InicioECONOMÍAAugas de Galicia sanciona ao Concello de Santiago pola antiga depuradora de...

Augas de Galicia sanciona ao Concello de Santiago pola antiga depuradora de Sar

Goretti Sanmartín anuncia alegacións contra unha multa de 300.000 euros e cuestiona a súa proporcionalidade

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres da resolución emitida por Augas de Galicia pola que se propón unha sanción de 300.000 euros ao Concello en relación cun expediente aberto por verteduras procedentes da antiga depuradora do Sar. A rexedora avanzou que o Goberno municipal presentará alegacións dentro do prazo de 15 días concedido na resolución, asinada o 4 de febreiro.

Segundo explicou Sanmartín, o expediente iniciouse a partir dunha medición que detectou deficiencias no tratamento das augas residuais na vella estación depuradora, unha infraestrutura que, segundo indicou, xa era coñecida pola súa insuficiencia para asumir o volume de caudal recibido. A alcaldesa sinalou que inicialmente a infracción fora cualificada como leve, mais que posteriormente foi modificada a grave tras novas inspeccións, o que elevou a contía ata o máximo previsto para este tipo de faltas.

“Era unha infracción leve e, sen novo trámite de audiencia, pasa a ser grave e propónse a máxima sanción, 300.000 euros”, afirmou. A rexedora cuestionou que non se abrira un novo período de alegacións tras incorporarse novas medicións ao expediente e indicou que o Concello non puido formular observacións sobre eses novos datos.

RELACIÓN COA NOVA EDAR

A alcaldesa contextualizou os feitos no marco das obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), un proxecto no que participan as administracións estatal, autonómica e local. Durante a execución dos traballos, parte das instalacións antigas foron desmontadas conforme ao plan de obra previsto.

Sanmartín indicou que Augas de Galicia coñecía o desenvolvemento das actuacións ao formar parte da comisión de seguimento do proxecto xunto co Concello e coa Administración Xeral do Estado. Neste sentido, amosou a súa discrepancia coa apreciación de “intencionalidade” no incumprimento da autorización de vertido que figura na resolución.

“Non entendemos como se pode falar de intencionalidade cando se trataba dunha obra acordada entre administracións e coñecida por todas as partes”, declarou.

A alcaldesa tamén lembrou que a necesidade dunha nova depuradora viña sendo sinalada desde hai anos debido ás limitacións da antiga infraestrutura e que a entrada en funcionamento da nova EDAR supón, segundo apuntou, a solución a unha problemática histórica de tratamento insuficiente das augas residuais.

ALEGACIÓNS E RESPONDABILIDADES TÉCNICAS

O Concello trasladou o expediente aos servizos técnicos municipais e tamén á entidade estatal responsable da explotación da nova infraestrutura, así como á empresa concesionaria do servizo de saneamento e abastecemento, co obxectivo de recompilar información e preparar as alegacións correspondentes.

Sanmartín subliñou que o Goberno municipal defenderá a súa posición no procedemento administrativo e reiterou que a sanción proposta carece, ao seu xuízo, de xustificación na súa contía máxima. “Presentaremos alegacións e defenderemos os intereses da cidade”, afirmou.

A rexedora engadiu que, ao seu entender, resulta “difícil non facer unha lectura política” do momento no que se produce a resolución, coincidindo coa posta en marcha da nova depuradora. Con todo, incidiu en que será o procedemento administrativo o que determine finalmente o resultado do expediente.

MEDIO AMBIENTE NEGA MOTIVACIÓNS POLÍTICAS NA MULTA

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, aseverou un “cumprimento estrito da lei” sobre esta sanción de 300.000 euros. “Aquí non hai ideoloxía“, sentenciou a responsable autonómica, respondendo así ás dúbidas formuladas pola alcaldesa. “Estamos para axudarnos, pero non para saltarnos a lei”, recalcou Ángeles Vázquez, quen explicou que o problema deriva dunha serie de denuncias alleas a Augas de Galicia que obrigaron ao organismo a actuar e realizar os controis necesarios seguindo o seu curso ordinario.

Neste sentido, a conselleira advertiu que o Concello ten un “problema de carácter xudicial“, xa que o xulgado e a Fiscalía solicitaron os expedientes das investigacións. Mentres a Administración local prepara as súas alegacións, os servizos técnicos comunicaron a situación a Acuaes e á empresa fornecedora do servizo para que se tomen as accións correspondentes ante o proceso sancionador.

ÚLTIMAS

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca unha manifestación pola atención á diversidade

Representantes das organizacións que forman parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público...

O muro do antigo cemiterio de Bonaval derrúbase por acumulación de auga no terreo superior

Un treito do muro do antigo cemiterio de Bonaval, en Santiago de Compostela, veu...

A Policía Nacional instala unha carpa informativa exterior tras o incendio na comisaría

A Policía Nacional habilitará unha carpa no exterior da comisaría de Santiago de Compostela...

Santiago estuda suspender licenzas de hospedaxe en edificios residenciais para evitar a súa transformación en apartamentos turísticos

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás, explicou esta mañá en...

Santiago estuda suspender licenzas de hospedaxe en edificios residenciais para evitar a súa transformación en apartamentos turísticos

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás, explicou esta mañá en...

A Deputación da Coruña licita por 1,1 millóns a compra dun inmoble para abrir nova sede en Santiago

A Deputación da Coruña sacou a licitación por 1.125.300 euros a adquisición dun inmoble...

O aeroporto de Santiago perde un 29% de pasaxeiros en xaneiro tras rexistrar 133.079 usuarios

O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro pechou o mes de xaneiro con 133.079 pasaxeiros,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here