InicioECONOMÍAInspección de Traballo detecta incumprimentos graves nos vestiarios de Tralusa en Amio

Inspección de Traballo detecta incumprimentos graves nos vestiarios de Tralusa en Amio

A Inspección dá dous meses á empresa do grupo Monbus para adaptar as instalacións utilizadas por preto de 120 persoas e garantir tamén a separación entre mulleres e homes

Publicado o

Xornal de Compostela

A Inspección provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña constatou “incumprimentos graves” en materia de prevención de riscos laborais e de igualdade nas instalacións destinadas ao persoal condutor de Tralusa, empresa do grupo Monbus encargada do transporte urbano de Santiago de Compostela. As deficiencias afectan aos vestiarios e aseos situados no recinto feiral de Amio.

Segundo recolle o informe da Inspección, neste centro de traballo prestan servizo preto de 120 persoas, organizadas en dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde. O persoal condutor dispón, porén, dun único espazo para vestiarios e aseos que o organismo cualifica como “manifestamente insuficiente” tendo en conta o número de traballadores que pode coincidir ao mesmo tempo.

As dependencias contan unicamente con dous inodoros e dous lavabos para arredor de 60 persoas por quenda. A Inspección sinala que a normativa de prevención de riscos laborais obriga as empresas a garantir unha dotación suficiente de vestiarios e aseos en función do número de persoas que os empregan simultaneamente.

O informe tamén incide nas obrigas relacionadas coa igualdade entre mulleres e homes. As instalacións deben permitir a separación dos espazos ou, cando isto non sexa posible, establecer un sistema que asegure a súa utilización por separado por parte de traballadoras e traballadores.

Á vista destas circunstancias, a Inspección de Traballo requiriu a Tralusa para que adopte as medidas necesarias para corrixir as deficiencias. A empresa dispón dun prazo de dous meses para garantir que o persoal condutor conte con vestiarios e aseos que cumpran as condicións establecidas legalmente.

A presidenta do comité de empresa, Maica Doo, da CIG, denunciou que a situación leva tempo sendo trasladada á compañía. Segundo afirmou, Tralusa “nunca quixo cumprir coa obrigación de pór baños apropiados para as mulleres”, e sostivo que os aseos dispoñibles para elas contaban “só con váter sen tapa e asento e con deterxente como xabón de mans”.

Doo vinculou tamén estas deficiencias co desenvolvemento do Plan de Igualdade da empresa. “O desprezo polas traballadoras é total. Só querían o Plan de Igualdade porque llo esixen para poder presentarse aos concursos públicos”, afirmou a representante sindical.

A presidenta do comité asegura que a representación dos traballadores decidiu acudir á Inspección despois de máis dun ano reclamando cambios nas instalacións. “Tras máis dun ano de incumprimento tivemos que recorrer a Inspección de Traballo, que agora nos dá a razón”, engadiu Doo, despois de coñecerse o requirimento que obriga a Tralusa a actuar sobre os vestiarios e aseos de Amio.

ÚLTIMAS

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

O PSOE urxe o Goberno de Santiago a completar o censo de vivendas baleiras e mobilizalas

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que complete o censo...

A mocidade no Obradoiro seguirá a acampada: “A dereita traerá máis miseria”

Os mozos acampados pola vivenda na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, aseguraron...

A mercería Algui e a Asociación Compostelá de Diabetes protagonizan en outubro ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

A campaña municipal '12 Comercios, 12 Sensibilidades' dedicará o mes de outubro á colaboración...

A CIG reclama ao Concello que rescinda o contrato do SAF e asuma directamente o servizo

A CIG reclamou ao Concello de Santiago a rescisión inmediata do contrato coa empresa...

Wizz Air abrirá en decembro a súa base en Santiago cun avión permanente e sete rutas

Wizz Air porá en funcionamento o próximo 17 de decembro a súa nova base...