InicioECONOMÍACompostela segue en loita constante por frear a escalada de prezos da...

Compostela segue en loita constante por frear a escalada de prezos da vivenda

Santiago pasou a ser a terceira cidade máis cara para vivir, despois da Coruña e Sanxenxo

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O mercado inmobiliario de Santiago atópase nun estado complexo, onde mercar unha vivenda, sexa nova ou de segunda man, pasou a converterse nun reto para a cidadanía. Esta situación tamén se reflicte no mercado do aluguer, que se tornou igualmente inaccesible para moitos. Os datos do portal Fotocasa revelan que o prezo medio do metro cadrado na cidade alcanzou cifras que antes da pandemia do coronavirus parecían impensables, destacando aínda máis a presión sobre o sector inmobiliario.

Dentro deste escenario, algúns barrios da cidade destacan polo alto custo do seu metro cadrado, co Ensanche á cabeza, seguido de Conxo e Santa Marta. Este incremento nos prezos tamén se observa na variación do custo segundo a tipoloxía dos inmobles, sendo os estudios e pisos dunha habitación os máis afectados. A pesar disto, Santiago mantense como a terceira cidade máis cara de Galicia, detrás da Coruña e Sanxenxo, o que evidencia unha tendencia xeral de incremento de prezos na comunidade.

A busca de alternativas levou a moitos a considerar a adquisición de vivendas nas áreas metropolitanas próximas a Santiago, onde os prezos por metro cadrado son considerablemente máis baixos. Este movemento responde á necesidade de atopar opcións máis asequibles fronte aos elevados custos da capital galega.

No que respecta ao aluguer, a situación non é menos desafiante. Con prezos que oscilan significativamente dependendo do número de estancias do inmoble, o mercado de aluguer segue amosando unha alta demanda, malia o aumento dos tipos de interés que comezou a frear o mercado de compra-venda. A diferenza entre a oferta de vivendas para mercar e para alugar é notable, cun maior número de inmobles dispoñibles para a venda en comparación coa oferta de aluguer.

Esta dinámica do mercado inmobiliario en Santiago reflicte un desequilibrio entre a oferta e a demanda, o que repercute na accesibilidade á vivenda na cidade. A situación, complicada pola crise económica derivada da pandemia e pola especulación asociada ás vivendas turísticas e estudantís, pon de manifesto os retos aos que se enfronta tanto a cidadanía como os responsables políticos para garantir un acceso xusto e sustentable á vivenda.

En xuño de 2011 o prezo por metro cadrado de vivenda en aluguer atopábase nos 6,7 euros e descendeu ata os 5,3 en decembro de 2016. A partir de entón, rexistrouse unha imparable tendencia ascentende, alcanzando os 8,8 euros como récord este pasado mes de febreiro de 2024.

DEBATE MUNICIPAL
O debate sobre a regulación do mercado inmobiliario en Santiago intensificouse nos últimos meses, culminando nunha serie de propostas e declaracións institucionais para abordar a crecente preocupación pola accesibilidade á vivenda.

Aitor Bouza, secretario xeral dos socialistas composteláns, subliñou a necesidade de declarar a cidade como mercado residencial tensionado como medida esencial para mellorar a situación da vivenda en Compostela, após unha reunión con Isabel Rodríguez, ministra de Vivienda. Esta iniciativa, asegura Bouza, busca promover o acceso á vivenda como un “dereito básico e fundamental”, enfocándose na promoción de vivenda pública, a mobilización de vivendas baleiras e a limitación dos prezos dos alugueiros.

Por outro lado, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, criticou a posición da Xunta e instou a un cambio de dirección para facilitar a declaración de zonas de mercado de aluguer tensionado. A administración local xa anunciou a súa intención de solicitar esta declaración, apoiada en pleno por PSOE, BNG e Compostela Aberta, malia a oposición do PP, que argumenta que a solución non pasa por limitar os prezos dos alugueiros, senón por ofrecer máis seguridade e incentivos aos propietarios.

O popular Borja Verea declarou no pleno municipal celebrado no pasado mes de xaneiro, no que o PSdeG levou a proposta declarar a cidade como zona de mercado de aluger tensionado, que “hai un problema de vivenda en Santiago, a xente non atopa vivenda de calidade a prezos asequibles e hai miles de pisos baleiros sen utilizar”. Porén, a solución que propoñen dende o Partido Popular local non é controlar os prezos, argumentando que ▶️”se esta medida segue adiante, o que vai xerar é que nesas zonas tensionadas van desaparecer moitos deses pisos”.

A declaración como zona de mercado residencial tensionado, unha medida contemplada na Lei de Vivienda estatal, busca regular os prezos dos alugueiros en resposta ao incremento sostido destes nos últimos anos. A cidade de Santiago rexistrou aumentos significativos nos prezos dos alugueiros, cun incremento medio dun 26,6% nos últimos cinco anos, o que reflicte un mercado inmobiliario cada vez máis inaccesible para moitos dos seus habitantes.

Esta situación xerou un amplo debate sobre as mellores estratexias para garantir o acceso á vivenda digna, coa administración local e os partidos políticos explorando diferentes vías para abordar o desequilibrio entre a oferta e a demanda de vivendas. Mentres que o goberno local e varios partidos políticos ven a declaración de Santiago como zona tensionada como un paso necesario para corrixir este desequilibrio, outros sectores advirten sobre os posibles efectos contraproducentes de medidas de control de prezos, sinalando a necesidade de enfoques máis integrais que tamén consideren a seguridade e os incentivos para os propietarios.

Dende o goberno local, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, afirmou a Xornal de Compostela que dende o goberno entenden que a problemática da vivenda é estrutural. Considera que regular o mercado de arrendamentos neste caso é fundamental, “aínda que o PP non pensa igual”. Considera que debemos entender que o mercado da vivenda debe ser regulado, igual que “todo o mundo entendeu que se regulase o prezo da enerxía ou do combustible”.

Indica que existen experiencias positivas no regulamento do mercado do alugueiro, como a regulación da vivenda en Nova York. Por outra banda, dende a Xunta de Galicia informaron á Concellería de Urbanismo de Santiago de que dende o goberno autonómico non se van declarar de oficio as zonas de mercado residencial tensionado. “Están en contra da Lei polo dereito á vivenda e non cren que regular o alugueiro sexa a solución”, afirma o responsable de Urbanismo de Compostela. Por outra banda, asegura que dende a Xunta recibirán as solicitudes de declaración por parte dos concellos e, “se están ben fundamentadas, declararanas”.

VIVENDA PROTEXIDA

O concelleiro de Urbanismo fixo tamén fincapé nas súas declaracións ás intencións do Concello de cara á vivenda protexida. Lamenta que Compostela sexa a cidade de Galicia con menos vivendas de promoción pública, pois conta con tan só 54, situadas todas elas en Salgueriños, fronte ás 69 de Ourense, 97 de Ferrol ou 135 de Pontevedra, segundo datos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Lestegás considera que un dos problemas que ten non só Santiago, senón todo o sur de Europa, é a ausencia dun parque público de vivenda. Considera que isto, que noutros países do norte entenden como fundamental, é “un dos piares do acceso á vivenda”.

Dende o Concello aseguran que sacarán á venda algunhas parcelas que teñen cualificadas como de vivenda protexida, co obxectivo de que quen as adquira poida facer este tipo de vivenda.

“A nosa política de vivenda é facer vivenda a través da rehabilitación da cidade histórica”, asegura o concelleiro Iago Lestegás. “A idea é poder adquirir inmobles abandonados da cidade histórica e rehabilitalos coa fin de facer vivenda pública de alugueiro. O noso modelo é facer vivenda pública, pero non na periferia da cidade”, sentenciou.

O concelleiro considera que “durante moitos anos fíxose vivenda renunciando a facer cidade. E o obxectivo ten que ser facer vivenda facendo tamén cidade”.

ÚLTIMAS

O PP de Santiago reclama ao BNG e PSOE unha condena ao réxime de Maduro nunha manifestación no Obradoiro

O Partido Popular de Santiago participou esta tarde na manifestación Mundial en apoio a...

A Xunta avanza co Eixo de Mobilidade Sustentable entre Sar e Milladoiro malia a oposición veciñal

O proxecto da Xunta de Galicia para a construción dun Eixo de Mobilidade Sustentable...

A Romaría de Santa Minia impulsa espazos libres de violencia no seu Punto Lila

A Romaría de Santa Minia, que se celebra no concello de Brión, conta por...

A Festa da Filloa de Lestedo é recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional

A Festa da Filloa de Lestedo, no concello de Boqueixón, foi oficialmente recoñecida como...

O Concello destina 400.000 euros en axudas a organizacións para realizar proxectos de cooperación

O Concello de Santiago destinará 400.000 euros en axudas a organizacións non gobernamentais de...

Comerciantes da Praza de Abastos amosan preocupación polo plan de restrición de tráfico en Virxe da Cerca

O anuncio do Concello de Santiago sobre a convocatoria dun concurso de ideas para...

Adxudican as obras para a acometida eléctrica da nova depuradora de Santiago

O Consello de Administración da sociedade estatal Augas das Concas de España (Acuaes), dependente...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here