InicioECONOMÍAKLM anuncia unha nova ruta aérea entre Santiago de Compostela e Ámsterdam...

KLM anuncia unha nova ruta aérea entre Santiago de Compostela e Ámsterdam a partir de maio de 2026

A conexión estacional contará con voos diarios durante o verán e reforzará a ligazón aérea de Galicia cun dos principais hubs europeos

Publicado o

Xornal de Compostela

A aerolínea neerlandesa KLM anunciou a posta en marcha dunha nova ruta aérea que conectará Santiago de Compostela con Ámsterdam a partir do 30 de maio de 2026, segundo a información publicada pola propia compañía na súa páxina web. A conexión terá carácter estacional e estenderase ata o 24 de outubro do mesmo ano.

O calendario de operacións estará organizado por fases. Entre o 30 de maio e o 3 de xullo, os voos realizaranse os sábados e domingos. A partir do 4 de xullo e ata o 30 de agosto, a ruta pasará a contar con frecuencias diarias, mentres que no último tramo, entre o 31 de agosto e o 24 de outubro, volverá operar unicamente nas fins de semana.

Segundo o horario previsto, a saída desde Ámsterdam efectuarase ás 13:45, con chegada ao aeroporto Rosalía de Castro ás 16:10 hora local. Pola súa banda, os voos desde Santiago de Compostela despegarán ás 16:40, aterrando na capital neerlandesa ás 19:05. A operativa realizarase con aeronaves Embraer 190 ou Embraer 175, modelos habituais nas rutas de medio percorrido da compañía.

Na presentación do novo destino, KLM define Santiago como a “porta histórica” de entrada a Galicia e subliña a súa “rica cultura, a súa refinada gastronomía e o seu papel como punto final do mundialmente famoso” Camiño de Santiago, elementos que, segundo a aerolínea, reforzan o atractivo da cidade no mercado internacional.

Con esta incorporación, Santiago de Compostela pasa a formar parte dos novos destinos europeos de verán de KLM para 2026, xunto coa illa británica de Jersey e Oviedo, ampliando así a oferta de conexións internacionais desde o aeroporto compostelán e consolidando a súa posición dentro da rede aérea europea durante a tempada alta.

NOVAS RUTAS TAMÉN A DUBLÍN

A este anuncio súmase tamén o reforzo da conexión aérea entre Santiago de Compostela e Irlanda, tras confirmarse que Aer Lingus incorporará unha ligazón adicional entre Lavacolla e Dublín durante a tempada de verán de 2026. Segundo trasladaron fontes da aerolínea a Europa Press, este incremento permitirá elevar a oferta actual ata os cinco voos semanais entre ambas as dúas cidades.

O novo servizo consistirá nun voo semanal de ida e volta, que operará todos os sábados entre o 30 de maio e o 12 de setembro de 2026. Esta frecuencia extra coincidirá, ademais, coa semana na que o aeroporto de Santiago reabrirá ao tráfico aéreo tras permanecer un mes pechado por obras, segundo a planificación prevista. No caso do voo con saída desde Santiago, o despegue está programado ás 16:50, con chegada a Dublín ás 18:00, mentres que desde a capital irlandesa partirá ás 12:50, aterrando en Compostela ás 16:10.

Este reforzo de Aer Lingus inscríbese nun contexto de reconfiguración das conexións aéreas de Lavacolla, marcado polos anuncios de novas rutas tras o peche da base de Ryanair en Santiago, comunicado pola compañía irlandesa no mes de setembro. A decisión de Ryanair xerou críticas por parte do persoal afectado, ao aplicarse un expediente de regulación de emprego (ERE), así como reaccións por parte de distintas institucións locais e autonómicas.

Nos últimos meses, o aeroporto compostelán vén sumando novas conexións internacionais. A propia Aer Lingus anunciou recentemente que operará unha ruta directa con Cork, con dúas frecuencias semanais, mentres que en outubro United Airlines confirmou a apertura dunha conexión entre Santiago e Newark, en Nova Jersey, cun total de tres voos semanais. Estes anuncios, xunto coa nova ruta de KLM con Ámsterdam, amplían a oferta internacional de Lavacolla de cara á tempada estival de 2026.

ÚLTIMAS

Rosa Crujeiras e Maite Flores pasan á segunda volta nas eleccións á reitoría da USC

A USC vén de pechar a xornada de votación electrónica para a elección da nova reitora...

Goretti Sanmartín reivindica no Debate do Estado do Concello as bases dun modelo urbano e social para as vindeiras xeracións

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este xoves 12 de febreiro no Pleno...

Grande aumento na participación das eleccións na USC: o 87% do profesorado permanente e case unha cuarta parte do estudantado

A USC vén de facer público o segundo adianto de participación nas eleccións á...

O Concello estuda limitar novos hoteis en edificios completos para frear a perda de vivenda no centro histórico

O Goberno local de Santiago de Compostela está a estudar a modificación dos requisitos...

O aeroporto de Santiago perde un 29% de pasaxeiros en xaneiro tras rexistrar 133.079 usuarios

O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro pechou o mes de xaneiro con 133.079 pasaxeiros,...

O Biopolo Sionlla reúne a 40 directivos no inicio do programa de transformación dixital de Galicia Business School

O Biopolo Sionlla, situado en Santiago de Compostela, converteuse esta semana no escenario das...

Urbanismo tramitou 123 ineficacias e 40 cesamentos de pisos turísticos en 2025

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, fixo balance das actuacións municipais en materia de...