tres pertencen á nova categoría de colaborativos, que aspiran a entrar nos próximos anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Este apoio consolida o modelo galego de investigación universitaria, situando a Galicia entre as cinco mellores comunidades autónomas do Estado en apoio á actividade investigadora. Ademais, é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, cubrindo as etapas predoutoral e postdoctoral, así como cun programa de retención de talento.

CRETUS

O Centro Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais iniciou a súa actividade en 2015 como agrupación estratéxica coa ambición de promover un centro de investigación referente na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sustentables.

Desde a súa creación, o propósito do Cretus foi combinar as capacidades de diferentes áreas de ciencias experimentais (ecoloxía, ecotoxicología, modelización, química analítica e química ambiental), ciencias sociais (dereito ambiental, psicoloxía social) e de enxeñaría (biotecnoloxía ambiental, enxeñaría ambiental, enxeñaría de procesos) cunha visión holística, para abordar retos máis ambiciosos atendendo a un triplo enfoque: diagnóstico + tecnoloxía + impacto.

Actualmente, conta con 99 investigadores que centran a súa actividade en oito áreas de desenvolvemento en I+D: remediación e usos sustentables do chan, tratamento e recuperación de augas, valorización de residuos, bioindicadores, integración de datos e modelado, monitorización fisicoquímica, procesos sustentables e impacto socioeconómico e ambiental.

A Universidade de Santiago, á que pertence o Cretus, recibirá un financiamento total de máis de 12,7 millóns de euros para os cinco centros de investigación da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia que obtiveron a acreditación en excelencia nesta última convocatoria, o que supón un aumento do financiamento para a USC dun 17%.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas para analizar o legado de Adam Smith e os 40 anos de España na UE

A Fundación Juana de Vega, a través da Cátedra Juana de Vega da USC,...

A Xunta inviste máis de 12 millóns na modernización de centros educativos de Santiago

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cifrou en máis de...