InicioECONOMÍAMaría Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

O programa permitiu a formación de 16 mozos e mozas menores de 30 anos en desenvolvemento web e produtos audiovisuais, e culminou coa creación dunha aplicación para visibilizar o ecosistema científico compostelán

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou este xoves o obradoiro de emprego Genius, unha iniciativa que durante o último ano facilitou a formación de 16 persoas menores de 30 anos nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e produtos audiovisuais multimedia interactivos. O traballo desenvolvido polo alumnado materializouse na creación da APP ‘Inxenius’, unha ferramenta dixital orientada a poñer en valor o talento investigador e o coñecemento científico existente en Santiago de Compostela.

Durante o acto de clausura, celebrado coa entrega de diplomas, Rozas agradeceu o labor das persoas participantes nun proxecto que, segundo indicou, “permite reivindicar esa Compostela que ás veces pasa máis desapercibida, que é a da ciencia, a da diversidade económica e a da Universidade da que nos sentimos profundamente orgullosas”. A tenenta de alcaldesa expresou tamén o seu desexo de que a experiencia formativa “abrira novas fiestras no mercado laboral, nun ámbito de enorme proxección como é o das tecnoloxías da realidade aumentada”.

A concelleira puxo igualmente o acento na colaboración institucional entre o Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia no desenvolvemento dos diferentes obradoiros de emprego, unha cooperación que, segundo lembrou, permitiu tanto a creación doutras aplicacións dixitais como a recuperación de espazos verdes para a veciñanza, entre eles o Banquete de Conxo, o parque do Berce do Sar ou o Sesteadoiro do Pedroso.

No mesmo acto participou tamén o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración, Juan José Couce, quen acompañou ao alumnado e ao equipo docente na clausura do programa e na entrega das acreditacións finais.

A APP ‘INXENIUS’

A aplicación ‘Inxenius’ está dispoñible para iOS e Android e pode descargarse de xeito gratuíto. O seu principal obxectivo é visibilizar o talento investigador local e reforzar o papel de Santiago como polo de atracción de talento, poñendo o foco na Universidade de Santiago de Compostela e nos seus institutos e centros singulares de investigación.

A ferramenta propón unha experiencia transmedia e inmersiva para achegar á cidadanía o ecosistema científico compostelán. Entre as súas funcionalidades inclúe un mapa interactivo da rede de centros de investigación da USC, unha guía en realidade aumentada na que unha personaxe virtual acompaña ás persoas usuarias nun percorrido pola historia da Universidade e dos seus equipamentos científicos, e un scrollytelling científico que permite coñecer as liñas de investigación e a actividade de cada centro. A APP complétase con pezas audiovisuais breves, enlaces a podcasts e entrevistas ao persoal investigador.

O obradoiro de emprego Genius contou cun orzamento próximo aos 440.000 euros e estivo enmarcado na iniciativa de emprego xuvenil e no programa operativo do Fondo Social Europeo Plus Galicia 2021-2027, orientado a mellorar a empregabilidade da mocidade a través da formación e da adquisición de competencias en sectores estratéxicos.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas para analizar o legado de Adam Smith e os 40 anos de España na UE

A Fundación Juana de Vega, a través da Cátedra Juana de Vega da USC,...

A Xunta inviste máis de 12 millóns na modernización de centros educativos de Santiago

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cifrou en máis de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here